A diversidade lingüística

Como ben sabes, no mundo existen miles de linguas, o galego é unha delas. A pluralidade lingüística é unha das maiores riquezas coas que conta o ser humano, sabes por que? Porque as linguas reflicten a maneira en que cada pobo percibe o mundo que o rodea. Nunca te fixaches en  que nas películas de vaqueiros os indios falan en infinitivo?, aínda que isto é unha ficción, si é certo que moitas linguas indias non teñen formas diferentes para as divisións temporais; pero se cadra non fai falta ir tan lonxe, abonda con que repares nos usos verbais diferentes en linguas que ti coñeces como o galego e o inglés, por exemplo. E isto por que sucede? Pois por iso, porque cada pobo ten unha maneira de entender o mundo diferente á doutros pobos,  concibe a realidade dunha maneira e crea o vocabulario e as estruturas lingüísticas que precisa para expresar esa realidade.

As linguas son o factor máis importante de entre os que definen as diversas culturas. Son tan importantes que se non fose por elas, os seres humanos non teriamos evolucionado como o fixemos. Daquela, se son tan importantes, resulta fácil de entender que preservar a diversidade lingüística debe de ser un dos empeños que nos mova como especie.

É obvio que dos miles de linguas que existen no mundo non todas teñen o mesmo número de falantes, pero o papel de todas e cada unha delas é importante. Tamén é obvio que non todas teñen a mesma consideración, algunhas  representan a un estado (poucas, porque no mundo hai 200 países e en varios a lingua oficial é a mesma) pero a maioría non,  e por iso a súa subsistencia é máis difícil e precisan máis apoio. Temos que ser conscientes de que se unha lingua desaparece é un prexuízo para todo o xénero humano.

 

A diversidade lingüística en España

España, igual que a maior parte dos países do mundo, é un estado plurilingüe, pois nel fálanse diversas linguas, aínda que non todas teñen a mesma consideración por parte dos poderes públicos nin gozan da mesma situación administrativa nin do mesmo aprecio por parte dos e das falantes.

As linguas de España son as seguintes:

  • Galego: É a lingua propia de Galiza; a súa situación legal é de cooficialidade co castelán, pero só no territorio galego, no resto de lugares de fala galega os cidadáns e cidadás non teñen garantidos os seus dereitos. É falada por un dous millóns de persoas.
  • Bable ou asturleonés: Fálase en Asturias e conta cuns 150.000 falantes. Non é unha lingua oficial, está presente no ensino pero só como unha materia de estudo optativo. É unha das linguas que, segundo a Unesco,  está en perigo de extinción.
  • Eúskaro ou vasco: É unha das linguas máis antigas do mundo. É, xunto co castelán, a lingua cooficial en Euskadi. Conta cuns 600.000 falantes (todos bilingües) repartidos en Euskadi, norte de Navarra e no País Vasco francés. Na actualidade está recuperando falantes mais, a pesar disto, segundo a Unesco encóntrase nunha situación moi vulnerable.
  • Aragonés:  Era a lingua propia de Aragón pero na actualidade non ten ningún tipo de protección oficial e só é falada nalgúns vales pirenaicos ao norte da provincia de Huesca por unhas 10.000 persoas. Tamén é unha das linguas declaradas en perigo de extinción pola Unesco.
  • Aranés: Hoxe é a lingua habitual dunhas 4.700 persoas no Val d’Arán (Lleida) mais, a pesar do escaso número de falantes, conta con protección oficial e estase a impartir no sistema educativo. Isto non quita que estea nunha situación de vulnerabilidade extrema debido ao reducido número de falantes.
  • Catalán: Conta con arredor de sete millóns de falantes. É cooficial en Andorra e tamén en Cataluña, Illas Baleares e Valencia (baixo a denominación de valenciano). O mantemento do seu prestixio, a súa ampla distribución social (nunca foi abandonada polas clases dominantes) e unha decidida política normalizadora fan que, en principio, a súa situación sexa moi favorábel.
  • Castelán: É a lingua oficial en todo o Estado español (en Galicia, Euskadi, Cataluña, Illas Baleares e Valencia é cooficial) e tamén en moitos países de Sudamérica. É unha das linguas que conta con maior número de falantes no mundo.

Como vemos, o plurilingüísmo é unha das características que definen o Estado español, pois o 40% da poboación vive  nun territorio onde hai dúas linguas oficiais (ademais dos lugares onde, aínda sen recoñecemento oficial, tamén se falan dúas linguas). Isto supón unha gran vantaxe para os habitantes destes territorios xa que o coñecemento de varias linguas carrexa, entre outros beneficios, maior predisposición para a aprendizaxe de novas linguas.

 

A diversidade lingüística en Europa

En Europa son moi poucos os países monolingües (Islandia, por exemplo). Na maioría dos países fálanse varias linguas, aínda que  non todos teñen a mesma actitude cara a elas: hai algúns nos que  existen varias linguas pero só consideran oficial unha delas (é o caso de Francia, Grecia, Estonia...), outros nos que todos e todas coñecen as distintas linguas do país aínda que non vivan no territorio onde se falan (Finlandia, Suíza...), outros nos que a lingua oficial cambia dependendo da zona onde se viva (Bélxica, por exemplo) e outros que están na mesma situación ca España (Italia, Austria...).


Non hai fronteiras para os idiomas. Compróbao por ti mesmo/a:


 




E no resto do mundo, que pasa coas linguas?