Despois de falarmos dos textos de tipo informativo e dos xéneros de opinión, fáltanos agora abordar aqueloutros nos que se mesturan estas dúas posibilidades, é dicir, os textos nos que se informa sobre un feito (xeralmente de actualidade) pero baixo o prisma co que o/a xornalista observa a realidade. Adoitan chamarse xéneros mixtos, híbridos ou interpretativos. Podemos incluír nesta clasificación tres tipos de textos: a reportaxe, a crónica e a entrevista.
Xéneros interpretativos
A reportaxe
É a forma máis completa e complexa de todos os xéneros xornalísticos, pois nela dáse conta en profundidade dun tema determinado. O papel do/a xornalista non se limita aquí a transcribir uns feitos senón que debe investigar: consultar documentos, entrevistar a protagonistas e testemuñas…
Acostuman tratar temas de actualidade, pero non necesariamente actualidade inmediata, de feito requírese que pase un tempo mínimo para recoller os datos e preparar os textos. Hai algúns temas de actualidade que teñen a suficiente importancia como para estaren vixentes varios días despois de acontecer e admiten seren tratados en detalle ofrecendo ao lector unha información máis exhaustiva ca a que se lle concede nunha noticia, profundando no como e no por que aconteceron os feitos; son eses temas os que merecen unha reportaxe.
As reportaxes son as que dan personalidade a un xornal, pois normalmente todos os periódicos informan sobre a mesmas noticias pero non seleccionan co mesmo criterio a materia para as reportaxes, nin lles dan o mesmo enfoque. Aquí é onde se ve, en certo modo, a tendenciosidade do xornal: por que a algúns xornais non lles interesa investigar determinados feitos e a outros si?
Debemos ter en conta que existen reportaxes que están máis próximas ás noticias por canto só buscan afondar nun tema sen incluír o/a xornalista as súas interpretacións (incluiriamos estes textos dentro dos textos informativos) pero noutras si se fan valoracións e se ofrece a visión persoal de quen escribe. As reportaxes resultan fiables en canto ao relato dos acontecementos, de feito adoitan estar acompañados de datos obxectivos que se ofrecen en modo de fotografías, gráficos, mapas... De todos os xeitos, na súa elaboración sempre se deixa ver a subxectividade do/a autor/a pois, por exemplo, ofrécense visións persoais das testemuñas que, debidamente seleccionadas, poden encarreirar o lector cara a unha ou outra interpretación dos mesmos feitos.
Canto á lingua empregada, aínda que se debe procurar que o estilo sexa breve, claro e directo, inclúense tamén anécdotas, descricións, notas de humor… dando como resultado un texto atractivo non só polo que se conta senón tamén pola maneira de contalo.
No referente á estrutura da reportaxe, débese procurar que coincida coa da noticia, é dicir, narrar os feitos de maneira descendente, comezando polo máis relevante e deixando os detalles menos importantes para o final. Tamén, ao igual ca a noticia, consta dun título, unha entrada e un corpo. No corpo existe a posibilidade de que só se transcriba a voz do autor, que é o que presenta todos os acontecementos e describe os ambientes, ou que se conten os feitos intercalando a voz do xornalista coas palabras textuais das persoas protagonistas ou testemuñas.
As reportaxes sempre están asinadas polos seus autores/as, basicamente por dúas razóns: a primeira é porque se trata dun texto no que ás veces se fan valoracións e, polo tanto, os seus autores deben responsabilizarse delas, e a segunda é que é o xénero onde un/unha xornalista mellor pode mostrar o seu oficio e a súa valía, tanto na faceta da investigación como na de redacción.
Exemplo
Nin amigable da selección galega nin partido pola oficialidade.
Miguel Pardo
Partido organizado polos Siareiros en Ourense
© Siareir@s Galeg@s
Once inicial da reestrea da selección galega en 2005
A selección galega de fútbol tampouco xogará este Nadal. E nin tan sequera haberá desta vez o tradicional partido que o colectivo Siareir@s Galeg@s organizaba entre un conxunto galego e outro do exterior para reivindicar a oficialidade do combinado do país.
