O texto narrativo


Introdución

Narrar consiste en contar cousas. É ao que lle dedicamos máis tempo nas nosas comunicacións: contamos o que vivimos, dicimos de que tratan as películas que vemos, os libros que lemos ou os xogos que xogamos, relatamos o que soñamos cando durmimos, recordamos o pasado ou imaxinamos o futuro. É dicir, que pasamos o día narrando e, por suposto, asistindo ás narracións dos que  conviven connosco: narración hai nos xornais que nos informan sobre os sucesos que acontecen, tamén nas películas ou nas túas series favoritas, na banda deseñada, nas letras das cancións ou incluso  na publicidade porque, no fondo,  estes non son máis ca distintos medios dos que nos valemos para o esencial: contarmos historias.

A narración é un tipo de texto no que se contan uns feitos que lle suceden a alguén nun lugar e nun tempo determinados.

 


Atila en Galicia, Estampas por Castelao.
Dependendo de cales sexan os elementos da comunicación presentes en cada caso (o tipo de canle que se empregue, o código que se use, o emisor...) e da función comunicativa que predomine, podemos distinguir distintos tipos de narración: 

 

Os tipos de narración

Narración lingüística / Narración non lingüística

Cando escoitamos a palabra “narración” adoitamos asociala inmediatamente a unha historia que lemos nun libro mais, como dixemos antes, os soportes para a narración son moitos e nin sequera en todos eles se empregan como medio de expresión as palabras. E preguntaraste: se non é con palabras, de que outra maneira podemos contar historias? Viches algunha vez un espectáculo de mimo?, fixácheste nos pórticos historiados das igrexas?, oíches falar do cine “mudo”...? Iso por non falar de todas as cousas que nos pode contar unha boa imaxe... por suposto que hai moitas maneiras de contar sen palabras. E tamén hai narracións nas que as palabras complementan as imaxes, é o que pasa nas películas, na banda deseñada ou nos medios de comunicación audiovisuais.

A narración lingüística é aquela que utiliza como soporte a palabra, é dicir, que comunica a través de textos lingüísticos.

 

Narración oral / narración escrita

E aínda usando a lingua, non é igual facer unha narración oral que unha narración escrita, pois na primeira podemos botar man de moitos recursos non lingüísticos que nos han axudar para facilitar a comunicación (a mirada, os acenos, as posturas, os tons de voz...) mentres que na narración escrita o único elemento do que dispoñemos para facer chegar todas as emocións que pretendemos transmitir é a boa selección das palabras e unha correcta puntuación. Non obstante, calquera tipo de narración que se faga de xeito oral tamén se pode facer de xeito escrito, e viceversa, sempre que se adapte ás características de cada unha das canles.


Narración de feitos reais / narración de feitos ficticios

Tanto que a narración sexa oral como escrita, tamén establecemos diferenzas na súa tipoloxía se atendemos á temática e ao obxectivo que se pretende. Segundo isto, se o obxectivo é entreter falamos de textos ficticios mentres que se a intención é informar falamos de narración de feitos reais.

Mais aínda dentro da narración de feitos reais podemos falar de distintos tipos de narracións segundo a temática que se aborde:

  • Narración do cotián: Como diciamos máis arriba, podemos falar ou escribir sobre aspectos puntuais das nosas propias vidas, de quen vive connosco, do lugar onde vivimos... é o que facemos habitualmente cando conversamos coas nosas amizades,  cando escribimos unha carta de tipo persoal ou cando anotamos nun diario.

  • Narración xornalística: O seu obxectivo é informar,  con máis ou menos detalle segundo se trate dunha noticia ou dunha reportaxe, sobre algún aspecto de interese para a comunidade. A narración xornalística sempre se fai intentando contestar seis hipotéticas preguntas: que pasou?, a quen?, cando?, onde?, como foi?, por que sucedeu?

  • Narración histórica: Trátase dun texto de carácter científico ( con uso de tecnicismos, abundancia de datos cronolóxicos, económicos...) no que se relatan uns feitos históricos co obxectivo de explicalos. Dentro dos textos históricos podemos incluír tamén as biografías de personaxes e as autobiografías.

A narración de feitos ficticios dáse nos textos de carácter literario, neles os sucesos son inventados (aínda que poidan estar baseados en feitos reais) e quen os conta tamén é un ente de ficción creado por un autor/a que se dedica profesionalmente a inventar historias. Neste tipo de textos o que se pretende é entreter o público (lector ou oínte) cunha historia que lle provoque emocións (medo, riso, expectación...) e que o faga reflexionar, ao mesmo tempo que se busca o pracer estético e para iso a linguaxe é utilizada dun xeito especial.

Os tipos de textos literarios tamén poden ser diversos, pero isto verémolo máis adiante.

Neste mesmo grupo de textos de ficción poderiamos incluír a narración publicitaria, pois nela tamén se  inventan historias e se fai un uso especial da linguaxe, aínda que neste caso o obxectivo non é entreter senón convencer sobre a excelencia dalgún produto.  

De todos os xeitos, sexa o tipo de narración que sexa aquela da que esteamos falando, é raro atoparmos un texto no que unicamente estea presente a narración como modo de expresión, pois frecuentemente esta se atopa mesturada (sobre todo se se trata dun texto de extensión considerable) con fragmentos descritivos ou incluso de carácter expositivo ou lírico, o que si podemos atopar son textos nos que a finalidade última sexa narrativa ou nos que a forma predominante sexa a narración.

 

A lingua nos textos narrativos

Todos os textos, os narrativos tamén, presentan unhas especificidades lingüísticas e estruturais que son as que nos axudan a definilos como tales. Neste caso podemos mencionar as seguintes:

  • A información organízase segundo un criterio cronolóxico, que se manifesta a través de conectores temporais (adverbios de tempo, locucións adverbiais…).
  • Frecuentemente aparecen intercaladas descricións, diálogos ou incluso argumentacións.
  • A clase de palabras que máis abunda é o verbo, que é a que usamos para referir accións e procesos.
  • Os tempos verbais aparecen sobre todo en pretérito, aínda que tamén son frecuentes os presentes e copretéritos (tempos narrativos). (Veremos o seu uso con máis detalle ao estudarmos o verbo).
  • Predominio das estruturas oracionais predicativas (fronte ás atributivas que son propias da descrición).
  • Estrutura informativa, que consta de presentación, nó e desenlace. Á súa vez, esta información pode presentarse das seguintes formas:
    • Ascendente: o máximo interese está ao final do relato (dáse nas narracións orais, literarias e cinematográficas).
    • Descendente: a información principal está no comezo (narración xornalística).
    • Linear:  todas as partes teñen o mesmo nivel de interese (narración histórica).

Como dixemos máis arriba, é raro que atopemos un texto narrativo puro porque adoito precisamos describir como é aquilo do que se está contando algo, ou o lugar onde acontece... por iso ao carón destas características que acabamos de ver tamén podemos atopar adxectivos, substantivos, outro tipo de conectadores...; que haxa predominancia duns determinados elementos lingüísticos non significa que haxa exclusión dos outros.