As variedades lingüísticas

Introdución

Paréceche que sabes galego?, canto galego?, que galego? E castelán?, como é o castelán que sabes ti? E que pasa co inglés?
Todas estas preguntas teñen, en realidade, unha única resposta sexa cal sexa a lingua á que nos esteamos referindo: ti sabes un tipo de galego, un tipo de castelán ou un tipo de inglés. Sabes, en maior ou menor medida, a lingua estándar: o galego estándar, o castelán estándar ou o inglés estándar, é dicir, sabes o tipo de lingua que se aprende na escola, a que che vai servir para comunicáreste con todas as persoas nunha situación máis ou menos formal.

A lingua estándar (ou normativa) é unha especie de patrón ou modelo lingüístico que foi escollido polos lingüistas para que todos os falantes dunha lingua poidan falar e escribir da mesa maneira e tamén para que os que non son falantes desa lingua (normalmente estranxeiros) poidan aprendela.

Pero galegos hai moitos porque a nosa lingua , como todas as demais, alberga no seu seo unha serie de variacións que a enriquecen e que nos serven para empregalas en situacións diversas, pois está claro que non todos falamos igual o galego nin tampouco cada un de nós o fala sempre igual. Imaxina por exemplo, que lle queres comentar a túa avoa a última partida que xogaches na nintendo, cres que ela vai entender as palabras específicas do xogo?, ou imaxina que asistes a unha reunión onde varios doutores están discutindo un diagnóstico, pensas que vas entender ti o que din?...

 

As variedades internas da lingua

 

Cada lingua presenta no seu interior unha serie de variantes que dependen de catro factores:

  • O nivel cultural do/da falante
  • A situación comunicativa
  • A zona xeográfica de onde procedan os falantes
  • O tempo no que se produza (na actualidade, hai cen anos...)

Imos deixar de lado de momento as variacións temporais, supoñemos que es consciente de que na actualidade non se fala o galego igual que, por exemplo, na Idade Media, pero non imos entrar en detalles agora sobre este aspecto, centrarémonos neste tema nos outros tipos de variacións lingüísticas.        

 

Os niveis de lingua

 

Os niveis de lingua son as formas diferentes de falar unha lingua dependendo das circunstancias sociais dos seus falantes: profesión, residencia e formación cultural.

 

Como diciamos antes, non todas as persoas temos o mesmo coñecemento da lingua, unhas persoas dominan máis vocabulario ca outras, algunhas din xuramentos e malas palabras, outras falan nuns termos tan rimbombantes que non hai quen as entenda... Isto depende, normalmente, do nivel de lingua que teña unha persoa e este, á súa vez, ten que ver co nivel cultural, coa profesión que se desempeñe e tamén coa residencia (normalmente os residentes no rural teñen maior riqueza expresiva en galego porque os das cidades adoitan utilizar as mesmas expresións ca en castelán pero traducidas).

Distínguense tres niveis de lingua:

  • Nivel culto:  é a fala propia das persoas que teñen unha elevada formación cultural.
    Caracterízase polo emprego dun galego coidado tanto no aspecto escrito coma no oral, o que implica unha ortografía e unha dicción correctas. Ademais, non se cometen erros sintácticos nin castelanismos e úsanse frecuentemente palabras cunha significación moi precisa.

  • Nivel medio: correspóndese coa modalidade empregada nos medios de comunicación, na administración, no ensino...
    Igual ca no caso anterior, caracterízase pola corrección no uso do idioma tanto a nivel escrito como oral,  se ben nas escollas léxicas non hai tanta abundancia de cultismos e as estruturas sintácticas adoitan ser máis sinxelas.

  • Nivel popular:  é o propio das persoas que carecen de formación académica e que empregan a lingua que aprenderon a falar de pequenos pero que non reforzaron na escola. Recoñécese pola convivencia de moitos castelanismos léxicos e ao mesmo tempo polo gran coñecemento de termos referidos á vida cotiá. Non presentan incorreccións dende o punto de vista morfolóxico pero si abundantes vulgarismos fonéticos, así como unha pronuncia ás veces con ton elevado e unha escrita con moitas faltas de ortografía.

