Dende un punto de vista amplo podemos dicir que todos os tipos de textos son informativos, porque despois de lelos ou escoitalos sempre adquirimos uns coñecementos que antes non posuïamos; mais se falamos con rigor, ao referirnos a textos informativos pensamos naqueles nos que o emisor quere dar a coñecer un feito que se supón que o receptor descoñece.
En realidade diferenciamos dous tipos de textos informativos: os científicos e os xornalísticos. Teñen en común que presentan a información de xeito ordenada (estruturada a través de conectadores), xerarquizada ( destacando en primeiro lugar os datos máis importantes e logo desenvolvendo as secundarias) e obxectiva (sen interferencias da maneira de pensar de quen escribe). Mais, por outra banda, existen entre eles notables diferencias:

Neste tema ímonos centrar nos textos de tipo xornalístico.
Ata xa entrado o século pasado se unha persoa quería estar informada do que sucedía ao seu redor tiña dous camiños: falar coa veciñanza (e se cadra rexoubar...) ou ler o xornal (aínda que saber ler era un privilexio das clases podentes e na maior parte dos casos reservado aos homes). Logo veu a radio e máis tarde a televisión, e con isto foise xeneralizando paseniñamente a chegada da información a practicamente todos os recunchos.
Mais con esta extensión dos medios de comunicación o que se puxo de manifesto foi que manexar as fontes de información levaba consigo un gran poder xa que o pobo podía reaccionar dunha maneira ou doutra segundo a información que recibise: podíase potenciar o consumo de determinados produtos, podíase influír na maneira de comportarse en sociedade das persoas e, por suposto, tamén se podían conducir as súas preferencias políticas. Isto converteu os medios de comunicación en empresas moi poderosas. Por iso se di (como seguramente xa terás oído) que os medios de comunicación son o “cuarto poder” e que vivimos na “sociedade da información”; pois si, quen manexa a información é quen ten o poder.
Sabedores/as dese poder, debemos situarnos diante dos medios de comunicación con moita precaución. Coñecer e entender a linguaxe periodística non consiste simplemente en poder resumir unha noticia, senón que ademais hai que ter en conta que as noticias non son inocentes nin puras e que pasaron por moitas mans antes de chegar ao público.
Hoxe en día grazas ao avance das novas tecnoloxías, a información, en certo modo, “democratizouse” ; isto é debido a varios motivos:
Contamos coa posibilidade de acceder a varios medios de comunicación distintos e contrastar a información que nos ofrecen.
Tamén é certo que esta democratización moitas veces só é aparente porque a maioría dos medios de comunicación só recollen as noticias das mesmas fontes: unha cantas axencias internacionais que distribúen as noticias que lles interesan para todos os lugares do mundo.
Ademais, esta proliferación de información ten moitos aspectos positivos pero tamén é certo que estar expostos/as a demasiadas fontes pode
traer como resultado que ás veces nos sintamos un pouco perdidos/as no gran universo de internet.
Por outra banda, o problema da fiabilidade segue estando presente, pois polas redes sociais circulan moitas noticias sen contrastar e, ás veces, ata se crean noticias falsas que se fan pasar por verdadeiras. Por isto, máis que nunca, cómpre ser críticos/as con todo o que lemos e acudir a fontes de información que proveñan de xornalistas ou persoeiros que merezan a nosa confianza.
Normalmente cando falamos dos medios de comunicación estamos a nos referir aos chamados “medios de comunicación de masas”, é dicir, a aqueles que se dirixen a un público colectivo e que están conducidos por profesionais da comunicación (redactores/as, fotógrafos/as, cámaras, técnicos/as...).
Segundo utilicen o código lingüístico na súa dimensión oral ou escrita diferenciamos dous grandes subgrupos nos medios de comunicación: os medios audiovisuais e a prensa escrita.
Nos medios audiovisuais incluímos a televisión e a radio. Aínda que realmente, tamén existen entre estes dous medios abondosas diferencias:
A radio unicamente dispón da lingua oral e do son para poder chegar ao público e isto condiciona moitísimo a linguaxe utilizada. O instrumento fundamental do que se vale é a voz (a entoación, a intensidade, o ritmo…), que debe suplir todos os efectos visuais que si existen na televisión, por iso se precisa ser moi bo/a comunicador/a. Ademais na radio non hai lugar para o erro xa que case todos os programas se emiten en directo, mentres que na televisión a inmensa maioría dos programas son gravados con anterioridade e isto permite anular ou corrixir os fallos cometidos.A prensa escrita: utiliza como vehículo de comunicación a lingua escrita, mais tamén se vale doutros códigos como o tamaño de letra ou a disposición espacial… Ademais das revistas especializadas en distintos temas (ecoloxía, medicina, deportes, música, antropoloxía, viaxes…) e das revistas de carácter xeral, pódese dicir que o fundamental da prensa escrita atopámolo nos xornais(que normalmente teñen unha edición diaria).
A prensa escrita pode chegarnos a través do formato tradicional en papel ou en formato dixital. En calquera destes soportes todo o que aparece podemos clasificalo en tres grandes apartados: información (que normalmente ocupa a maioría do espazo), opinión (sexa do propio medio, dos seus colaboradores ou dos propios lectores) e publicidade (que en parte o axuda a sosterse economicamente e que está destinada a actuar no público para que este merque un produto ou actúe dun xeito determinado).
Como características xerais da prensa escrita podemos salientar as seguintes:

Despois deste pequeno repaso polos diferentes medios de comunicación, imos afondar nos seguintes temas nas características da linguaxe xornalística e nos distintos tipos de texto que podemos atopar na prensa escrita.