O presidente en funcións da Federación Galega de Fútbol (FGF), José García Liñares, confirmou a Praza que será "imposible" que a selección galega dispute este mes de decembro un partido amigable, tal e como tiña pensado e despois de que mantivese negociacións coas federacións catalá e madrileña para a celebración deste encontro.
A carreira electoral na que se atopa o organismo -que elixirá o vindeiro 18 de decembro un novo presidente e no que o principal rival do actual alcalde de Cerceda é o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán- facían xa "moi complicada" a organización deste encontro, co que se pretendía retomar o partido amigable que o combinado profesional galego celebrou durante catro anos a iniciativa do goberno bipartito. A volta do PP á Xunta puxo fin a unha tradición que durou ben pouco e que enfrontara a Irmandiña con Uruguai, Ecuador, Camerún e Irán.
A celebración do proceso electoral na FGF complicou as cousas, pero tamén o feito de que un dos principais valedores do regreso da selecicón galega se atope agora na procura dun futuro profesional. Así o recoñece Liñares. "Fernando Vázquez está negociando cun equipo da China; eu xa falara con el para organizar o partido pero agora todo se xuntou e as circunstancias fan que sexa imposible levalo a cabo", asume o presidente en funcións da Federación, que xunto ao ex adestrador do Deportivo achegara posturas coa súa homóloga catalá para disputar dous partidos ante o combinado catalán.
"Nin a nivel federativo nin a nivel político hai demasiado interese en que se fagan eses partidos, pero sería bonito porque dispoñemos dun grupo de rapaces en Galicia que sería interesante ver xogando xuntos", dixera Fernando Vázquez neste mesmo ano. A excelente xeración de futbolistas galegos que destacan no Celta ou no Deportivo, pero tamén noutros grandes clubs españois e europeos, terá que seguir agardando para disputar un encontro xunta.
"Tampouco me parecía o momento de enfrontarnos a Cataluña por todo o momento político que alí se vive; eu quería quitarlle calquera matiz político ao partido e na situación actual era moi difícil", engade Liñares, que intentou tamén a última hora, e sen éxito, a organización dun partido contra unha selección madrileña. "Se gaño as eleccións, en 2015 haberá partido da selección galega, iso seguro", di.
Quen si xogarán serán Cataluña e Euskadi, que disputarán un partido amigable o 28 deste mes de Nadal en San Mamés, onde conmemorarán o primeiro enfrontamento entre as dúas seleccións, celebrado o 3 de xaneiro de 1915. Galicia, pola contra, terá que volver agardar porque, desta vez, nin tan sequera haberá un partido reivindicativo de futbolistas afeccionados, como si ocorreu durante os últimos cinco anos, e que desde 2009 enfrontou un combinado galego con conxuntos de Paraguai, Palestina, Sáhara, Kurdistán e Occitania.
O colectivo Siareiros Galegos anunciou nun comunicado que "non se celebrará a tradicional xornada de reivindicación da oficialidade para as nosas seleccións". Aseguran que "a debilidade do colectivo, as dificultades para contar coa participación de deportistas e a falta de apoios", entre outros motivos, leváronos a desistir, aínda que advirten que consideran "vital continuar a reivindicar o dereito a competir de igual a igual co resto de pobos do mundo".
Ante estas dificultades, Siareiros asegura que a súa continuidade como colectivo "precisa dunha implicación social" e anima "a todos e todas a participar de forma activa da vida do colectivo e a dinamizalo". Por iso, a comezo do vindeiro ano celebrará unha asemblea aberta para "dar cabida a todas aquelas persoas interesadas en participar" dunha organización que leva anos pedindo a oficialidade dos combinados deportivos galegos.
"Non se pode negar que para nós supón unha mágoa non celebrar esta xornada, mais agardamos que esta sexa unha oportunidade para volver coller forza no camiño da oficialidade para a Galiza", rematan.
Praza pública, 10 de decembro de 2014
Debe figurar o nome do autor
Trátase un tema de actualidade, pero non necesariamente do día.
Acompáñase con fotografías
Aínda que os datos son obxectivos, a redacción deixa ver a postura do redactor.
O xornalista investiga e entrevista aos
protagonistas.
Investíganse as causas, non se limita a dar a información.
Intercálanse as palabras dos protagonistas coa redacción do xornalista.
