A transmisión da información

 

Introdución

Dende un punto de vista amplo podemos dicir que todos os tipos de textos son  informativos, porque despois de lelos ou escoitalos sempre adquirimos uns coñecementos que antes non posuïamos; mais se falamos con rigor, ao referirnos a textos informativos pensamos naqueles nos que o emisor quere dar a coñecer un feito que se supón que o receptor descoñece.
En realidade diferenciamos dous tipos de textos informativos: os científicos e os xornalísticos.  Teñen en común que presentan a información de xeito ordenada (estruturada a través de conectadores),  xerarquizada ( destacando en primeiro lugar os datos máis importantes e logo desenvolvendo as secundarias) e obxectiva (sen interferencias da maneira de pensar de quen escribe). Mais, por outra banda, existen entre eles notables diferencias:

  • Os textos científicos son aqueles cuxo contido se refire a disciplinas académicas e que foron escritos coa intención de formar os lectores nalgún aspecto concreto desas disciplinas. Poden ir dirixidos a un público especializado no tema e entón requirirase para a súa comprensión coñecemos previos sobre el, xa que se utilizará unha linguaxe técnica que é preciso dominar;  ou poden ir destinados a un público máis variado e sen grandes coñecementos, entón serán textos de tipo divulgativo no que se utilizará unha linguaxe menos especializada e ao alcance dun público con coñecementos medios. Este segundo tipo de textos é frecuente atopalos en soportes como revistas, xornais... e, comparte moitas características cos textos xornalísticos.  

  • Pola súa parte, os xéneros xornalísticos son aqueles que, a través dos medios de comunicación, nos achegan as novas sobre os feitos que ocorren no mundo relacionados con calquera aspecto que afecte ao ser humano. Aínda que en realidade, non todos os textos que recibimos a través dos medios de comunicación son de tipo informativo, pois neles tamén encontramos textos de opinión e outros nos que se mestura a información obxectiva coa interpretación que fai dela quen nos transmite esa información.  

Neste tema ímonos centrar nos textos de tipo xornalístico.

 

Os medios de comunicación

Ata xa entrado o século pasado se unha persoa quería estar informada do que sucedía ao seu redor tiña dous camiños: falar coa veciñanza (e se cadra rexoubar...) ou ler o xornal (aínda que saber ler era un privilexio das clases podentes e na maior parte dos casos reservado aos homes). Logo veu a radio e máis tarde a televisión, e con isto foise xeneralizando paseniñamente  a chegada da información a practicamente todos os recunchos.

Mais con esta extensión dos medios de comunicación o que se puxo de manifesto foi que manexar as fontes de información levaba consigo un gran poder xa que o pobo podía reaccionar dunha maneira ou doutra segundo a información que recibise: podíase potenciar o consumo de determinados produtos, podíase influír na maneira de comportarse en sociedade das persoas e, por suposto, tamén se podían conducir as súas preferencias políticas. Isto converteu os medios de comunicación en empresas moi poderosas. Por iso se di (como seguramente xa terás oído) que os medios de comunicación son  o “cuarto poder” e que vivimos na “sociedade da información”; pois si, quen manexa a información é quen ten o poder.

Sabedores/as dese poder, debemos situarnos diante dos medios de comunicación con moita precaución. Coñecer e entender a linguaxe periodística non consiste simplemente en poder resumir unha noticia, senón que ademais hai que ter en conta que as noticias non son inocentes nin puras e que pasaron por moitas mans antes de chegar ao público.
Hoxe en día grazas ao avance das novas tecnoloxías, a información, en certo modo,  “democratizouse” ; isto é debido a varios motivos:

  • Contamos coa posibilidade de acceder a varios medios de comunicación distintos e contrastar a información que nos ofrecen.
  • Podemos consultar os xornais editados en calquera lugar do mundo e coñecer perspectivas diferentes ás que se nos ofrecen aquí.
  • Para fundar un xornal en internet só se precisan coñecementos profesionais e non grandes infraestruturas empresariais, isto permite que  os/as xornalistas poidan realizar o seu traballo de xeito independente, sen estaren condicionados/as pola liña editorial do medio para o que traballan. Hoxe en día moitos/as xornalistas optaron por distribuír o seu traballo vía internet,  xa sexa a través de blogs ou páxinas particulares, xa sexa de xeito cooperativo fundando xornais ou revistas dixitais.
  • Os medios de comunicación dixital permiten unha fácil intercomunicación entre o/a xornalista e a colectividade a quen vai dirixida a información.
  • Calquera persoa pode converterse en informante, abonda con ter un teléfono móbil co que gravar ou tirar fotos e logo subilas a internet.

Tamén é certo que esta democratización moitas veces só é aparente porque a maioría dos medios de comunicación só recollen as noticias das mesmas fontes: unha cantas axencias internacionais que distribúen as noticias que lles interesan para todos os lugares do mundo.

