O texto descritivo

Definición

A descrición consiste en explicar, de forma detallada e ordenada, como é un ser, obxecto, lugar ou fenómeno do mundo real ou imaxinario, presentando os seus trazos característicos para dar unha idea fiel deles. Implica a enumeración das partes que compoñen o elemento que se vai describir, a mención das súas características e a súa situación no espazo.

Calquera descrición parte primeiro dunha observación da realidade; a partir deses elementos observados lévase a cabo unha selección dos que resultan máis característicos ou relevantes, deixando fóra os que non resulten diferenciadores; despois faise a organización dos datos seleccionados, seguindo unha orde: do xeral ao particular (ou ao revés), de arriba abaixo, do anterior ao posterior, de dentro a fóra...; finalmente búscase a expresión máis axeitada ao que se quere describir.

Describir supón seguir unha serie de pasos:
  1. Observar
  2. Seleccionar
  3. Organizar
  4. Expresar

 

Tipos de descrición

As descricións poden ser de distintos tipos, dependendo do criterio que utilicemos para a súa clasificación:

  • Segundo a actitude do emisor:

    • Descrición obxectiva: Infórmase do descrito con precisión, axustándose á realidade e sen realizar valoracións persoais, facendo unha enumeración precisa dos elementos e das súas características, usando un vocabulario obxectivo e eliminando o uso de recursos estilísticos. Adoitan aparecer en textos de ámbito académico (dicionarios, enciclopedias, manuais especializados...), xurídico-administrativos (informes forenses, xudiciais, documentos notariais...) e xornalístico (reportaxes, noticias...).
    • Descrición subxectiva: Infórmase do descrito introducindo as sensacións, emocións e sentimentos de quen describe, coa pretensión de idealizar, deformar ou transmitir as impresións producidas no emisor. O vocabulario que se utiliza non é obxectivo e poténciase o uso de recursos estilísticos. As descricións deste tipo máis usuais son as literarias, as cales adoitan conter xuízos de valor e empregar unha linguaxe que busca suxerir, sorprender e agradar ao lector ou oínte. Tamén se utilizan na publicidade.


  • Segundo a finalidade do texto:

    • Descrición literaria: O autor/a transmite a súa maneira persoal de ver as cousas mediante un punto de vista subxectivo, e ademais utiliza abundantes recursos literarios.

    • Descrición científica ou técnica: Exprésanse de maneira obxectiva e coa maior exactitude e claridade posible as características do que se quere describir; é o tipo de descrición que se usa nos libros de texto, nos dicionarios, nas enciclopedias...

    • Descrición xornalística: Preséntase a descrición de sucesos con finalidade informativa.


  • Segundo o tema:

    • Descrición de persoas. Cando describirmos persoas podemos centrarnos no seu aspecto físico (Prosopografía), en cuestións de tipo moral ou psicolóxico (Etopea) ou facer ambas cousas a un tempo (Retrato). Se a descrición se fai deformando ou esaxerando as características do personaxe, falamos de caricatura.
    • Descrición de lugares (Topografía).
    • Descrición de obxectos ou animais (Zoografía).
    • Descrición dun período de tempo caracterizando os elementos sociais e culturais dese período (Cronografía).
    • Descrición de realidades abstractas.


Características dos textos descritivos

Nos textos descritivos son abundantes os substantivos que designan as cousas e os obxectos da realidade, e tamén os adxectivos, que explican como son eses obxectos. A comparación é un recurso que aparece con frecuencia nos textos descritivos. Outro aspecto relevante é a correcta utilización dos signos de puntuación.

Toda descrición se realiza seguindo unha orde determinada: do xeral ao particular, de arriba abaixo, de esquerda a dereita,... Para indicar esa orde úsanse os conectadores, sobre todos aqueles que sitúan os obxectos no espazo: á dereita, ao fondo, nos dous lados...

Abundan os verbos copulativos, en detrimento dos que indican acción ou movemento, e os tempos máis utilizados, dependendo do tipo de descrición, son o presente e o copretérito. A sintaxe é sinxela, con predominio da coordinación.