X
A crónica
Tamén é un relato sobre un tema de actualidade. A súa autoría xeralmente procede dun/unha correspondente nun lugar determinado ou un/unha enviado/a especial a ese lugar, precisamente coa intención de que ofreza a súa propia visión sobre o que está a acontecer.
Ten relación coa noticia en canto que se trata sobre un feito recente e de interese xeral pero diferénciase desta en que a información non é obxectiva, pois cóntase o que pasa a partir da mirada do/da xornalista, quen valora a información que proporciona. Tamén ten relación coa reportaxe en canto que se trata dun texto extenso (que adoita ir acompañada de debuxos, fotografías…) onde se poden incorporar descricións de lugares e persoas, entrevistas con testemuñas… pero diferéncianse porque na crónica a finalidade non está tanto en buscar explicacións coma en narrar os feitos cronoloxicamente e comentalos.
O tema da crónica é libre, seguramente terás lido ou escoitado máis dunha crónica deportiva (por exemplo unha retransmisión dun partido), pero poden escribirse crónicas sobre calquera tema: economía, algún feito social, algún suceso natural importante, traxedias bélicas...
O estilo debe ser claro e sinxelo, pero é o xénero que máis se presta para admitir todos os recursos estilísticos propios da linguaxe literaria: comparacións, metáforas, ironías, xogos de palabras… Así mesmo é a que máis liberdade lle permite ao/á autor/a á hora de estruturar o texto, pode escribir o que queira e como queira (por suposto sen faltar á verdade).
Exemplo
Crónica de ambiente: tímida e mal repartida participación nun día como dos anos 80
RODRI SUÁREZ
Votantes na Coruña
Se un total de 2,7 millóns de galeg@s están hoxe chamad@s ás urnas, apenas un cento foi visto dentro dos colexios por este cronista, que por motivos de censo -e xa postos, xornalísticos- pois tivo que percorrer toda a súa cidade para ir votar e de paso contar o que viu nunha urbe que amenceu gris, con chuvia, e na que logo saíu o sol. De contrastes vai a cousa.
Se un total de 107.723 galeg@s poden emitir hoxe o seu sufraxio por vez primeira, o cronista-paseante pode afirmar que non viu a ningún deles, o que non deixou de causarlle certa insatisfacción. Certo é que o voto da xente máis nova non é precisamente o máis madrugador, pero dentro da limitada asistencia ás urnas que puido constatar botou en falta esa presenza, a da mocidade. Porque a imaxe dos colexios deixoulle sabor agridoce, non polo feito de que o ambiente fose máis ben tímido, senón polos desequilibrios observados, que darían para moitas análises, mais aquí non se pensa facer ningunha proxección que logo a realidade desminta. Para cometer eses erros están as empresas de demoscopia, non os periódicos. Malia que tantas veces se confundan uns e outros, sobre todo en campaña.
Curiosamente, o colexio -hoxe tamén electoral- que leva o nome do fundador dunha empresa xornalística que así mesmo ten unha división de enquisas foi o primeiro en ser visitado polo cronista. Barrio coruñés do Castrillón. De xente traballadora, pero tamén zona moi envellecida. Notábase na afluencia ás urnas, de alta media de idade. Eran pouco máis das once da mañá. Dous vellos que se saúdan e falan algo tipo “ao final acabamos aquí os dous”, o que fai supoñer que con anterioridade chamaron de todo -e nada bonito- a todo aquel que teña que ver coa política. O cronista non pode distinguir que papeleta levan dentro do sobre, pero alberga grandes sospeitas. Non vai mal de xente para o esperado. E para o visto despois.
200 metros máis abaixo, hai outro colexio electoral, situado na sede dunha asociación de veciñ@s. Unha persoa contada cando o cronista mete a cabeza. Cando a saca, o votante sae. Aquilo fica baleiro. Busquemos noutros lugares. A todo iso, deixou de chover, xa saíu o sol, o que racha a idea do cronista de enfocar a crónica facendo mencións a aquel histórico reclamo de “anque chova, vota”, na Transición, cando o referendo sobre o Estatuto de Autonomía, en 1980. Batéronse daquela todas as marcas de abstención, pantasma que volve neste 25-M.