Ademais, esta proliferación de información ten moitos aspectos positivos pero tamén é certo que estar expostos/as a demasiadas fontes pode traer como resultado que  ás veces nos sintamos un pouco perdidos/as no gran universo de internet.
Por outra banda, o problema da fiabilidade segue estando presente,  pois polas redes sociais circulan moitas noticias sen contrastar e, ás veces, ata se  crean noticias falsas que se fan pasar por verdadeiras. Por isto, máis que nunca, cómpre ser críticos/as con todo o que lemos e acudir a fontes de información que proveñan de xornalistas ou persoeiros que merezan a nosa confianza.

 

Tipos e características dos medios de comunicación

Normalmente cando falamos dos medios de comunicación estamos a nos referir aos chamados “medios de comunicación de masas”, é dicir, a aqueles que se dirixen a un público colectivo e que están conducidos por profesionais da comunicación (redactores/as, fotógrafos/as, cámaras, técnicos/as...).

Segundo utilicen o código lingüístico na súa dimensión oral ou escrita diferenciamos dous grandes subgrupos nos medios de comunicación: os medios audiovisuais e a prensa escrita.

Nos  medios audiovisuais incluímos a televisión e a radio. Aínda que realmente,  tamén existen entre estes dous medios abondosas diferencias:

  • A radio unicamente dispón da lingua oral e do son para poder chegar ao público e isto condiciona  moitísimo a linguaxe utilizada. O instrumento fundamental do que se vale é a voz (a entoación, a intensidade, o ritmo…), que debe suplir todos os  efectos visuais que si existen na televisión, por iso se precisa ser moi bo/a comunicador/a. Ademais na radio non hai lugar para o erro xa que case todos os programas se emiten en directo, mentres que na televisión a inmensa maioría dos programas son gravados con anterioridade e isto permite anular ou corrixir os fallos cometidos.

  •  Ademais das diferenzas puramente lingüísticas existen outras derivadas da proximidade que cada un dos medios mantén co público. Polo xeral a radio séntese como máis achegada porque existen moitas emisoras locais que tratan os problemas puntuais de cada zona, incluso os anuncios son dos establecementos da nosa vila; na televisión (aínda que tamén proliferaron as locais) o tratamento destes temas máis inmediatos queda reducido case sempre ás noticias.

  • Dende o punto de vista do público, podemos dicir que a radio é máis activa, non só porque haxa máis programas con participación directa do público (que ultimamente tamén proliferan na televisión pola introdución das novas tecnoloxías) senón e, sobre todo, porque o oínte debe participar activamente na decodificación da noticia (unirlle mentalmente as imaxes); na televisión todo o traballo está feito, o telespectador só debe sentar e "dixerir".

A prensa escrita: utiliza como vehículo de comunicación a lingua escrita,  mais tamén se vale doutros códigos como o tamaño de letra ou a disposición espacial… Ademais das revistas especializadas en distintos temas (ecoloxía, medicina, deportes, música, antropoloxía, viaxes…) e das revistas de carácter xeral, pódese dicir que o fundamental da prensa escrita atopámolo nos xornais(que normalmente teñen unha edición diaria).

A prensa escrita pode chegarnos a través do formato tradicional en papel ou en formato dixital. En calquera destes soportes todo o que aparece podemos clasificalo en tres grandes apartados: información (que normalmente ocupa a maioría do espazo), opinión (sexa do propio medio, dos seus colaboradores ou dos propios lectores)  e publicidade (que en parte o axuda a sosterse economicamente e que está destinada a actuar no público para que este merque un produto ou actúe dun xeito determinado).
Como características xerais da prensa escrita podemos salientar as seguintes:

  • É menos inmediata  que a radio e a televisión, pois dende que suceden os feitos dos que se quere escribir ata que o resultado chega a nós ten que pasar un tempo para a edición e posterior distribución (isto non se cumpre se nos referimos á prensa electrónica).

  • A escritura é máis pausada e isto permite que o/a xornalista lle dedique máis tempo á investigación e á análise. Ademais, a prensa escrita pode abordar un tema desde diferentes ópticas e buscar o contraste de opinións, mentres que os outros medios, debido á escaseza do tempo, teñen que quedar na superficie do tema e non afondar nel.

  • Desde o punto de vista do/da lector/a tamén se observan diferenzas: a lectura posibilita unha dixestión lenta e reflexiva da noticia, en tanto que na radio e na televisión non existe un tempo para a interpretación das noticias e de inmediato se trata outro tema ao que tamén se quere atender. Pola súa banda, a radio e a televisión, non precisan unha atención exclusiva e unha persoa pode informarse do que pasa ao ser redor mentres realiza outras actividades cotiás.

Despois deste pequeno repaso polos diferentes medios de comunicación,  imos afondar nos seguintes temas nas características da linguaxe xornalística e nos distintos tipos de texto que podemos atopar na prensa escrita.