Presentación: FALAMOS COS DEMAIS

O camiño andado


O camiño por andar

Que precisamos?

  • Saber buscar e seleccionar información
  • Saber redactar e organizar un texto expositivo
  • Coñecer algún programa informático para elaborar presentacións
  • Saber elaborar unha presentación dixital
  • Saber falar en público dominando todos os recursos expresivos a nivel oral e visual
  • Manexar o léxico referido ás novas tecnoloxías
  • Pronunciar cunha fonética correcta
  • Presentar debidamente un traballo académico
  • Realizar todo tipo de lecturas, nomeadamente a lectura comprensiva e a expresiva

  • Coñecer os mecanismos da lingua que empregamos nos textos expositivos: a determinación do substantivo, os conectadores  e os tipos de enunciados (morfoloxía e sintaxe)

  • Saber facer esquemas

  • Respectar e coñecer a diversidade lingüística

  • Manexar as regras de acentuación e poñelas en relación coa entoación

  • Coñecer algo máis sobre a linguaxe literaria e o uso literario da lingua nos textos expositivos

Presentación do proxecto

O obxectivo nesta unidade é que te convertas en conferenciante!!!!

Como cada ano celébrase o Día das Letras Galegas e temos ansia por saber todo sobre o/a autor/a ao que se lle dedica: publícanse libros, fanse adaptacións musicais de textos, ródanse documentais, dramatizacións... e expertos e expertas na súa obra acoden aos centros de ensino para lle explicar ao alumnado os aspectos máis importantes da súa vida e da súa obra. Pois ben, esta é a túa oportunidade!, ti vas ser o experto/a que expliques ás túas compañeiras e compañeiros do instituto todo o que teñen que saber sobre a persoa homenaxeada no Día das Letras.  No programa de actividades que o teu instituto organiza  para celebrar o Día das Letras galegas incluirase unha conferencia na que ti e outros compañeiros/as seredes os /as relatores/as.

Para isto deberás prepararte: non só terás que saber moito sobre o/a autor/a e a súa obra senón que ademais  has de dominar a arte da oratoria, é dicir, terás que aprender a falar en público.

Para conseguilo documentaraste a fondo; consultarás abondosa bibliografía e webgrafía, coñecerás traballos realizados sobre o autor no que se aborde a súa traxectoria persoal e creativa e, por suposto, deberás ler a súa obra.  Unha vez que xa sexas experta/o no tema, chegará o momento de elaborares a presentación para dar a coñecer ao público o froito das túas investigacións. Para iso redactarás o teu relatorio e elaborarás unha presentación dixital coa que  apoiar as túas palabras diante do público e, unha vez preparado todo o preciso, xa estarás en condicións de acudir á cita...

Onde buscamos?

No apartado in(fo)formación ofrecémosche boa parte do material de axuda para que te prepares antes de comezares o traballo.

No apartado competencias tes á túa disposición guías prácticas que che permitirán ir adquirindo as destrezas precisas.

Tamén podes precisar actualizar algunhas cuestións xa vistas na unidade 1.

Xa sabes que antes de estar listo/a para levar a cabo a tarefa cómpre un tempo de preparación no que realizarás exercicios e actividades que che permitirán ir dominando todas as ferramentas que necesitas e adquirindo cada vez máis coñecementos prácticos para manexar mellor a lingua.

Como traballamos?

En grupos, claro!

A conferencia impartirédela en grupo e dese xeito sentirédesvos máis protexidos e protexidas diante da mirada do público. E da mesma maneira realizaredes a súa preparación, pero ollo! en grupos non significa que cada integrante prepare unha parte senón que entre todos e todas os constituíntes de cada grupo traballaredes de maneira colaborativa e coordinada.

Loxicamente, ao longo da unidade de traballo tamén hai múltiples exercicios e actividades que realizaredes de maneira individual como preparación e adestramento na asimilación das destrezas que precisades. Irémosvos guiando...