Porén, ao chegar ao seguinte colexio, o cronista comeza a pensar que talvez a cousa non sexa para tanto. Hai bastante movemento no punto situado ao carón da praza de Catro Camiños, unha zona que foi mariñeira pero agora máis ben resulta burguesa. Baixa lixeiramente a media de idade. E os aspectos dos que se presentan ante as urnas correspóndense plenamente co referido perfil d@s actuais habitantes da contorna, malia que tampouco ten este cronista intención ningunha de facer xuízos en base á imaxe de cadaquén. Entre outras razóns porque se llas fixeran a el nin lle deixaban entrar nos puntos de votación, sería capturado preventivamente pola policía.
Non ocorre tal, pero si esperta certo receo a entrada do cronista no Pazo de María Pita, que tamén exerce de sede electoral. Hai moito axente do Concello, aos que non lles parezo gustar. Se cadra, matan o tempo imaxinando perigos, en vista do aburrido que está todo. De novo, escasa asistencia, que ademais contrasta co lugar onde se vota, unha sala de exposicións baleira, o que provoca un resultado como de perfomance, a ver se a democracia vai ser iso. Antes, no camiño desde o anterior colexio a este -por todas as millas de ouro herculinas- ningún sinal de que hai eleccións, quitado un. Como casualidade simbólica, o cronista crúzase en plenos Cantóns con dous apoderados de Vox. En efecto -sinto incumprir a palabra de non xulgar aspectos- teñen esa pinta de fascistas que están imaxinando.
Chegamos ao lugar que representa na memoria do cronista o seu primeiro recordo electoral. Colexio Curros Enríquez, en Monte Alto. Alí acudiu a acompañar á súa nai en 1980, para que ela depositase a papeleta de cando o de “anque chova, vota”. Porén, fai un sol... normaliño. O “de carallo” debe ser en Oleiros, onde segundo contan as redes sociais seica está o cantante de Os Resentidos, Antón Reixa, de vogal nunha Mesa que preside Xosé Manuel Pereiro, o cantante de Radio Océano. O rock galego dos 80 feito eleccións. Non se respecta nada.
Mais o cronista esquece as felicidades musicais e familiares de hai varias décadas cando entra na zona de votación, representativa de barrio obreiro, populoso e popular, que, non obstante, non está ante as papeletas. Só tres persoas. Que ao marchar deixan só o cronista nun salón de actos baleiro e frío. Por fortuna, coñece a un d@s integrantes da Mesa, co que fala de fútbol, onde se coñeceron nos anos... 80. Seica hoxe todo vai para atrás. Ou non. Iso que o digan as urnas. Esas onde, uns minutos despois, o cronista tamén depositou o seu voto.
In Sermos Galiza, 25 de marzo de 2014.
Debe figurar o nome do autor
Acompáñase con ilustracións.
Utiliza ou humor
Fai valoracións e suposicións
Inclúe referencias culturais, históricas...
X
A entrevista
A entrevista é un xénero que se caracteriza por presentar ao lector o diálogo mantido entre o xornalista e o personaxe. É un xénero moi utilizado na radio e na televisión, máis que na prensa escrita.
Os participantes na entrevistas coñecen con anterioridade o tema, a finalidade e o lugar onde esta se vai producir. Non se pode confundir a entrevista coa indagación que un reporteiro fai para ampliar ou constatar algún aspecto determinado dunha noticia ou dunha reportaxe.
Existen dous tipos fundamentais de entrevista:
- Entrevista informativa: interesa o que di a persoa porque viviu unha determinada experiencia, porque é experta no tema que se trata ou porque se quere saber a súa opinión sobre ese tema.
- Entrevista de personaxe: o obxecto de interese é o propio personaxe entrevistado sexa pola súa profesión, a súa relevancia cultural ou a súa condición social.
A entrevista plásmase no texto tal e como se produce pero previamente o/a entrevistador/a debe conseguir información sobre o entrevistado e prepararse sobre o tema do que van tratar e logo elaborar un guión coa lista de preguntas e a orde na que as vai formular. Antes de comezar a entrevista, o entrevistador debe facer unha breve introdución e presentar o personaxe e ao finalizar realizar unha conclusión ou comentario final.
