Os xéneros xornalísticos II

 

Despois de falarmos dos textos de tipo informativo e dos xéneros de opinión, fáltanos agora abordar aqueloutros nos que se mesturan estas dúas posibilidades, é dicir, os textos nos que se informa sobre un feito (xeralmente de actualidade) pero baixo o prisma co que o/a xornalista observa a realidade.  Adoitan chamarse xéneros mixtos, híbridos ou interpretativos. Podemos incluír nesta clasificación tres tipos de textos: a reportaxe, a crónica e a entrevista.

 

Xéneros interpretativos

A reportaxe

É a forma máis completa e complexa de todos os xéneros xornalísticos, pois nela dáse conta en profundidade dun tema determinado. O papel do/a xornalista non se limita aquí a transcribir uns feitos senón que debe investigar: consultar documentos, entrevistar a protagonistas e testemuñas…

Acostuman tratar temas de actualidade, pero non necesariamente actualidade inmediata, de feito requírese que pase un tempo mínimo para recoller os datos e preparar os textos. Hai algúns temas de actualidade que teñen a suficiente importancia como para estaren vixentes varios días despois de acontecer e admiten seren tratados en detalle ofrecendo ao lector unha información máis exhaustiva ca a que se lle concede nunha noticia, profundando no como e no por que aconteceron os feitos; son eses temas os que merecen unha reportaxe.

As reportaxes son as que dan personalidade a un xornal, pois normalmente todos os periódicos informan sobre a mesmas noticias pero non seleccionan co mesmo criterio a materia para as reportaxes, nin lles dan o mesmo enfoque. Aquí é onde se ve, en certo modo, a tendenciosidade  do xornal: por que a algúns xornais non lles interesa investigar determinados feitos e a outros si?

Debemos ter en conta que existen reportaxes que están máis próximas ás noticias por canto só buscan afondar nun tema sen incluír o/a xornalista as súas interpretacións (incluiriamos estes textos dentro dos textos informativos) pero noutras si se fan valoracións e se ofrece a visión persoal de quen escribe. As reportaxes resultan fiables en canto ao relato dos acontecementos, de feito adoitan estar acompañados de datos obxectivos que se ofrecen en modo de fotografías, gráficos, mapas... De todos os xeitos, na súa elaboración sempre se deixa ver a subxectividade do/a autor/a pois, por exemplo, ofrécense visións persoais das testemuñas  que,  debidamente seleccionadas, poden encarreirar o lector cara a unha ou outra interpretación dos mesmos feitos.

Canto á lingua empregada, aínda que se debe procurar que o estilo sexa breve, claro e directo, inclúense tamén anécdotas, descricións, notas de humor… dando como resultado un texto atractivo non só polo que se conta senón tamén pola maneira de contalo.
No referente á estrutura da reportaxe, débese procurar que coincida coa da noticia, é dicir, narrar os feitos de maneira descendente, comezando polo máis relevante e deixando os detalles menos importantes para o final. Tamén, ao igual ca a noticia,  consta dun título, unha entrada e un corpo. No corpo existe a posibilidade de que só se transcriba a voz do autor, que é o que presenta todos os acontecementos  e describe os ambientes,  ou que se conten os feitos intercalando a voz do xornalista coas palabras textuais das persoas protagonistas ou testemuñas. 

As reportaxes sempre están asinadas polos seus autores/as, basicamente por dúas razóns: a primeira é porque se trata dun texto no que ás veces se fan valoracións e, polo tanto, os seus autores deben responsabilizarse delas, e a segunda é que é o xénero onde un/unha xornalista mellor pode mostrar o seu oficio e a súa valía, tanto na faceta da  investigación como na de redacción.

Exemplo

A crónica

Tamén é un relato sobre un tema de actualidade. A súa autoría xeralmente procede dun/unha correspondente nun lugar determinado ou un/unha enviado/a especial a ese lugar, precisamente coa intención de que ofreza a súa propia visión sobre o que está a acontecer.

Ten relación coa noticia en canto que se trata sobre un feito recente e de interese xeral pero diferénciase desta en que a información non é obxectiva, pois cóntase o que pasa a partir da mirada do/da xornalista, quen valora a información que proporciona. Tamén ten relación coa reportaxe  en canto que se trata dun texto extenso (que adoita ir acompañada de debuxos, fotografías…) onde se poden incorporar descricións de lugares e persoas, entrevistas con testemuñas… pero diferéncianse porque na crónica a finalidade non está tanto en buscar explicacións coma en narrar os feitos cronoloxicamente e comentalos.

O tema da crónica é libre, seguramente terás lido ou escoitado máis dunha crónica deportiva (por exemplo unha retransmisión dun partido), pero poden escribirse crónicas sobre calquera tema: economía, algún feito social, algún suceso natural importante, traxedias bélicas...
O estilo debe ser claro e sinxelo, pero é o xénero que máis se presta para admitir todos os recursos estilísticos propios da linguaxe literaria: comparacións, metáforas, ironías, xogos de palabras… Así mesmo é a que máis liberdade lle permite ao/á autor/a á hora de estruturar o texto, pode escribir o que queira e como queira (por suposto sen faltar á verdade).

Exemplo 

 

A entrevista

A entrevista é un xénero que se caracteriza por presentar ao lector o diálogo mantido entre o xornalista e o personaxe. É un xénero moi utilizado na radio e na televisión, máis que na prensa escrita.

