Os prexuízos lingüísticos I

Introdución

Repara nesta afirmación: “O prexuízo lingüístico actúa como calquera outro prexuízo social, e está fundamentado na creación dun estereotipo negativo do falante dunha lingua (por motivos políticos ou ideolóxicos) que na maioría dos casos acaba producindo unha discriminación”. Entendes o que quere dicir?  Tes claros todos os conceptos necesarios para entendela? É probable que non, e por iso, antes de abordarmos os prexuízos lingüísticos, convén que clarifiquemos unha serie de conceptos básicos sen os cales nos resultaría imposible explicar como se producen e como actúan na sociedade.


Estereotipo, prexuízos e discriminación.

Para explicar estes conceptos imos partir da base de que no comportamento humano hai que diferenciar tres aspectos:

  • O pensamento: é o que pensamos.

  • As actitudes: é o que sentimos.

  • As accións: é o que facemos.

E agora vexamos que relación teñen cos termos que queremos comprender.


O estereotipo.

Relaciónase co pensamento. O estereotipo é o conxunto de crenzas que temos sobre un grupo de persoas.

Considera os seguintes grupos: os norteamericanos, os suramericanos, os andaluces, os parados, os inmigrantes, as mulleres, os profesores, os políticos... Se che pedimos que elabores unha lista coas características máis importantes que os definen, seguro que non has ter problema ningún. O conxunto de cousas que diriamos de cada grupo é o estereotipo.

O estereotipo case nunca coincide coa realidade; é fácil darse conta do falso que resulta o estereotipo cando a quen catalogan é a nós (ou é certo que como es galego/a nunca contestas as preguntas, que como es home non podes facer dúas cousas ao tempo ou que como es muller estás todo o tempo a mirarte nos espellos?).

É maís fácil destruír un átomo ca un prexuízo.
Albert Einstein

O prexuízo

Relaciónase coas actitudes, co que sentimos. O prexuízo é unha actitude (usualmente negativa) cara aos membros dun grupo, que non se basea no coñecemento das persoas, senón en pensar que todas as persoas que pertencen a ese grupo son iguais entre si.

Imaxinemos este estereotipo aplicado ao grupo de “inmigrantes”: persoa sen traballo, de escaso nivel económico e cultural, potencialmente perigoso, que viste mal, agresivo... Se cremos que iso é certo podemos ter unha actitude negativa cara a estas persoas, sen termos en conta as súas características persoais. Polo tanto teremos prexuízos.

A razón pola cal os prexuízos están tan asentados é porque resultan cómodos, xa que é máis fácil deixarse levar pola idea previa sobre alguén ca esforzarse en coñecelo realmente. Pero, ademais, os prexuízos tamén serven para reforzar a autoestima de quen os ten porque non pertencer ao grupo ao que se despreza failles sentir que eles son superiores sen, realmente, teren ningún mérito para iso.

Ás veces as persoas teñen prexuízos que non recoñecen en situacións públicas, aínda que si os manifestan cando están con xente que pensa coma elas. É o caso, por exemplo, de quen ten ideas negativas das mulleres pero non as expresa perante os demais para que non o consideren machista; non obstante si as pode manifestar facendo chistes sexistas.


A discriminación

Relaciónase coas accións, cos actos que realizamos. A discriminación é actuar con desigualdade no tratamento cara ás persoas en función de se pertencen ou non a un grupo.

Podemos considerar o seguinte exemplo: un empresario que considera inferiores as mulleres (estereotipo) ten prexuízos cara a elas e prefire contratar homes, co cal as está discriminando.

A miúdo a discriminación non se dá de xeito aberto, senón dun xeito máis sutil: dándolle a entender á persoa que non é ben recibida, facendo bromas e chistes, mediante miradas...


Estereotipo e prexuízo lingüístico

Estas tres situacións vistas ocorren tamén con respecto aos grupos que falan determinadas linguas. O exemplo máis claro témolo en Galicia.

En Galicia na actualidade hai dúas linguas, unha propia, creada aquí polos galegos, e outra que trouxo, alá polo século XV, a coroa de Castela e que ao longo da historia impuxo nos ámbitos relacionados coa política e co poder, desprazando o galego de todos os espazos importantes dentro da sociedade e relegándoo a usos familiares e informais.

Esta posición “inferior” do galego deu lugar a un estereotipo de “falante galego”, exactamente igual que cando se crean estereotipos racistas ou sexistas sobre calquera outro grupo social. Este estereotipo incluía características como: vivir na aldea, ser inculto/a, ser pobre, ter un baixo nivel de estudos...

Isto provocou que na sociedade empezasen a crearse unha serie de prexuízos, ante eles hai dúas maneiras diferentes de actuar:

  1. Aceptalos, e facer todo o posible para distanciarse do grupo contra o que se dan os prexuízos, por exemplo cambiando a lingua que un fala, procurando que os fillos só falen a lingua foránea...

  2. Loitar por desterralos, o que se fai mostrando orgullo pola pertenza ó grupo contra o que hai eses estereotipos. En EEUU moitas persoas de raza negra asumían a superioridade dos brancos, pero outras negáronse a aceptar ese prexuízo e comezaron a mostrar o seu orgullo por ser como eran e a intentar cambiar a situación de discriminación na que vivían. En Galicia é moita a xente que mostra orgullo por falar o seu idioma en calquera situación, desafiando o estereotipo negativo.

Aquí tes dous exemplos destas actitudes:


Conversación nun programa de televisión (Gran Hermano) entre dúas concursantes, unha da Coruña e outra canaria.
Científicos galegos que fan ciencia na súa lingua e se mostran orgullosos dela.

Aceptar os prexuízos é o que explica a perda de falantes que experimentou a lingua galega nos últimos tempos. Pero tamén é certo que cada vez hai máis persoas que se apuntan a vivir dignamente falando a súa lingua con normalidade en todos os ámbitossen por iso renunciar a coñecer e utilizar outras.