Cando se trata dunha entrevista de personaxe existen xa unha serie de modelos que serven para preguntar a calquera entrevistado, un exemplo é o chamado "cuestionario Proust" que consisten nunha serie de preguntas que requiren unha resposta breve e que permiten coñecer a personalidade do entrevistado (que fai ao levantarse, que levaría a unha illa deserta, unha manía, que sabe de memoria…).
A linguaxe idónea para este tipo de textos é a que se utiliza para a linguaxe interpersoal, é dicir unha linguaxe natural. O entrevistador debe procurar non eclipsar ao personaxe: facer as preguntas de maneira clara e precisa pero demostrando que coñece o tema do que están falando. Segundo sexa o personaxe será a redacción das preguntas: se o personaxe fala moito hai que facer preguntas curtas, se o personaxe é lacónico hai que evitar preguntas que posibiliten respostas monosilábicas ou pedirlle explicacións sobre o que di.
Exemplo
Montse Dopico 20/03/2014
Algo pasa na sociedade para que siga a tratar, moitas veces, a muller embarazada como ser débil e discapacitado laboral e intelectualmente. Sobre isto reflexiona a escritora e crítica teatral Inma López Silva en ‘Maternosofía’.
Inma López Silva
Inma López Silva relata a experiencia do seu embarazo en ‘Maternosofía’ (Galaxia). E non o fai para exaltar a maternidade, senón para reivindicarse a si mesma, e ás demais, como mulleres do século XXI que xa non teñen que renunciar a ser quen son polo feito de parir. Porque, aínda que ás veces non o pareza, queda moito machismo que bater. Moito discurso da nai abnegada que o deixa todo, ata a súa actividade cerebral, por amor todopoderoso aos fillos.
O libro foi feito como un diario durante o embarazo, non si?
Si. Fun escribindo durante o embarazo. Despois reiviseino e fixen o epílogo, para dar tamén o punto de vista de cando a nena xa estaba aquí.
Xa recorreras ao diario máis veces. Mais este é o teu libro máis íntimo. E semella que non che daba pudor compartir todo o que contas.
Non, porque a maternidade/paternidade é algo polo que pasa a maior parte da xente ou polo que aínda, sen ser pais, moita xente sente curiosidade. Non tiña a sensación de estar a contar algo tan persoal como para sentir pudor. Se me sentise así recorrería á ficción, como fixen en ‘New York, New York’.
Hai unha idea no libro que resume bastante ben o seu contido: “Estou farta de ver como mulleres intelixentes e activas se converteron en simples nais que paralizaron por completo a súa actividade cerebral”.
Esa foi a idea de raíz que me levou a tentar observar a maternidade desde fóra, desde a distancia. A sociedade espera que só sexamos nais, que o deixemos todo de lado. Eu antes de estar embarazada preguntábame se o embarazo me ía cambiar, se como se di as hormonas fan que sexas outra persoa… e non foi tal. Creo que todo iso é unha patraña inventada por unha sociedade xa non só cunha estrutura patriarcal, senón directamente machista, á que lle convén que as mulleres quedemos na casa mudando cueiros.
Nese sentido, o libro é desmitificador para quen crese nos mitos: o instinto maternal omnipotente e inexorable…
Son moitos moi extendidos, máis do que poida parecer. Eu mesma pensaba que nalgún momento tería que aparecer o meu “instinto maternal”, pero nada. E eu creo que é bo que alguén fale disto desde a experiencia. Porque, quen se vai atrever a dicir que non son unha boa nai porque non crea neses mitos?
O embarazo, comentas, paternaliza as persoas que tes arredor e vitimízate a ti, cunha sorte de sobreprotección da “débil” embarazada.
É verdade que nunca me trataran tanto como o “sexo débil” como cando estaba embarazada. É como se a xente pensase que durante o embarazo pasas a estar intelectualmente discapacitada. Eu tiven sorte e estiven ben, non tiven problemas físicos durante o embarazo, pero o que é certo é que cando estás embarazada parece que xa non es considerada válida para facer actividades que antes ninguén se preguntaba se estarías ben ou mal para facer. No meu propio partido houbo mulleres que dixeron que durante o embarazo era mellor que deixase as miñas responsabilidades. É tremendo. Porque o que se agarda socialmente é que cumpras coa túa suposta obriga de ser nai 24 horas sen facer nada máis.
