Os prexuízos lingüísticos II

Introdución

Xa vimos que os prexuízos lingüísticos son sentimentos negativos que algunhas persoas teñen sobre unha lingua ou os seus falantes. Neste tema imos falar dos prexuízos que cara á lingua temos os galegos e galegas (sexamos ou non conscientes), das consecuencias que producen e de se podemos (ou queremos) intentar mudar a situación.


Os prexuízos lingüísticos en Galicia


En Galicia fálanse dúas linguas pero non están nunha situación semellante, sobre unha delas recaen moitos prexuízos que producen como consecuencia que moita xente non a empregue e, nalgúns casos, que os falantes da outra lingua critiquen a quen a fala.

Seguramente máis dunha vez terás oído escoitar cousas como que o  castelán é unha lingua de “pijos” e que quen o fala ten vergoña de ser galego e que por iso renuncia á súa lingua. Se ti falas castelán seguramente non che gusta oír isto porque non te consideras “Pijo/a” (ou si, e a moita honra, que pasa?) e sabes que hai moitas persoas (rapeiros/as, rockeros/as, heavies, hipsters… ou o que sexan)  que tamén falan castelán, non só os “pijos”.

Seguramente non che gusta nada que che digan que sentes vergoña de ser galego por non usar o  galego porque ti, simplemente, usas o castelán porque é a lingua que che aprenderon na familia (porque é a que falan teus pais entre eles ou porque é a que escolleron para falarche a ti) e a que máis presenza ten ao teu redor: as amizades, a escola, as redes sociais, os medios de comunicación…).

Seguramente tamén che ha de amolar bastante que existan estes prexuízos cara ao castelán e que a ti te xulguen simplemente por oírte falar. É lóxico que che pase!

Do mesmo xeito, tamén che ha molestar a ti, se falas galego, oír cousas coma que o galego é a lingua da xente maior, con pouca formación, que vive no rural...  ou que os que falan galego vivindo na cidade é  porque son nacionalistas ou de esquerdas.  Ao mellor ti non te encontras en ningún destes grupos (ou si, e a moita honra, que pasa?) e simplemente falas galego porque é a lingua na que te criaches e na que te sentes cómodo/a.

Seguramente tamén a ti che ha de amolar bastante que existan estes prexuízos cara ao galego e que a ti te xulguen simplemente por oírte falar. É lóxico que che pase!

É lóxico que non nos guste que se nos xulgue sen coñecernos, que se pense algo de nós simplemente pola lingua que falamos. Isto que pasa en Galicia co galego e o castelán non pasa con outras linguas, ou acaso ti cando imaxinas algún habitante de Castela falando en castelán pensas que é porque vive na cidade?, e logo os que viven nas aldeas en Castela son mudos? Ou acaso cando oes falar un inglés na súa lingua tamén pensas nas razóns que terá para facelo?

O normal sería que en Galicia a xente falase galego, como en Castela castelán e en Inglaterra inglés pero en Galicia non ocorre así porque existen dúas linguas. Neste caso o normal sería que a xente puidese expresarse libremente en calquera delas. É isto o que sucede?



Que cadaquén fale na lingua que queira...



Xosé Lois
Xa vimos que en Galicia o feito de expresarse nunha lingua supón ser prexulgado/a por outras persoas pero, ademais,  as opcións para escoller unha ou a outra lingua non son iguais, repara no que sucede ao teu redor:

Usar unha lingua non significa só poder falala senón tamén poder realizar as actividades cotiás nesa lingua (ir ao cine, xogar cos videoxogos, ler os xornais, escoitar música…). A realidade en Galicia é que os /as castelanfalantes si poden realizar todas esas actividades en castelán pero os/as  galegofalantes non teñen as mesmas oportunidades (probade, por exemplo,  a intentar ver un dvd en galego, seguramente habedes atopar que ten versión en inglés, castelán, catalán… pero non en galego, xa non digamos intentar ver unha película en galego no cine ou poder escoitar música actual en galego…).

Se as dúas linguas estivesen na mesma situación na sociedade, os falantes das dúas linguas terían os mesmos dereitos, pero isto non sucede. Os prexuízos lingüísticos, neste caso, supoñen unha discriminación para os galegofalantes.

