O texto expositivo

 

Se cadra, enunciado deste maneira resulta un pouco  intimidatorio, pero a realidade é que o texto expositivo forma parte da túa vida dende sempre, estás canso/a de ler e escoitar textos expositivos, e incluso de elaboralos. Cada vez que les uns apuntamentos ou un libro de texto, cando atendes as explicacións que che dan na aula, cando les nunha revista de divulgación sobre calquera tema do teu interese, cando fas un exame... é un texto expositivo o que tes diante; sen ir máis lonxe, agora mesmo estás lendo un texto expositivo.

Un texto expositivo é aquel no que se analiza ou resume información, de forma obxectiva e organizada, sobre algún tema.

Mais a transmisión de información, sendo un requisito imprescindible para que haxa texto expositivo, non é a única característica que o define, tamén posúen unha clara intención de explicar o que se está contando para que sexa entendido polo interlocutor e, ademais, contan cunha organización destinada precisamente a asegurar esa comprensión, por iso posúen título, apartados e subapartados que van guiando no proceso de lectura/escoita e interpretación.


http://textoinformativo.wikispaces.com/

Os textos expositivos, igual que calquera outro tipo de textos, pódense emitir de maneira oral ou escrita o que, por suposto, condiciona o seu contido e a súa organización. Por exemplo, un texto oral non pode ser tan denso nin tan longo coma un texto escrito porque o emisor non pode reter moitos datos con só oílos, porén pode obviar algunha información que o emisor transmite de forma directa a través dos seus movementos corporais e da voz. Outros factores que condicionan estes textos son o tipo de información que se transmite, a quen vai dirixido, o soporte no que vai chegar ao público...

Outro factor que condiciona a forma destes textos é o público ao que van dirixidos; de acordo con isto podemos dicir que existen dous tipos de textos expositivos:

  • Os divulgativos: son os que informan de temas de interese xeral a un público que non é especialista no tema. Podemos incluír neste grupo, por exemplo, algunhas conferencias, os libros de texto, os exames, algúns artigos xornalísticos...

  • Os especializados: son os que, ademais de informar, pretenden afondar nas causas ou achegar unha información moi concreta sobre un tema que, en xeral, só interesa a un público que xa ten coñecementos previos sobre el. Podemos incluír neste tipo os manuais específicos sobre determinadas materias (un tratado de astronomía, un libro sobre a linguaxe poética de Rosalía de Castro..., algunhas conferencias (por exemplo unha para avogadas/os sobre as implicacións dunha reforma lexislativa, ou para médicos/as sobre aplicacións de distintos tipos de anestesias segundo a patoloxía que se estea tratando...).

Mais, en xeral e aínda tendo en conta o comentado, os textos expositivos teñen unhas características estruturais que son as que, precisamente, permiten poñerlle esta etiqueta.

 

Características organizativas

O habitual é que este tipo de texto estea formado por tres partes:

Introdución:  Nela xeralmente explícase cal é o tema que se vai abordar. Ten en conta que explicar non é o mesmo que enunciar, non se trata de poñer un título, senón máis ben de presentar cuestións previas que consideramos de interese: se o tema é novidoso, por que o é, cal é o enfoque que ti lle dás, que é o que ten de interesante... ou incluso se pode aproveitar para aclarar algúns conceptos que os receptores deben  coñecer para poder entender despois o tema que lles vas explicar.

Desenvolvemento:  É o lugar onde realmente se achegan as explicacións sobre o tema. Normalmente, está dividido en apartados cos seus respectivos títulos e subtítulos. Pódese facer de varias formas dependendo do tipo de tema ou do aspecto concreto que esteamos a tratar. Se por exemplo tes que facer un traballo sobre a obra literaria dalgún escritor podes presentar a información que queres transmitir de distintas maneiras:

    • Analizando as causas polas que algo ocorre e logo analizando as consecuencias  ou as solucións que pode ter. Por exemplo cando explicamos as causas que levan á creación dun movemento literario, ou a repercusión que o movemento tivo na literatura posterior…

    • Enumerando as características ou as propiedades que posúe o obxecto ou a idea do que estamos tratando. Por exemplo, ao enumerar as obras dun autor/a ou ao explicar a temática da súa obra.

    • Describindo as características que posúe aquilo do que estamos falando. Isto é moi útil para explicar as características dunha obra literaria, do estilo do autor/a...

    • Contando as cousas de maneira cronolóxica, é dicir, segundo van acontecendo no tempo. É normal cando se fala das distintas etapas da obra dun autor/a ou da súa vida.
    • Facendo unha comparación entre distintas ideas ou aspectos dun mesmo tema. Por exemplo se analizamos a obra de dous períodos diferentes dun autor/a, ou contrapoñemos a literatura de dous autores explicando as semellanzas e diferenzas...

Conclusión:  É fundamental terminar o tema cunha conclusión (que o receptor saiba que xa acabou, non vale dicir “xa está”, “xa acabei”...). Nela podes facer un resumo breve dos aspectos máis importantes que trataches, ou dar a túa opinión persoal, ou facer algunha reflexión que queiras compartir cos receptores, ou ler algún fragmento literario que teña que ver co tema tratado ou coa reflexión que ti fas... En todo caso, algo que permita que o receptor quede cunha sensación agradable ou pensando sobre o tema do que ti falaches, que note que lle serviu para algo o que ti fixeches.

Unha regra:

10% introdución + 80% desenvolvemento + 10% conclusión = texto expositivo


Características lingüísticas

Unha das características básicas que debe ter un texto expositivo é a máxima claridade porque o obxectivo fundamental deste tipo de textos é contar a alguén algo que non sabe, e malamente o vai entender se non somos claros nas explicacións. Podémolo conseguir usando os seguintes procedementos:

Léxico preciso: non se poden empregar palabras baleiras de significado “cousa”, “aquel”... nin vocabulario con sentido figurado (non é lugar para as metáforas).  Débense empregar “tecnicismos”, é dicir, palabras específicas do tema do que se está falando.

Empréganse sobre todo enunciados de tipo enunciativo e nalgúns casos tamén preguntas retóricas como recurso para mellorar a comunicación.

As formas verbais empregadas son maioritariamene o presente de indicativo.

Utilízanse os verbos en 3ª persoa, tamén é frecuente o uso de estruturas impersoais (pénsase que, considérase...).  Outras veces empréganse a 1ª de singular cando se fan valoracións de tipo persoal (sobre todo na introdución e na conclusión) e a 1ª de plural (plural de modestia, o emisor quere dar a imprensión ao auditorio de que é un coñecemento compartido e non de que el sabe e os outros non).

As estruturas sintácticas non deben ser moi complexas , hai que ter claro cal é a relación que existe ente as ideas: se é unha explicación, se é unha exemplificación, se é unha idea que contrarresta a anterior... e, en consecuencia,  utilizar os conectadores apropiados (porque, para, porén, ademais...).

Emprego de conectadores que guíen a explicación (en primeiro lugar, a seguir, por outro lado...).

De todas as formas non todas as exposicións manteñen de forma clara as características que acabamos de comentar; é frecuente que nunha exposición se insiran pasaxes descritivas ou incluso narracións nas que se conten anécdotas que o emisor quere incorporar para facer máis amena a explicación. Recorda que, en definitiva, a intención de quen fai unha exposición é que se entenda ben a explicación e por iso ha de botar man de todos os recursos que lle axuden a conseguilo.