A narración literaria I. Os elementos da narración

Introdución

Como xa dixemos, fronte ao resto das narracións, as de carácter literario caracterízanse porque os feitos que nelas se contan non pertencen á realidade senón á ficción, son sucesos inventados por un autor ou autora coa finalidade de entreter o público que, con posterioridade, gozará coa historia que se conta e tamén coa maneira na que ese autor/a decidiu contala. Ademais na narración literaria non só hai ficción na historia que se conta, tamén a hai na persoa que a conta, xa que o emisor non é alguén real senón un medio do que se vale o autor/a (este si que é real) para facernos chegar a historia.

Unha obra literaria pode contar unha historia que xa coñecemos e non por iso resultar aburrida porque o interese está en como se nos conta máis que no que se nos conta. Isto non quita que sexa preferible que detrás do relato tamén haxa unha boa historia.

De todos os xeitos, a pesar do dito, un requisito básico nun texto literario é a verosimilitude, é dicir, que a persoa que o le ou escoita poida crer o que se lle está contando, aínda sabendo perfectamente que se trata dalgo inventado. Conseguir ou non esa verosimilitude é un dos aspectos que determinan a calidade do texto e para iso o autor posúe ferramentas como a caracterización dos personaxes, a creación dos ambientes, a sucesión temporal dos feitos que se contan...

Nunha narración literaria é fundamental o xeito no que se organizan os feitos e o uso estilístico que se fai da linguaxe. Estas son as particularidades das narracións literarias que imos ver agora con algo de detalle pero primeiro convén aclarar:


A que lle chamamos "narración literaria"?

Detrás desta denominación podemos atopar un conxunto de obras moi heteroxéneo: de diferentes extensións, intencións, orixes…

Incluímos no xénero narrativo os textos escritos elaborados por un autor/a (literatura de autor), pero tamén aqueloutros que son de transmisión oral (literatura tradicional): lendas, contos, anécdotas, romances e chistes.

Na narrativa de autor distinguimos basicamente dous tipos:

  • A novela: é unha narración longa que se desenvolve nun marco espazo-temporal ben caracterizado, no que os personaxes teñen moita importancia e no que, normalmente, sucede unha acción principal e outras dependentes dela. Adoitan estar divididas en partes ou en capítulos. A extensión é variable, hai novelas de centos de páxinas e outras que non chegan ás cincuenta, e isto dá pé a que se fale de novela longa e novela curta.

  • O relato ou conto: ten menor extensión e isto condiciona  que haxa unha soa acción e poucos personaxes. Tamén ten extensión variable pero, en xeral, máis alá de trinta páxinas xa se fala de novela curta.

    O microrrelato: é un tipo de conto de moi curta extensión (poden incluso estar formados por catro ou cinco palabras) que ten como elementos identificadores a sorpresa e a suxestión; máis que contar unha historia danse unhas claves para que logo o lector a recree.
    Exemplo

 

O que non define o tipo de texto é a temática que se aborda nel, non é certo que o conto sexa de temática fantástica e a novela non. En realidade, segundo a temática podemos falar de contos ou novelas históricas, de ficción científica, de aventuras, policiais ou sociais.

Tampouco a idade do público ao que vai dirixido define o tipo de texto; si que é certo que normalmente os nenos len contos e non novelas pero iso é porque a súa capacidade de atención aínda é reducida e non poden concentrarse nunha historia moi longa. De feito existen novelas infantís e novelas para adultos e o mesmo pasa cos contos. E tampouco o formato no que se presenta a historia ten relación co tipo de texto que se trate, pois normalmente os contos (sobre todo os que son para adultos) aparecen publicados en volumes que recollen varios relatos  e que teñen o mesmo aspecto exterior que pode ter unha novela.

 

Características dos textos narrativos literarios

Os textos narrativos son actos de comunicación e, como tales, están presentes nel os elementos propios da comunicación: emisor, receptor, código, canle e mensaxe. O código é a lingua que se emprega e a canle pode ser oral ou escrita. Ata aí poderiamos estar falando de calquera acto de comunicación normal pero nos outros elementos propios da narración é onde se fai evidente que non o é: xa dixemos máis arriba que o emisor é un ser ficticio, e o mesmo acontece co receptor, mais onde atopamos máis diferenzas é na mensaxe, pois o texto literario posúe unhas características propias que esixen un alto grao de elaboración e de manexo de técnica narrativa que só algunhas persoas son quen de manexar con excelencia. Estas particularidades afectan ao uso específico que se fai da lingua, á estrutura do texto e aos elementos que teñen que intervir nel.