Por outro lado, os/as galegofalantes coñecen perfectamente o galego (lingua que aprenderon na familia e perfeccionaron na escola) e o castelán (lingua que aprenderon na escola e que perciben constantemente en todo o que os rodea). Por esta razón son quen de expresarse correctamente nas dúas linguas, poden escoller.  

Pola contra os castelanfalantes coñecen perfectamente o castelán (lingua que aprenderon na familia, perfeccionaron na escola e perciben constantemente en todo o que os rodean) pero cústalles moito falar  galego (porque só o aprenderon parcialmente na escola pero non o practican fóra dela). Son que de expresarse correctamente en castelán pero non así en galego. Polo tanto, non poden escoller, están limitados.



Se as dúas linguas estivesen na mesma situación na sociedade, os falantes das dúas linguas terían os mesmos coñecementos e, polo tanto, as mesmas oportunidades de escoller libremente. Neste caso os prexuízos lingüísticos contra o galego supoñen unha discriminación para os castelanfalantes que se ven privados de aprender ben as dúas linguas.



Falarlle galego a alguén que non o fala é de mala educación


En primeiro lugar debemos dicir que este prexuízo, de ter unha base obxectiva, tamén se debería aplicar á inversa: é de mala educación falar castelán cando hai alguén que fala galego. Pero isto ninguén o di... Considerar que é de mala educación falar galego con descoñecidos, ou con quen non o fala, implica pensar que o galego é inferior ao castelán.



A xanela

En realidade, cando falamos con alguén descoñecido/a o máis probable é que se trate de alguén que vive en Galicia e, polo tanto, entenda o galego perfectamente aínda que non o fale; falarlle en castelán a alguén de Galicia é como dicirlle que está limitado/a intelectualmente e non ten capacidade para entender o galego (a min non me gustaría que pensasen iso de min, e a ti?). Ademais, hai moitas persoas en Galicia que non poden practicar o galego porque nas súas familias non llelo falan, deixar de usar o galego con elas é privalas da oportunidade de oíren o galego e practicalo.

Non obstante, tamén cabe a opción de que o/a descoñecido/a sexa de fóra e, daquela, caben as mesmas posibilidades de que entenda castelán ca galego (se é dun país  lusófono vai entender mellor o galego, se é dun país hispano vai entender mellor o castelán, pero se non está en ningún destes casos hai poucas probabilidades de que saiba ningunha das dúas linguas e haberá que facerse entender doutra maneira). Se cadra, para actuar sen prexuízos, o mellor é esperar a ver cal é a lingua que entende e despois actuar en consecuencia.



Eu falo

Por outro lado, cando alguén viaxa a un lugar o que busca é coñecer ese lugar (no caso de que se faga turismo) ou integrarse na comunidade (no caso de que se chegue como inmigrante). Negarlle a estas persoas o contacto co galego é falsearlles a nosa realidade e excluílos de poder compartir unha das maiores riquezas que ten a nosa terra e, no caso dos inmigrantes, non permitirlles que sexan dos nosos, discriminalos por non seren de aquí.  

 

De aplicarmos esta regra, se  sempre que se encontra un galegofalante con alguén que non o fala nos pasásemos ao castelán, terminariamos por acabar falando todos/as en castelán. Fíxate:


Adaptado de Manuel Núñez Singala (En galego, por que non?)

 


Só fala en galego a xente maior

Isto non ten sentido, coñeces algún lugar da terra onde as persoas maiores falen unha lingua e a xente moza outra diferente coma se pertencesen a dous pobos distintos? O normal é que a lingua se transmita dunha xeración a outra como o legado máis importante dunha cultura e vínculo de unión entre as persoas que conforman un pobo. Pero en Galicia, en moitos casos,  non pasa iso, preguntácheste por que?


Xaquín Marín

Pois a razón é moi sinxela, moitos/as dos que agora son castelanfalantes proveñen de familias galegofalantes que na súa infancia e xuventude se viron obrigados a cambiar a súa lingua para adaptarse a unha sociedade que os discriminaba pola lingua que falaban  (porque na escola estaba prohibido o uso do galego, porque se falaban galego non os contrataban para traballar, porque se falaban galego burlábanse deles/as…). Estes pais, cando tiveron fillos/as quixeron que non pasasen pola mesma situación que eles viviron e, para evitalo, comezaron xa a falarlles galego dende pequenos, sen seren conscientes de que os tempos mudaran e de que en realidade estaban a privar os seus fillos da oportunidade de saber máis.  

