Os xéneros xornalísticos I

 

Introdución

Ao abrirmos un xornal imos atopar no seu interior textos de moi distintas características formais e estilísticas;  os xornais son moito máis que unha recompilación de noticias sobre sucesos acaecidos, neles atopamos información pero tamén interpretación dos feitos.

Esta variación textual é lícita e ademais enriquecedora pois,  grazas ás explicacións e valoracións que fan expertos/as,  os lectores e lectoras podemos interpretar mellor o alcance dalgúns feitos que, doutro xeito, se nos escaparían, pois é obvio que os coñecementos que temos sobre moitos temas é moi limitado.  O que xa non é lícito é que o/a xornalista ofreza unha visión particular dos feitos como se se tratase dunha verdade obxectiva: se quere expor un feito debe redactar un tipo de texto e se quere opinar debe escoller outro tipo de texto diferente.

Hai unha máxima xornalística que di: a opinión é libre, os feitos sagrados. Isto débeno ter claro os/as profesionais pero tamén os/as lectores/as, que á hora de abrir a prensa han recoñecer os diferentes xéneros xornalísticos e que é o que van atopar en cada un deles. Cómpre distinguir:

  • Xéneros informativos: narran feitos de interese xeral de maneira obxectiva.

  • Xéneros de opinión: interpretan os feitos e valoran as actuacións e as actitudes dos personaxes coa finalidade de ofrecer unha visión particular que provoque a reflexión do lector.

  • Xéneros interpretativos ou mixtos: ademais de informar, incorporan valoracións e interpretacións dos feitos.

 

Os xéneros informativos

Como xa se dixo, os xéneros informativos son aqueles nos que o/a xornalista se limita a informar de xeito obxectivo sobre algunha nova de actualidade. Os principais xéneros nos que podemos atopar información son a noticia, a reportaxe e a crónica, aínda que só na noticia (e algúns tipos de reportaxes) atopamos  un xénero informativo puro.  Imos analizala en detalle.

A noticia

Tipo de texto que informa sobre algún feito novidoso de actualidade que teña interese para un gran número de lectores/as.

Unha noticia debe cumprir tres principios básicos: claridade, brevidade e obxectividade. Pero ademais ten que adaptarse a uns requisitos temáticos, formais e lingüísticos concretos:

  • O contido: A redacción da noticia debe facerse sempre comezando pola información máis relevante e logo concretando os detalles. Para iso hai que redactar de maneira que se vaian contestando seis preguntas (coñecidas como “os seis w” porque en inglés todas estes interrogantes comezan con esa inicial):

      Que pasou?
      A quen?
      Cando?
      Onde?
      Por que?
      Como?

    A estas seis preguntas aínda se lle pode engadir outra: para que? Por suposto, as respostas non teñen que ser telegráficas senón que se deben desenvolver debidamente, ofrecendo o maior número de datos posibles. Tamén pode ocorrer que non haxa resposta para todas as preguntas, ou incluso que dúas informacións se superpoñan, haberá que adaptarse en cada caso á información da que se dispoña. 

  • A estrutura: Toda esta información debe presentarse de maneira que capte a atención do/a lector/a e para iso organizarase do seguinte xeito:
    • Titulares. Trátase de resumir o contido da lectura e ao mesmo tempo conseguir o interese dos/as lectores/as. Está formado por tres partes diferenciadas:
      • Título: unha frase que resume o contido da noticia. Debe ser breve, claro e concreto. Sempre aparece destacado tipograficamente con letra de maior tamaño e en negriña.
      • Antetítulo e subtítulo: Frases explicativas colocadas antes e despois do título, respectivamente. Pode habelas ou non, o máis común é que apareza só unha das dúas opcións.
      • Entrada:  É un resumo da noticia onde se recolle sumariamente  o esencial, pero de maneira o suficientemente completa para que o lector coñeza o máis importante. Moitas veces aparece destacada cun estilo ou tamaño de letra distinto (xeralmente máis pequena e en cursiva). Se a noticia non ten entrada diferenciada, é no primeiro parágrafo onde se recolle o esencial da información facendo que o lector se "enganche" para seguir lendo o resto.

    • Corpo. É o desenvolvemento da noticia, é dicir, a narración pormenorizada dos feitos ocorridos e ordenados de maior a menor relevancia.

    Entre a entrada e o corpo da noticia acostuma aparecer o nome da axencia ou do reporteiro que redactou a noticia e a cidade desde onde se envía.