Os participantes na entrevistas coñecen con anterioridade o tema, a finalidade e o lugar onde esta se vai producir. Non se pode confundir a entrevista coa indagación que un reporteiro fai para ampliar ou constatar algún aspecto determinado dunha noticia ou dunha reportaxe.
Existen dous tipos fundamentais de entrevista:

  • Entrevista informativa: interesa o que di a persoa porque viviu unha determinada experiencia, porque é experta no tema que se trata ou porque se quere saber a súa opinión sobre ese tema.
  • Entrevista de personaxe: o obxecto de interese é o propio personaxe entrevistado sexa pola súa profesión, a súa relevancia cultural ou a súa condición social.

 A entrevista plásmase no texto tal e como se produce pero previamente o/a entrevistador/a debe conseguir información sobre o entrevistado e prepararse sobre o tema do que van tratar e logo elaborar un guión coa lista de preguntas e a orde na que as vai formular. Antes de comezar a entrevista, o entrevistador debe facer unha breve introdución e presentar o personaxe e ao finalizar realizar unha conclusión ou comentario final.

Cando se trata dunha entrevista de personaxe existen xa unha serie de modelos que serven para preguntar a calquera entrevistado, un exemplo é o chamado "cuestionario Proust" que consisten nunha serie de preguntas que requiren unha resposta breve e que permiten coñecer a personalidade do entrevistado (que fai ao levantarse, que levaría a unha illa deserta, unha manía, que sabe de memoria…).

A linguaxe idónea para este tipo de textos é a que se utiliza para a linguaxe interpersoal, é dicir unha linguaxe natural. O entrevistador debe procurar non eclipsar ao personaxe: facer as preguntas de maneira clara e precisa pero demostrando que coñece o tema do que están falando. Segundo sexa o personaxe será a redacción das preguntas: se o personaxe fala moito hai que facer preguntas curtas, se o personaxe é lacónico hai que evitar preguntas que posibiliten respostas monosilábicas ou pedirlle explicacións sobre o que di.

Exemplo 


 

A lingua nos textos xornalísticos


A prensa escrita ten como ferramenta fundamental para facernos chegar a información a linguaxe, por iso os/as xornalistas deben posuír unha moi boa preparación lingüística que lles vai permitir usar a lingua, non xa só correctamente, senón espremendo ao máximo as súas posibilidades expresivas.  Por isto, é frecuente que cada  medio de comunicación elabore e entregue aos seus traballadores o seu propio “manual de estilo”, un libro onde se recollen, ademais das normas ortográficas e gramaticais da lingua, as indicacións precisas para que o estilo do medio sexa uniforme e recoñecible e tamén as indicacións necesarias para mostrar a ideoloxía da empresa a través da linguaxe:  (por exemplo, non empregar unha linguaxe sexista, empregar sempre (ou non) a normativa lingüística oficial,  ser máis ou menos compracentes co poder económico e político...). 

Independentemente das características lingüísticas propias de cada xénero xornalístico (presenza de máis adxectivos valorativos nos textos interpretativos, organización da información atendendo ás seis preguntas nas noticias, uso de argumentación nos textos de opinión...), toda a linguaxe xornalística se debe caracterizar pola sinxeleza, a claridade e a precisión, pois non se pode perder de vista que os destinatarios dos escritos son un colectivo moi plural con distintos tipos de formación e non especialistas.

Outra das características imprescindibles é a concisión, o/a xornalista ha de ser quen de contar o maior número de cousas co menor número de palabras posibles, pois o espazo do que se dispón nos xornais está sempre taxado e é moi limitado.

Pero ademais, o texto debe resultar atractivo e entretido, se non é así o máis seguro é que quen está lendo opte por non seguir facéndoo.

Nós non somos ningunha empresa editorial e non temos “libro de estilo” pero podémosche ofrecer algunhas claves para elaborares os teus escritos:

  • Non utilices unha lingua excesivamente literaria (só permitido nos artigos de opinión) pero tampouco moi coloquial.
  • Debes empregar un léxico variado, pero non excesivamente técnico.
  • Utiliza palabras con significado preciso e evita os retrousos (“convén recordar”, por exemplo).
  • Non contes o obvio, o que é habitual non é noticia.
  • Non redactes con verbos en primeira persoa nin en subxuntivo; a terceira persoa axúdache a mostrar neutralidade e o indicativo engade certeza.
  • Procura redactar utilizando a orde lóxica: primeiro de quen vas falar e logo o que teñas que dicir (suxeito, predicado, complementos).
  • Tenta que os enunciados que empregues non conteñan máis de 20 palabras.
  • Utiliza os conectadores para marcar as relacións que hai entre as partes do texto (a causa de, debido a, porque, en consecuencia, polo tanto, ademais, non obstante...).
  •  Emprega datos concretos (non digas “moitos”, di a cantidade que sexa).
  • Non uses adxectivos valorativos: excesivo, indefenso, salvaxe... (salvo  que escribas xéneros de opinión) nin superlativos.
  • Recorda que no teu idioma tes todas as palabras precisas, non empregues estranxeirismos (outra cousa son os préstamos!).
  • Recorda que se citas as palabras de alguén debes escribilas entre comiñas.
  • Non utilices excesivas siglas (un vicio moi frecuente na prensa) porque poden dificultar a comprensión, sobre todo se non son habituais.
  • Evita os eufemismos que disfrazan a realidade (“datos colaterais” por matanzas, “externalización do traballo” por emigración ...).
  • Fíxate especialmente nos titulares: evita o sensacionalismo. Procura empregar a fórmula: alguén fai algo.
Por último, recorda que a influencia dos medios de comunicación na sociedade é enorme, por iso estes deben adquirir o compromiso de que o lugar no que habitamos sexa mellor para todos. Un uso correcto da linguaxe debe estar libre dos prexuízos que, desgraciadamente, son frecuentes na sociedade, é preciso empregar unha linguaxe non sexista e non engadir referencias ás etnias, á nacionalidade ou á lingua que falan as persoas cando esta información non sexa relevante para a noticia.