Nese sentido, explicas que é o propio Estado o que fomenta os roles tradicionais, como con ese Libro da Saúde da Embarazada que sacraliza a lactancia materna e pasa por enriba do parto como unha cousa sen importancia para a muller.
É terrible, si. Eu tiven sorte porque fun dar a luz ao hospital do Salnés, que está bastante adiantado no tema do parto, e ademais teño unha xinecóloga coa que me entendo ben. Pero a maioría das mulleres son presionadas e culpabilizadas ata o extremo. Hai determinadas persoas que traballan no ámbito sanitario que te culpabilizan se non queres dar de mamar. E fan iso nun momento no que estás feita unha merda porque acabas de parir. Para min a lactancia é, como o aborto, unha decisión absolutamente persoal da muller sobre o seu propio corpo. Unha cousa é que lle expliquen das bondades de dar de mamar, e outra que anten con insistencias e culpabilizacións. É o meu corpo e as miñas emocións, así que terei que dicidir o que quero.
Outra cousa que comentas é que non se trata só de non estar disposta a renunciar á túa actividade intelectual e laboral, senón que non queres que a túa nena vexa ese exemplo de nai en exclusiva, porque pensas educala como unha muller independente.
Claro. E se fose un neno sería igual. Sendo unha nena creo ademais que teño a responsabilidade de que haxa un plus de exemplaridade pola miña banda se quero educala en igualdade.
Trátase dunha entrevista informativa, entrevistan a unha escritora que fala sobre a súa obra e achega a súa expreriencia.
A xornalista presenta o personaxe e o tema do que van falar.
A xornalista documentouse: coñece ben esta obra e tamén o que escribira antes.
X
A lingua nos textos xornalísticos
A prensa escrita ten como ferramenta fundamental para facernos chegar a información a linguaxe, por iso os/as xornalistas deben posuír unha moi boa preparación lingüística que lles vai permitir usar a lingua, non xa só correctamente, senón espremendo ao máximo as súas posibilidades expresivas. Por isto, é frecuente que cada medio de comunicación elabore e entregue aos seus traballadores o seu propio “manual de estilo”, un libro onde se recollen, ademais das normas ortográficas e gramaticais da lingua, as indicacións precisas para que o estilo do medio sexa uniforme e recoñecible e tamén as indicacións necesarias para mostrar a ideoloxía da empresa a través da linguaxe: (por exemplo, non empregar unha linguaxe sexista, empregar sempre (ou non) a normativa lingüística oficial, ser máis ou menos compracentes co poder económico e político...).
Independentemente das características lingüísticas propias de cada xénero xornalístico (presenza de máis adxectivos valorativos nos textos interpretativos, organización da información atendendo ás seis preguntas nas noticias, uso de argumentación nos textos de opinión...), toda a linguaxe xornalística se debe caracterizar pola sinxeleza, a claridade e a precisión, pois non se pode perder de vista que os destinatarios dos escritos son un colectivo moi plural con distintos tipos de formación e non especialistas.
Outra das características imprescindibles é a concisión, o/a xornalista ha de ser quen de contar o maior número de cousas co menor número de palabras posibles, pois o espazo do que se dispón nos xornais está sempre taxado e é moi limitado.
Pero ademais, o texto debe resultar atractivo e entretido, se non é así o máis seguro é que quen está lendo opte por non seguir facéndoo.
Nós non somos ningunha empresa editorial e non temos “libro de estilo” pero podémosche ofrecer algunhas claves para elaborares os teus escritos:
- Non utilices unha lingua excesivamente literaria (só permitido nos artigos de opinión) pero tampouco moi coloquial.
- Debes empregar un léxico variado, pero non excesivamente técnico.
- Utiliza palabras con significado preciso e evita os retrousos (“convén recordar”, por exemplo).
- Non contes o obvio, o que é habitual non é noticia.
- Non redactes con verbos en primeira persoa nin en subxuntivo; a terceira persoa axúdache a mostrar neutralidade e o indicativo engade certeza.
- Procura redactar utilizando a orde lóxica: primeiro de quen vas falar e logo o que teñas que dicir (suxeito, predicado, complementos).
