Presentación: CONTAMOS O QUE PASA

O camiño andado


O camiño por andar

Que precisamos?

  • Coñecer a historia da nosa lingua.
  • Ser conscientes dos prexuízos lingüísticos que afectan o galego e non deixarse influenciar por eles.
  • Coñecer a toponimia e os antropónimos.
  • Coñecer os recursos léxicos para posuír un vocabulario abundante, preciso e libre de prexuízos.
  • Coñecer os mecanismos gramaticais que nos serven para ampliar o noso vocabulario e elaborar os nosos textos con corrección.
  • Manexar o léxico relacionado cos medios de comunicación e o deporte.
  • Saber interpretar distintas fontes de información visual (gráficos, mapas, símbolos) e tamén saber empregalos para transmitir información.
  • Saber interpretar os textos poéticos e coñecer as súas características .
  • Saber ler e interpretar os distintos tipos de textos xornalísticos e diferenciar información de opinión.
  • Coñecer os elementos básicos dos distintos xéneros xornalísticos: noticia, reportaxe, crónica, entrevista, editorial...
  • Escribir correctamente sen faltas de ortografía.
  • Entender e manexar as ferramentas para poder editar os textos.
  • Saber redactar textos dos diferentes xéneros xornalísticos.

Presentación do proxecto

O obxectivo deste proxecto é elaborar un xornal.

Vivimos na sociedade da información, na actualidade calquera persoa pode estar informada case en tempo real dos acontecementos que suceden en todos os lugares do mundo. Ademais, coas novas tecnoloxías e grazas aos nosos teléfonos móbiles calquera de nós se pode converter nun momento en reporteiro/a dos feitos de interese que ocorren ao noso redor: podemos facer fotografías e escribir comentarios que, se os subimos ás redes sociais, inmediatamente se espallarán e serán coñecidas por moita xente.

Pero, en realidade ser xornalista non é algo tan sinxelo, é fundamental unha boa formación lingüística para poder contar as noticias con corrección, necesítase coñecer técnicas para conseguir que os/as lectores/as se interesen no que se lles está contando, é preciso posuír unha formación adecuada para poder explicar as noticias aos lectores que non son expertos en determinados temas especializados... En fin, que se cadra non é tan doado converterse en reporteiro/a dun momento para outro, é obvio que precisamos unha preparación.

Así pois, o que imos facer ao longo desta unidade será preparármonos para converternos nuns/nunhas excelentes xornalistas. O resultado será a redacción e a maquetación dunha revista de noso. Nela practicaremos os distintos xéneros xornalísticos (noticia, reportaxe, crónica...) e abarcaremos as diferentes seccións (local, cultura, deporte..), informaremos e analizaremos en profundidade sobre temas de interese social, ofreceremos opcións para lecer e entrevistaremos a persoeiros de interese... é dicir, aprenderemos a interpretar os diferentes textos xornalísticos e construiremos os nosos propios materiais informativos.

Onde buscamos?

Xa sabes que no apartado in(fo)formación podes atopar todo o material de axuda que precises: todos os contidos e as explicacións necesarias .

Moi importante é tamén que traballes as destrezas concretas que se requiren para esta tarefa, pódelas encontrar no apartado competencias.

Así mesmo, dispós de ligazóns a dúas ferramentas que che poden ser útiles de maneira puntual: o dicionario da RAG e un conxugador de verbos.

Podes repasar, se o precisas, os aspectos vistos nas unidades 1, 2 e 3.

Xa sabes que a realización da tarefa é o final do proceso, antes cómpre que vaias avanzando chanzo a chanzo no manexo de distintas cuestións gramaticais, literarias, textuais..., reflexionando sobre varias cuestións lingüísticas e realizando os exercicios e actividades que che axudarán a adquirir as habilidades comunicativas precisas para poderte converter nun/nunha gran xornalista.

Como traballamos?

En grupos, claro!

Non te asustes, en todo este proceso non vas estar só/soa, é unha tarefa que imos realizar en grupos. Loxicamente cada un/unha de vós terá que afianzar os seus coñecementos e para iso requírese un esforzo individual, nalgún momento todos e todas teredes que realizar exercicios e actividades sen a axuda do grupo, e todos e todas teredes que escribir os vosos textos. Mais tamén haberá lugar para o enriquecemento mutuo e para a reflexión colectiva e logo virá o traballo en equipo, onde aproveitaremos as habilidades e calidades de cada individuo para enriquecer o resultado final que, coma sempre, será o produto do traballo conxunto.