a) O uso da lingua

Como  en calquera outro texto narrativo, no texto literario utilízanse uns determinados recursos lingüísticos adecuados para a transmisión de sucesos (xa vistos no chanzo 3) mais, a diferenza dos outros tipos de narración, nos textos literarios non se emprega a lingua unicamente cunha función referencial, é dicir para transmitir un contido, senón tamén cunha finalidade estética, ou sexa, o texto é un fin en si mesmo e non só un medio para nos facer chegar unha determinada información. Pero, como se aprecia esta diferenza no uso concreto que se fai da lingua en cada tipo de texto? Vémolo:

  • As palabras escollidas: O léxico non se emprega unicamente pensando no seu significado obxectivo senón atendendo ao seu potencial evocador; moitas veces incluso se desbota un termo de significación precisa porque interesa máis a polisemia doutro vocábulo que poida permitir xogos interpretativos ao lector.
    Por exemplo

    O uso de determinadas palabras adoita estar en  función da súa eufonía (a maneira na que soan) e as sensacións que poidan producir (suavidade, rotundidade...).
    Fíxate...
  • A orde das palabras: As frases que compoñen as cláusulas e as oracións non sempre se presentan na orde máis lóxica para facilitar a súa comprensión porque, recordemos, ese non é o único obxectivo; ás veces interesa fixar a atención nalgún elemento distinto do suxeito e por iso se coloca en primeiro lugar, é dicir, prodúcense hipérbatos:
    Exemplo
  • Uso de figuras literarias: Aínda que o uso de figuras é máis abundante na poesía ca na prosa, tamén nos textos narrativos se empregan estes recursos para embelecer os textos.
    Son habituais figuras como metáforas: (Grazas, Felipe, por me alumeares o camiño da casa coa túa mirada.), comparacións (Amolábame o xesto afectuoso do sabio, poñendo ante min a posibilidade de ir á illa coma quen exhibe ante unha criatura un doce que non pode comer. Era demasiado cruel.), enumeracións (Era o noso país, coñeciamos cada risco, cada regato, cada cova onde permanecer acochados, vixilantes, asexándoos)... (textos pertencentes a Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño.).
  • Uso de diferentes rexistros lingüísticos para caracterizar os personaxes.
    Por exemplo
  • Presenza de partes descritivas nas que se delimitan os ambientes e os espazos ou se describen os personaxes e ademais uso de abundante adxectivación para ofrecer abondosos detalles.
    Exemplo

O emprego duns recursos ou doutros é o que configura o “estilo” de cada autor, a súa forma particular de escribir que permite identificar as súas obras fronte ás doutros autores. Así un estilo pode ser, por exemplo,  barroco ou sinxelo (segundo lle guste adornar máis os textos ou mostralos máis espidos de adxectivacións),  irónico, improvisado, lixeiro...

 

b) A estrutura

Ao falarmos da estrutura dun texto literario debemos distinguir a estrutura externa da interna.

A estrutura externa fai referencia á maneira na que se dosifica a historia á hora de presentárnola: se se divide en partes, en capítulos, en apartados... e a extensión que  teñen, se están numerados, se teñen títulos...  Por exemplo: a obra Ámote Leo A. de Rosa Aneiros é unha triloxía porque é unha novela escrita en tres partes; cada unha desas partes ten un título diferente e está composta por un número variado de capítulos numerados pero sen título; Os Megatoxos de Anxo Fariña é unha serie ou colección formada por novelas diferentes nas que os mesmos personaxes viven diferentes aventuras; cada unha delas está formada por capítulos numerados e con título; A sombra cazadora, de Suso de Toro, é unha novela dividida en catro apartados e mais un epílogo; cada apartado leva un título e está dividido nun número irregular de capítulos numerados pero sen título...


A estrutura interna refírese á orde na que se nos contan os feitos.

O máis habitual é atoparmos unha estrutura cronolóxica na que os acontecementos se narran segundo van ocorrendo, e faise en tres momentos:

  • Presentación: É a situación inicial, o momento no que se fai a  presentación do espazo e do tempo onde van ocorrer os feitos e tamén se dá a coñecer os protagonistas.

  • : É a parte na que se desenvolve a acción e teñen lugar os conflitos (problemas que xorden e acontecementos destinados a resolvelos).

  • Desenlace: É a resolución e a situación final, é dicir, a acción que resolve definitivamente o conflito e dá  solución ao problema dos protagonistas.

Porén, é posible que apareza outra estrutura: in media res (a narración comeza no conflito), en contrapunto (simultanéanse varias historias cos seus correspondentes conflitos e solucións) ou  circular (a historia comeza e remata no mesmo lugar).

Ás veces o desenlace non chega a producirse e é o lector quen ten que imaxinar a partir de varias posibilidades que se deixan entrever do narrado ata ese momento; nestes casos dise que hai un final aberto.

 

Estes dous aspectos que acabamos de ver (estilo e estrutura do texto) fan referencia á mensaxe. No próximo tema veremos os que fan referencia ao emisor, á acción, ao tempo e ao espazo.