 

Os rexistros lingüísticos

 

Os rexistros lingüísticos son as formas diferentes de expresarse que ten un falante dependendo da situación na que se encontre: con quen fala, onde, de que...



20 anos de Carrabouxo, Xosé Lois
Supoñemos que terás experiencia nisto, non falas igual cos teus avós ca cos teus amigos e aos teus avós pásalles o mesmo: hai moitas palabras que non empregan cando falan contigo porque se cadra refírense a cousas que agora xa non existen e ti, polo tanto, non as coñeces, ou, por exemplo, cos nenos pequenos non se fala de determinados temas porque aínda non os entenden, ou non se expresa un igual nunha conversa con amigos que facendo unha redacción para o colexio...

Dependendo do contexto  falamos de dous rexistros diferenciados:

  • Rexistro formal: Caracterízase polo uso dunha lingua elaborada. Emprégase en situacións académicas ou en determinados ámbitos laborais . Só pode ser usado por quen posúe un nivel culto ou medio de lingua.
    Moitas veces, dependendo da profesión dos falantes, este rexistro caracterízase polo uso dun léxico especializado denominado linguaxe técnica ou científica.

  • Rexistro coloquial: Caracterízase polo emprego dunha lingua máis relaxada, con uso de dialectalismos, frases feitas... É o usado nunha situación informal, no trato coas persoas coñecidas e en contexto de ocio.

    Unha persoa culta ha de ser quen de manexarse nos dous rexistros, así por exemplo un profesor/a na súa vida persoal seguro que utiliza a lingua dunha maneira máis relaxada que cando está explicando un determinado tema e, de igual xeito, un/unha alumno/a non pode expresarse na aula coa mesma despreocupación que o fai cando está coas súas amizades.  Tan mal uso da lingua fai quen emprega sempre un uso formal coma quen só utiliza o rexistro coloquial.

20 anos de Carrabouxo, Xosé Lois

 

As variedades xeográficas

 

As variedades xeográficas son as formas diferentes de expresarse que teñen os falantes dependendo da situación xeográfica de onde procedan.  

 


318 chistes de Xosé Lois, Xosé Lois

Seguro que coñeces alguén, ou que escoitaches nos medios de comunicación persoas que ao falaren en galego din algunhas cousas diferentes a como as estudas no colexio ou incluso distintas de como as din as persoas que viven na mesma localidade ca ti. Iso é así porque as linguas, todas as linguas, posúen pequenas diferenzas dependendo dos lugares onde se falen e así, igual que non se fala igual o castelán en Andalucía, en Galicia ou en Burgos, tampouco se fala o inglés igual en Escocia que en Texas ou que en Londres e, por suposto, tampouco se fala igual o galego na costa atlántica ca en Lugo ou na Estrada, por exemplo.

Estas variacións dialectais realmente non son moitas, son pequenas particularidades que afectan sobre todo a cuestións morfolóxicas (como se fan os plurais, algunhas terminacións verbais...), léxicas (nalgúns lugares chámanlles con palabras diferentes a algunhas cousas) e fonéticas (algunhas maneiras de pronunciar distintas).

Aínda que os ditos fenómenos lingüísticos se distribúen de xeito irregular ao longo do territorio, é posible delimitar algunhas zonas con características comúns. Por iso falamos de tres bloques lingüísticos:

  • Bloque occidental
  • Bloque central
  • Bloque oriental

Compróbao no seguinte mapa:


Todas estas variacións dialectais teñen a mesma valía dende o punto de vista lingüístico, non hai uns falares que sexan mellores ca outros. Debemos manter vivas e usar as variedades dialectais de cada zona porque esta variación, igual que calquera tipo de diversidade, é sinónimo de riqueza.



Por suposto o galego, como moitas outras linguas, tamén posúe a variedade estándar, que se superpón a esta diversidade dialectal para que todos os galegos e galegas, sexamos de onde sexamos, teñamos un referente común. Mais na lingua oral, e sobre todo nun rexistro coloquial, debemos procurar manter vivas todas estas formas e, na medida do posible,  intentar coñecer os falares das outras zonas.