A historia da lingua

Introdución

O galego, igual que outras linguas da Península (portugués, catalán, castelán...) e de fóra da Península (italiano, romanche, sardo, provenzal...) é unha lingua románica. Isto quere dicir que comparte coas demais as súas orixes: o latín.

O latín era o idioma dos habitantes do Lazio, en Italia, pero dende alí foi levado a gran parte de Europa (e a outros lugares de África e Asia) cando os romanos crearon o seu imperio.  

Galicia (Gallaecia) foi conquistada polos romanos alá polo século I d.C  (bastante máis tarde que outras zonas da Península Ibérica) e daquela foi cando chegou aquí o latín. Por suposto, nestas zonas xa había xente (e non era muda) pero as  linguas que falaban remataron por desaparecer, aínda que deixaron algunhas pegadas tanto no léxico (palabras que aínda conservamos hoxe) como na maneira de pronunciar. Dende aquela, hai 2000 anos, ata hoxe a lingua mudou moitísimo (se non fose así, seguiriamos a falar latín). Neste tema  imos facer un percorrido para ver como foi o proceso de creación da lingua galega e tamén a sorte que correu en todo este tempo.

 

O nacemento do galego

A influencia das linguas existentes antes da chegada dos romanos, sumada ao feito natural de o propio latín ir cambiando co paso do tempo, deu lugar ao nacemento de variedades diferentes de latín en distintas zonas do imperio romano. Ademais, os romanos foron perdendo o seu poder e alá polo século V chegaron os xermánicos: primeiro os suevos, que fundaron o que se cre que é o primeiro reino de Europa e logo os visigodos. Estes pobos asentáronse nos antigos territorios romanos e, aínda que adoptaron o latín, tamén influíron con achegas de vocabulario para que a lingua seguise cambiando. Despois chegaría a conquista árabe e o proceso volveríase repetir.  

Deste xeito, arredor dos séculos VIII-IX (1000 anos despois da chegada dos romanos a Gallaecia!!) na Península Ibérica xa non se usaba o latín senón cinco linguas romances  diferentes: galego, leonés, castelán, aragonés e catalán (ademais do árabe e do mozárabe). Aínda que hai que ter en conta que nos primeiros séculos as distintas linguas románicas unicamente eran faladas (cada unha no seu territorio), pois na escrita seguíase utilizando o latín.


Afonso VII, rei de Galicia

Ou sexa,que o galego nace a fins do século VIII ou principios do IX no territorio da Gallaecia, aínda que daquela este territorio abranguía máis do que hoxe é Galicia (tanto cara ao oeste como ao sur ), por iso aquela primeira fase da lingua se denomina galego-portugués. Por suposto, daquela todos os estamentos sociais, dende os reis ata os campesiños,  utilizaban para se comunicaren oralmente unicamente o galego.

É  alá por fins do XII  cando o galego se empeza a empregar tamén nos textos escritos, e a partir de aí,  paulatinamente,  irase estendendo o seu uso, pasando a ser utilizado en todo tipo de textos escritos (e, por suposto, tamén orais) tanto privados como públicos e tanto xurídicos como históricos ou literarios.

No seguinte mapa interactivo podes ver cal foi a situación política do noroeste peninsular dende a romanización ata o século XV:

 

A historia posterior

Dende o seu nacemento e ata o século XV (durante 700 anos) a lingua galega vive unha etapa de plena normalidade, pois é a única lingua que se utiliza en Galicia, e incluso é empregada por xente de fóra para compoñer textos poéticos,  converténdose así na lingua de moda da poesía, que daquela se transmitía a través de cancións (igual que o inglés actualmente). Os textos literarios escritos durante este período (século XII a XV) coñécense co nome de Lírica galego-portuguesa.

Mais a partir do século XV ocorren dous feitos que marcarán a súa situación posterior:

  • Separación da lingua en dous idiomas diferentes: galego e portugués.  Os territorios de Galicia e Portugal xa había tempo que se separaran pero a lingua seguía sendo unha única ata este momento. A partir de aquí, mentres o portugués se vai converter nunha lingua que aumenta o seu territorio e o seu prestixio, ao galego tócalle padecer as consecuencias da situación política.