    Esquema

  • A lingua: Débese procurar sempre que a lingua utilizada sexa de fácil comprensión, pois os lectores/as son un colectivo amplo formado por persoas de distinto nivel cultural. Para conseguilo terase en conta o seguinte:
    • Utilización de léxico común, aínda que non vulgar.
    • Utilizar frases curtas e parágrafos breves (de non máis de 4 ou 5 oracións).
    • As oracións deben seguir a orde lóxica: suxeito-verbo-complementos e non introducir demasiadas subordinacións.
    • Nos titulares débese ter en conta, ademais, o seguinte:
      • Utilizar sempre frases afirmativas: O 17,9 % da poboación galega vive en situación de exclusión social (Praza Pública)
      • Se é posible,  usar só substantivos e verbos (preferentemente en presente ou pretérito):   A loita pola terra chega ao Parlamento europeo (Praza Pública)
      • Ás veces os verbos e substitúense por dous puntos: Galego: uns lugares si e outros case nada (Praza Pública)
      • Os verbos copulativos omítense: As mozas galegas, máis conectadas á rede que os mozos e homes novos (Sermos Galiza)
      • Non utilizar signos de puntuación (salvo as comas nas enumeracións) ou os dous puntos: Un español, a polo Nobel do profesorado (La Voz de Galicia)
      • Non empregar siglas:   *Obxectivos do TLC entre a UE e USA (Sermos Galiza). Se non entendemos o titular seguramente non leremos a noticia.
      • Evitar ambigüidades: *Unha muller, detida xunto ao líder da seita de San Miguel Arcángel en Oia (El Progreso) : Ten importancia que sexa unha muller?
      • Non facer noticia do que non o é: *A enfermeira con évola estivo a punto de vir a Becerreá cando xa estaba contaxiada (La Voz de Galicia) Cal é a noticia? Se non veu non hai noticia.

        Exemplo

 

Os xéneros de opinión

Como xa dixemos, os medios de comunicación non teñen como único cometido a información senón que tamén constitúen un importante vehículo de difusión de ideas. Por iso atopamos neles abondoso espazo reservado aos artigos de opinión nos que os/as autores/as (sexan redactores, colaboradores ou lectores) poñen de manifesto a súa particular forma de ver un determinado tema, é dicir, valoran e xulgan un tema coa intención de influír na opinión dos/das lectores/as.

Dependendo de quen sexa o autor/a, distinguimos os seguintes tipos de textos de opinión:


O editorial

Trátase dun artigo que explica e valora un feito de actualidade de gran transcendencia. Acostuma publicarse nun lugar fixo e destacado do xornal (case sempre a primeira páxina). Aparece sen asinar  porque o seu contido non reflicte o sentir dunha persoa individual senón que marca a opinión do equipo directivo ou a empresa propietaria do periódico.

Nalgúns xornais non existe un editorial propiamente dito (ou só aparece en ocasións moi especiais nas que o equipo directivo cre necesario tomar posición sobre un tema determinado), o seu lugar ocúpano unha serie de artigos de opinión de persoas que coinciden ideoloxicamente coa liña editorial do xornal.

A estrutura do editorial  non é fixa, mais é frecuente que logo do título se presenten os feitos (de maneira subxectiva), seguidos dunha explicación crítica  e dunha argumentación para tentar convencer os lectores,  para rematar cunha conclusión.

Exemplo

 

O artigo

Os artigos son escritos por persoas que colaboran de maneira ocasional ou permanente co xornal ou revista. Algunhas veces están escritos por persoas moi entendidas nun determinado tema, case nunca xornalistas,  e isto dálle prestixio ao xornal.

Sempre van asinados  polo seu autor, que desta maneira se responsabiliza sobre as opinións que nel verte. Se o autor colabora habitualmente co xornal, os seus artigos adoitan ocupar un lugar fixo e denomínanse columnas.

Os temas dos que tratan son diversos: económicos, políticos, culturais… e non teñen por que ser de actualidade.

O ton dos artigos é tan variado como os temas dos que trata: irónico, transcendente, sarcástico… e as súas características lingüísticas dependen da habelencia lingüística do autor, ás veces chegan a ser pezas de gran transcendencia literaria.

Exemplo

 

A crítica

Unha crítica é un artigo no que o/a autor/a analiza e opina sobre un libro, unha película, un disco, unha exposición… e valóraa de maneira positiva ou negativa. Como toda valoración,  é un texto de tipo subxectivo e , polo tanto, sempre debe ir asinada para indicar a autoría.

Exemplo


Isa Alvela, Praza Pública

A tira cómica ou viñeta

Aínda que cando lemos o xornal busquemos "o chiste" coa única finalidade de esbozar un sorriso, o certo é que se trata dun xénero de opinión máis. Cada xornal traballa cun humorista, que é o encargado diario desta sección. Nela, grazas a unha gran capacidade de concisión do autor, e por medio da mestura de debuxo e palabras, reflexiónase sobre algún aspecto da actualidade.

Exemplo

 

 

Cartas ao xornal

Son textos enviados polos/as lectores/as para opinar ou informar dalgún aspecto  da actualidade. A intención de quen escribe non é informar ao xornal senón ao resto da comunidade. Aparecen publicados todos xuntos nunha sección pero cada autor/a identifícase co seu nome e lugar de residencia.

A forma destes textos é similar á de calquera outra carta:

  • Encabezamento: (que non aparece recollido no xornal) co lugar e a data, o saúdo e o pedimento de publicación.
  • Corpo: onde se relatan ou denuncian os feitos.
  • Pé: (tampouco se publica no xornal) onde consta a despedida, o agradecemento por publicala , a sinatura e a identificación do autor (incluído o nº do DNI e mais o enderezo).
Exemplo

Nos medios de comunicación en soporte papel a opinión está limitada a estes textos que acabamos de analizar, mais nos xornais dixitais as posibilidades son moito máis amplas, pois en todos os textos (sexan de tipo informativo ou de opinión) ofrécese a posibilidade de que sexan comentados polos/as lectores/as, e incluso de que se produzan debates entre varias persoas que opinan. Ademais, calquera lector/a pode compartir un texto a través das redes sociais co que o propio artigo e tamén o debate que xera segue vivo tamén fóra do propio medio que o orixinou.