- Tenta que os enunciados que empregues non conteñan máis de 20 palabras.
- Utiliza os conectadores para marcar as relacións que hai entre as partes do texto (a causa de, debido a, porque, en consecuencia, polo tanto, ademais, non obstante...).
- Emprega datos concretos (non digas “moitos”, di a cantidade que sexa).
- Non uses adxectivos valorativos: excesivo, indefenso, salvaxe... (salvo que escribas xéneros de opinión) nin superlativos.
- Recorda que no teu idioma tes todas as palabras precisas, non empregues estranxeirismos (outra cousa son os préstamos!).
- Recorda que se citas as palabras de alguén debes escribilas entre comiñas.
- Non utilices excesivas siglas (un vicio moi frecuente na prensa) porque poden dificultar a comprensión, sobre todo se non son habituais.
- Evita os eufemismos que disfrazan a realidade (“datos colaterais” por matanzas, “externalización do traballo” por emigración ...).
- Fíxate especialmente nos titulares: evita o sensacionalismo. Procura empregar a fórmula: alguén fai algo.
Por último, recorda que a influencia dos medios de comunicación na sociedade é enorme, por iso estes deben adquirir o compromiso de que o lugar no que habitamos sexa mellor para todos. Un uso correcto da linguaxe debe estar
libre dos prexuízos que, desgraciadamente, son frecuentes na sociedade, é preciso empregar unha linguaxe non sexista e non engadir referencias ás etnias, á nacionalidade ou á lingua que falan as persoas cando esta información non sexa relevante para a noticia.
Actividades
Actividades
De novo, imos exercer de xornalistas...
Desta volta toca traballar con xéneros que requiren investigación previa... isto si que é vivir o xornalismo...
Pensade nalgunha persoa da vosa contorna que consideredes que pode ter algo interesante que contar: se cadra alguén do instituto: o/a director/a, algún/ha compañeiro/a que destaque por algo (no deporte, nos estudos, na música, en simpatía...); se cadra algún familiar cunha vida que mereza ser contada (a vida na ditadura, a vida na emigración, a superación dalgunha limitación física ou psíquica...).
O primeiro paso é a preparación: Se a persoa entrevistada fose algún personaxe coñecido poderiades informarvos sobre as súas actividades na prensa, na súa páxina web... mais ao non ser así debedes preguntar a quen o/a coñece ou incluso manter unha charla informal con esa persoa para saberdes cales son os aspectos daquilo que vos conte que ides seleccionar para a entrevista.
Logo debedes de pensar na maneira como ides redactar as preguntas para que o/a entrevistado/a teña a oportunidade de ofrecer respostas interesantes. Fuxide das respostas nas que vos poidan contestar con monosílabos; facede preguntas abertas do tipo: que pensas sobre..., como é/era... , podedes facer referencia a información que xa vos dixo “dixéchesme antes que... poderías explicar...” ou que sabedes por outras fontes.
Pensade un momento no enfoque e o rexistro que ides empregar: tratarédelo/a de vostede ou de ti?, buscaredes a complicidade ou a distancia?...
Os medios técnicos: Válevos un móbil pero se vai ser un pouco longa igual precisades unha gravadora. Quedade coa persoa nun lugar onde non haxa demasiado ruído para que a gravación teña certa calidade.
Non esquezades facerdes algunha foto.
Mentres gravades, tomade nota nun caderno das reaccións do/da entrevistado cando lle facedes as preguntas (sorpréndese, sorrí, dubida...)
Agora toca redactar:
1. Buscade un titular (pode ser o nome do/a entrevistado/a e algunha frase da propia entrevista)
2. Facede unha presentación onde presentedes o/a entrevistado e expliquedes os motivos polos que se realiza esa entrevista (cal é o interese que ofrece)
3. Escribide o voso nome e a data
4. Transcribide o corpo da noticia marcando dalgún xeito as respostas e as preguntas (en negriña as respostas, ou con guión ou poñendo un P e un R...)
5. Na transcricións das respostas incluíde entre paréntese as anotacións que fostes tomando ao longo da entrevista.
Non esquezades pechar o texto: dar as grazas ao entrevistado, e facer algún comentario breve sobre o máis interesante .