Presentación: FALAMOS DO NOSO

O camiño andado


O camiño por andar

Que precisamos?

  • Saber algo de fotografía? Non vén mal, pero ímonos conformar con dispoñer dun aparello que nos permita tirar fotos.
  • Coñecer algún programa informático para elaborar presentacións
  • Saber buscar e seleccionar a información
  • Coñecernos e coñecer a nosa contorna
  • Coñecer os mecanismos da lingua que nos serven para facer descricións: substantivos e adxectivos (morfoloxía) e como modificalos para ampliar a información (sintaxe)
  • Manexar o léxico relacionado coa paisaxe rural e urbana e co corpo humano.
  • Saber describir
  • Coñecer as claves da linguaxe verbal e da linguaxe visual
  • Saber presentar un texto correctamente, tanto de forma oral coma escrita.

O proxecto

O obxectivo deste proxecto é realizares unha exposición foto-descritiva do lugar onde vives.

Din por aí que unha imaxe vale máis que mil palabras, pero ti e e mais nós sabemos que o valor das cousas depende do que se estea disposto a pagar por elas e, ademais,  non todas as persoas poden gozar das imaxes, por iso che suxerimos  presentar a túa contorna valéndote das imaxes e das palabras,  ou o que é o mesmo: usando a linguaxe visual e a linguaxe verbal.

Para conseguires isto terás que elaborar unha presentación informática na que incluirás as fotografías necesarias para ofreceres unha visión completa da túa aldea, vila ou cidade (lugares de interese, monumentos máis senlleiros, actividades profesionais máis significativas, posibilidades de lecer...). Acompañarás cada imaxe cunha descrición obxectiva oral e outra subxectiva (literaria) escrita, que completen a información que ofrece a imaxe. É dicir, ofrecerás unha visión global do lugar no que vives.

Cando estea feita, terás que presentar de maneira oral o teu traballo. Pode ser aos compañeiros e compañeiras da túa aula ou aos doutros cursos... e, de xurdir a oportunidade,  a estudantes doutros centros que veñan visitarvos, incluso pode servirvos para presentardes a vosa vila cando vaiades de visita a outros institutos.

Ademais, por suposto, haberá que contribuír a que todo o mundo coñeza as marabillas do lugar onde vives e para iso está internet, onde podes compartir os teus traballos, así pois terás que publicar a información para que sexa de acceso a todas as persoas interesadas.

Onde buscamos?

No apartado in(fo)formación ofrecémosche boa parte do material de axuda para que te prepares antes de comezares o traballo.

Non desesperes se ves que se precisa un tempo antes de poñerte mans á obra, pensa que antes de poderes usar as ferramentas tes que practicar con elas para lles tirar o máximo rendemento. É preciso que fagas exercicios e actividades para mellorar o teu coñecemento da lingua ao mesmo tempo que abordas a túa tarefa.

Como traballamos?

En grupos, claro!

Non te asustes, en todo este proceso non vas estar só/a,  é unha tarefa que imos realizar en grupos, aínda que nalgún momento todos os e as integrantes de cada grupo teredes que realizar exercicios e actividades de xeito individual, para así acadardes unha boa preparación que produza como resultado un traballo de excelente calidade.