  • Introdución da lingua castelá  nas familias nobres dirixentes provenientes de Castela. Este feito, xunto cunha política premeditada levada a cabo dende Castela para impoñer o castelán como única lingua da Península Ibérica, vai facendo que o galego perda presenza nos ámbitos cultos (sobre todo no eclesiástico e académico) o que, pouco a pouco, vai provocar que a lingua galega e os seus falantes teñan que padecer o rexeitamento da parte máis acomodada da propia sociedade galega.

Ata o século XIX a situación foi máis ou menos similar: o galego era empregado pola maioría da poboación galega, excepto as clases dirixentes e as elites culturais, pero só de xeito oral porque a escolarización estaba vetada ás clases máis humildes e ademais facíase única e exclusivamente en castelán. A este período (arredor de 400 anos) chámaselle Séculos Escuros.

Mais no século XIX (xa un pouco antes) a situación empeza a mudar cando un grupo de intelectuais se fan conscientes  de que a lingua galega, e en xeral toda a súa cultura, está sendo asoballada e aldraxada. Comeza así o período que se denomina Rexurdimento, onde destaca sobre todo a figura de Rosalía de Castro, que é a primeira en publicar un libro integramente en galego.

Xa no século XX, esta preocupación pola nosa cultura e o emprego da lingua na literatura (e tamén noutro tipo de textos como estudos científicos, escritos políticos ou xornalísticos...) continúa co labor desenvolvido polas Irmandades da Fala,  a Xeración Nós e o Seminario de Estudos Galegos,   que vai dar como resultado que no ano 1936 se aprobe o Estatuto de Autonomía que recoñecía os dereitos do galego.

Este período de recuperación acábase violentamente cando en 1936 se produce un levantamento militar contra o goberno,  que conducirá á Guerra Civil e á posterior ditadura de Franco,  onde de novo se persegue a lingua galega e os seus falantes e incluso se prohibe o seu uso.

A partir de 1950 a situación empeza a mellorar un pouquiño cando feitos culturais como a creación da editorial Galaxia (que de novo  edita libros en galego) e outros sociais (creación de partidos políticos na clandestinidade, por exemplo) van preparando o camiño para que ao morrer Franco e volver a democracia se recoñecese nas leis que o galego é a lingua propia de Galicia e que é cooficial, xunto co castelán.

Nestoutro mapa interactivo podes ver as linguas faladas na Península Ibérica e a súa extensión dende o século X ata hoxe:

 

A actualidade

Dende 1975 ata hoxe as cousas foron mudando e hoxe en día hai leis que defenden o uso do galego (aínda que non sempre se poñen en práctica),  pero a nosa lingua e os falantes aínda seguimos padecendo as secuelas de todos estes anos de imposición do castelán: aínda hai moitos sectores socias que case non o empregan e aínda hai tamén quen pensa que o galego é unha lingua que só a usa a xente maior ou a que vive na aldea, e o peor de todo é que o galego está perdendo falantes.

Esperemos que o esforzo dos nosos antepasados, que conseguiron manter viva a lingua a pesar de todos os obstáculos e prohibicións de centos de anos escuros, non se vaia estragar agora que as cousas non están tan difíciles;  sería unha vergoña para as novas xeracións que se perdese un legado tan importante por mor da súa comodidade e da súa falta de autoestima.

 

Liña de tempo


Romanización
Alta Idade Media
Baixa Idade Media
Séculos Escuros
Rexurdimento
Actualidade
R o m a n i z a c i ó n
A l t a   I d a d e   M e d i a
B a i x a   I d a d e   M e d i a
S é c u l o s   E s c u r o s
Rexurdimento
A c t u a l i d a d e
s. I aC
s. I
s. II
s. III
s. IV
s. V
s. VI
s. VII
s. VIII
s. IX
s. X
s. XI
s. XII
s. XIV
s. XV
s. XVI
s. IX
s. XX
s. XIX
s. XVIII
s. XVII
Chegada dos romanos
Caída do Imperio romano. Formación do Reino suevo de Galicia.
Chegada dos visigodos.
Chegada dos árabes. En Galicia apenas influíu.
Comézase a falar galego.
Comézase a usar
o galego na escrita.
Lírica galego-portuguesa.
s. XIII
As clases dirixentes comezan a falar castelán.
Vólvese a usar o galego na escrita.
Rosalía de Castro: 1º libro en galego.
1975: Democracia: O galego recupera os seus dereitos legais.
1939-1975: Ditadura de Franco: Castígase o uso do galego.
1936-Estatuto de Autonomía: recoñecemento oficial do galego.