Presentación: CONTAMOS A NOSA HISTORIA

O camiño andado


O camiño por andar

Que precisamos?

  • Ser estupendos/as actores/actrices? Non ho!, calquera pode facelo se lle pon intención.
  • Coñecer ben a nosa lingua e as súas variantes sociais e dialectais.
  • Saber buscar o vocabulario que precisamos en cada momento.
  • Coñecer os mecanismos da lingua que nos serven para facer narracións: o manexo dos verbos (morfoloxía) e a construción dos textos (sintaxe).
  • Manexar o léxico relacionado co tempo, coas relacións de parentesco, coas accións cotías...
  • Coñecer e apreciar as características da literatura oral.
  • Coñecer os elementos básicos de calquera texto narrativo literario e, por suposto, as características especiais da narrativa oral.
  • Saber elaborar un texto narrativo.
  • Pronunciar correctamente os sons da nosa lingua.

  • Coñecer as claves da linguaxe verbal e da linguaxe non verbal.

  • Saber presentar un texto correctamente, tanto de forma oral coma escrita.

Presentación do proxecto

O obxectivo deste proxecto é realizar unha sesión de contacontos.

Todos os seres humanos necesitamos momentos de distracción, momentos nos que poidamos vivir emocións máis ou menos intensas (rir, ter medo...) e como a escola non é máis que unha especie de representación a escala do universo no que vivimos, pois tamén aquí precisamos deses momentos de solaz, non cres?

Precísalos ti e os teus compañeiros e compañeiras tamén. E para iso contamos contigo, para animar e distraer. O que imos facer ao longo desta unidade será prepararnos para converternos nuns excelentes contacontos e así poder premiar a outros compañeiros doutros grupos cunha sesión na que poderán gozar con boas historias creadas e contadas por ti/vós.

Por suposto, para isto precisades unha preparación, non vos podedes lanzar sen rede. Non vos preocupes, todo se aprende e vós ides ter unha preparación de primeira vendo facer a bos mestres e tamén formándovos en varios aspectos lingüísticos e culturais necesarios para poder levar a cabo unha actividade deste tipo.

Daquela, o traballo nesta unidade consiste en escribir unha estupenda historia que logo haberá que preparar para un espectáculo con público e, por suposto, representala.

A representación farase primeiro  na aula, na presenza dos compañeiros e compañeiras, pero nunha segunda haberá que preparar o espectáculo para representalo nalgún acto cultural dos que se celebran no instituto (no Samaín, no Día do Libro, na festa das Letras Galegas, no Día da Paz... isto xa dependerá da temática que abordedes nos textos e tamén da programación de actividades extraescolares que se faga no centro).

Onde buscamos?

Coma sempre, no apartado in(fo)formación ofrecémosche boa parte do material de axuda para que te prepares antes de comezares o traballo.

Ademais, no apartado competencias tes á túa disposición guías prácticas que che permitirán ir adquirindo as destrezas precisas.

Así mesmo, dispós de ligazóns a dúas ferramentas que che poden ser útiles de maneira puntual: o dicionario da RAG e un conxugador de verbos.

Podes repasar, se o precisas, os aspectos vistos nas unidades 1 e 2, sobre todo os relativos ao uso da lingua oral.

Xa sabes que para que a tarefa teña o éxito asegurado cómpre preparáreste antes en varios aspectos relativos ao manexo da lingua e da tipoloxía textual, por iso é preciso a reflexión teórica e a realización de exercicios e actividades que che achancen o camiño e che permitan convertéreste nun gran narrador de historias.

Como traballamos?

En grupos, claro!

Non te asustes, en todo este proceso non vas estar só/a,  é unha tarefa que imos realizar en grupos. Aínda que nalgún momento todos e todas teredes que realizar exercicios e actividades de xeito individual, e todos e todas teredes que escribir as vosas narracións para presentar na aula, logo virá o traballo en equipo onde aproveitaremos as habilidades e calidades de cada individuo para enriquecer o resultado final, que será o produto do traballo conxunto.