Non utilizar a mesma lingua que utilizan os nosos maiores implica perpetuar e dar por boa a situación de discriminación á que se viron sometidos.

Por outra parte, non é certo que a xente nova non fale galego.  Si é verdade que hoxe en día a maioría dos mozos e mozas son castelanfalantes (polo que acabamos de explicar) e que quen vive nunha contorna castelanfalante ten a percepción de que esa é a situación xeral en toda Galicia, pero iso está moi lonxe de ser a  realidade:



Vella escola - TVG

Miles de rapazas e rapaces que tiveron a sorte de se criaren en zonas rurais ou en pequenas vilas  onde o galego está  plenamente vixente  utilizan a súa lingua con toda a naturalidade: van de compras, xogan, estudan, chatean, fan música, ligan, viaxan… en galego.

Outros que, a pesar de viviren en cidades, pertencen a familias con inquedanzas culturais que os levaron a recuperar o idioma tamén van de compras, xogan, estudan, chatean, fan música, ligan, viaxan… en galego. Aínda que neste caso xa non é con toda normalidade, pois resulta moi difícil comunicarse diariamente en galego cando todos os compañeiros e compañeiras empregan sempre o castelán e incluso fan preguntas do tipo  “y luego tu por qué hablas en gallego?, como se houbese que dar explicacións  sobre algo tan normal como falar galego sendo de Galicia.


Fran Bueno

 

Ímosche contar unha historia (real) que conta Manuel Núñez Singala no seu libro En galego, por que non?

 

En galego existen múltiples opcións para os/as que queren estar ao día (música de todos os estilos, redes sociais propias, ferramentas informáticas, teatro, moda…) que son recoñecidas e moi ben valoradas fóra de Galicia, non achegarse a elas por mor dun prexuízo lingüístico supón marxinar a cultura propia e ademais un xeito de autodiscriminación.  



O galego é unha lingua con poucos falantes  que non serve para nada


Cada lingua que se creou no planeta leva consigo unha forma de ver o mundo; as linguas non se poden valorar polo número de falantes, cada unha delas é patrimonio da humanidade, é un ben que se debe conservar porque garda en si unha parte da historia dos seres humanos. E os galegos creamos unha lingua, a nosa particular forma de interpretar o mundo e vivir nel, que se transmitiu de xeración en xeración, durante séculos. Somos a única xente no mundo que fala esa lingua, e iso fainos diferentes de todos os demais, fainos únicos/as no mundo.

Pero se o que che preocupa é non ter con quen falar, has de saber que por número de falantes o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo, o lugar 23 entre as 150 linguas europeas, e é máis falado ca algunhas linguas oficiais de Europa como o eslovaco, esloveno, maltés, islandés, escocés... En internet o galego está entre as 30 linguas máis usadas no mundo.

Pensar que as linguas son máis ou menos importantes polo número de falantes que teñan é un prexuízo, o que achega prestixio a unha lingua son as manifestacións culturais que se producen nela (a súa literatura, a súa musica, a súa tradición popular..). Neste sentido a galega é unha cultura moi rica o que trae como resultado, por exemplo,  que a nosa lingua sexa estudada en moitas das máis prestixiosas universidades do mundo.



A xanela


Eu falo


O número de persoas que fala unha lingua pode aumentar ou diminuír, quen o ten na súas mans son os propios falantes. Deixarse levar polo prexuízo supón contribuír para que desapareza a lingua e tamén autodiscriminarnos como pobo.


En galego, sen prexuízos

Todos estes prexuízos que estivemos vendo (e moitos outros que se escoitan acotío) están ocasionando un gran dano á nosa lingua e facendo que se perdan moitos falantes co cal, de seguir así a cousa, o galego corre o risco de desaparecer porque unha lingua que non é empregada polas persoas para comunicarse habitualmente é unha lingua morta.

Por iso é moi importante que nos liberemos de todos estes prexuízos e pensemos obxectivamente se queremos ser cómplices da morte dunha lingua que conta con máis de mil anos de historia ou se preferimos poñer o noso gran de area para que isto non suceda.  Nós ímosche dar os nosos argumentos para explicarche por que pensamos que é importante falar en galego.  É cuestión de pensalo…


Razóns para comezar a falar/non deixar de falar galego

Vai facendo clic en cada cor para ver a información: