A narración con imaxes

O cómic, ou banda deseñada, ou novela gráfica cando conta unha historia completa, é unha forma de comunicación que consiste en contar unha historia utilizando a imaxe gráfica e tamén, nun plano menos relevante, o texto escrito.

 

O cómic, un tipo máis de narración

Ante todo o cómic ten un carácter narrativo, é dicir, é un tipo de narración, coa particularidade de que mestura elementos lingüísticos con imaxes gráficas. É por iso que o cómic, igual ca a narración literaria, conta unha historia, e esa historia organízase dun determinado xeito, é dicir, ten unha estrutura. No que respecta á estrutura externa hai moitas similitudes entre o cómic e a narración literaria: ambos poden ter unha división en capítulos, que poden ir ou non numerados, teñen títulos... En canto á estrutura interna a similitude é total: aínda que a historia se organiza decote nunha estrutura cronolóxica (presentación, nó e desenlace), tamén podemos atopar outras estruturas que xa vimos (in media res, en contrapunto e circular).

Ademais, os elementos da narración tamén son comúns: tanto no cómic coma na narración literaria hai un narrador que conta uns feitos que lles suceden a uns personaxes nun lugar e nun tempo determinados. Todo o dito nos temas dedicados á narración literaria con respecto ao narrador, aos personaxes, ao espazo e ao tempo tamén se pode aplicar, sen máis, ao cómic.

Entón non hai nada diferente?  Si, nos próximos apartados veremos aqueles aspectos máis específicos do cómic.

 

A linguaxe visual no cómic

Secuencias e viñetas

O autor/a dun cómic organiza a historia que quere contar distribuíndoa nunha serie de espazos ou recadros chamados viñetas. Pero nunha soa non se pode contar máis ca un pequeno fragmento de historia; todas as viñetas que se utilizan para contar unha parte da historia forman unha secuencia. Así, na seguinte banda deseñada temos unha secuencia formada por seis viñetas:

Rebeca (es ti)-Davide Osenda

Observa que cada viñeta representa un momento específico da situación que se conta; unha soa viñeta non permite entender a acción, son necesarias as anteriores e posteriores que conforman a secuencia. A combinación de moitas secuencias permítenos contar historias, pero estas secuencias deben estar estruturadas, é dicir, deben referir momentos relevantes da historia e estaren ordenadas.


Léo, Léa, Zidrou Benoît Springer
A forma da viñeta tamén é importante; en xeral, as viñetas rectangulares e iguais conseguen un ritmo de narración monótono, e as viñetas sen marco crean un efecto de movemento. Tamén o tamaño da viñeta e a cor (ou a súa ausencia) xogan un papel relevante, pero estas cuestións ampliarémolas máis adiante.

Como podes observar nas secuencias que che mostramos, dentro de cada viñeta hai diversos elementos: o espazo no que transcorre o que se conta, os personaxes e o texto escrito (tanto o que mostra o o que os personaxes din como aquel no que se expresa o narrador).

O tempo vén indicado pola secuencia de viñetas, de xeito que unha determinada viñeta adoita relacionarse co presente, sendo as viñetas anteriores o seu pasado e as posteriores o seu futuro. Por isto é tan importante a orde na que se presentan as viñetas, que se deben ler de dereita a esquerda e de arriba abaixo, pois a alteración desta orde impediríanos entender o significado da acción.

O encadre

O encadre vén dado por dous elementos, o plano (a distancia á que o espectador ve a acción) e o ángulo de visión (o lugar dende onde estamos observando a acción). A elección do encadre é moi importante, porque dependendo do que queiramos contar e do que nos interese destacar deberemos ir escollendo o encadre de cada viñeta. Aínda que o autor/a ten ao seu dispor unha gran variedade de planos e ángulos de visión, non ten que xogar con todos, débeos elixir para expresar algo concreto, pois se xogamos permanentemente con eles só lograremos marear o lector.

O plano

O plano é un termo que se refire ao nivel de detalle que vemos na viñeta, é dicir, á distancia con que a viñeta nos mostra a imaxe; deste xeito, a viñeta pode estar ocupada por un pequeno detalle ou por toda unha paisaxe. Os planos que se utilizan tanto no cómic coma no cine son os seguintes:

Titulo do plano

Gran plano xeral
Plano xeral
Plano enteiro
Plano americano
Plano medio
Primeiro plano
Primeirísimo plano
Plano de detalle
Ver o exemplo anterior
Ver outro exemplo

 


O ángulo de visión ou punto de vista

O ángulo de visión é o punto dende o que se observa a acción. Elixir o ángulo correcto permite dar profundidade e volume á viñeta, así como sensación de grandeza ou pequenez segundo o punto de vista adoptado.

Titulo do plano
Ángulo cenital
Ángulo picado
Ángulo frontal
Contrapicado
Nadir
Ángulo dorsal
Ver o exemplo anterior
Ver outro exemplo

 

Formato e cor

O formato está relacionado co xeito de representar o encadre, sendo normalmente un cadro rectangular: porén, en cada viñeta hai que tomar decisións sobre o tamaño que vai ter e sobre a forma: pode ser estreita, ou ocupar todo o ancho da páxina, ou ter unha forma irregular...

A forma da viñeta inflúe en como se percibe o que se vai contar; en xeral, as viñetas rectangulares e iguais conseguen un ritmo de narración monótono, e as viñetas sen marco, que se continúan unhas noutras, ou con marcos irregulares, logran un efecto de movemento e dinamismo. Do mesmo xeito o tamaño tamén xoga un papel relevante, pois unha viñeta que contén algo que se quere resaltar pode ocupar o espazo de varias viñetas normais. (Preme nas imaxes para velas ampliadas)

Outro aspecto do formato é a cor. Unha decisión importante que o autor/a de cómic debe tomar refírese a se vai utilizar ou non a cor e como o vai facer. A cor cumpre unha función estética (coma en calquera cadro dun pintor) e en xeral tende a dar máis realismo ás imaxes; pero esta non é a súa única función, senón que ás veces ten funcións psicolóxicas (provocar ou estimular sentimentos xogando coas cores) e mesmo poden xogar un papel clave na comprensión da historia (por exemplo, un cambio na cor pode remitir ao lector a un momento do pasado).

Outros recursos

Recollendo o movemento

Chamámoslles liñas cinéticas ás marcas ou raias que rodean certos obxectos para indicar que se están movendo e o sentido do movemento; aportan dinamismo e acción á viñeta. Sen elas sería difícil que o lector soubese que a persoa ou o obxecto se están movendo.

Os lobos de Moeche, Manel Cráneo

Os espíritos azuis, Ramón Marcos - Jorge Castell

Recollendo os sons

Os ruídos represéntanse mediante onomatopeas, e por iso o vemos máis adiante, como parte da linguaxe verbal.

As metáforas visuais

A metáfora é unha convención gráfica que expresa unha idea a través dunha imaxe; por exemplo, ter unha boa idea represéntase cunha lámpada acesa, un mareo con estreliñas xirando arredor da cabeza, roncar como unha serra cortando un tronco, estar namorado como un corazón...

Signos de apoio

A miúdo utilízanse signos para enriquecer a mensaxe e a expresión dos personaxes; en xeral, un signo de admiración indica sorpresa, e un de interrogación, dúbida.

 

A linguaxe verbal no cómic

O globo

É o espazo no que se escriben os diálogos ou os pensamentos dos personaxes. O rabo que ten o globo apunta cara ao personaxe que fala ou indica de onde procede a mensaxe. Unha mala disposición dos globos dificulta a lectura e desorienta o lector.
A forma do globo tamén se relaciona co significado da mensaxe, é dicir, a súa forma relaciónase coa mensaxe que conteñen:

A cartela

Trátase dun cadro rectangular no que aparece a voz do narrador. Adoita ir colocada na parte superior da viñeta. Se a cartela se sitúa no espazo entre dúas viñetas consecutivas, chámase cartucho.

A onomatopea

É a imitación dun son, como por exemplo: zzz (respiración cando se dorme), paf (golpe), boom (explosión)... A onomatopea aumenta o valor expresivo da viñeta, e pode estar tanto dentro como fóra do globo.

As letras

O normal é usar letra de imprenta; segundo as características que se lle atribúen ó personaxe pode escollerse algunha en especial.
Se o personaxe fala en voz alta o tamaño da letra pode ser proporcional; se, por exemplo, está cantando pode ter forma ondulante e signos musicais que a acompañan.

 

Autores destacados do cómic galego

En Galicia a banda deseñada ten moi boa saúde e conta con autores recoñecidos mesmo internacionalmente. Velaquí algúns deles:

Miguelanxo Prado

Fran Bueno

Pepe Carreiro

Xosé Tomás

Manuel Cráneo

Kiko Da Silva

Iván Suárez

Xaquín Marín

Hugo Covelo