A cláusula e os seus compoñentes II


Ademais das funcións xa vistas no tema anterior de sintaxe, existen outros elementos para ampliar a información que ofrecemos. Son, sobre todo, complementos que serven para completar as circunstancias que se refiren ao predicado, aínda que hai tamén algúns que afectan ao suxeito. Algúns destes complementos son de presenza obrigatoria dependendo do tipo de verbo que empreguemos e outros son de uso opcional, mais todos eles serven para que a información se transmita de xeito detallado e preciso.

 

COMPLEMENTO DIRECTO (CD)

É a parte da cláusula na que se completa o significado dos verbos predicativos que non teñen o significado completo (verbos transitivos). Sucede que hai verbos como “dicir” que necesitan que se complete o seu significado, pois secuencias como O ministro dixo non teñen sentido se non o completamos co que dixo, por exemplo, O ministro dixo que presentaba a súa dimisión. 

Para cumprir a función de CD emprégase un pronome persoal átono (me, te, o(s)/a(s), nos, vos) ou ben unha frase substantiva ou nominal, ou ben outra unidade superior. Só se pode empregar unha frase preposicional introducida por “a” no caso de que o CD se refira a un nome propio de persoa.

Existe a posibilidade de que o CD estea desempeñado por un pronome persoal átono que se refira á mesma persoa que o suxeito (Esta mañá corteime); cando isto ocorre estamos diante dunha cláusula reflexiva. Tamén pode suceder que o pronome persoal átono que funciona como CD se refira ao mesmo tempo tamén ao suxeito. Ocorre isto só cando o suxeito está desempeñado por dous elementos:

Nestes casos estamos ante unha cláusula recíproca.

 

SUPLEMENTO (SUP)

Ao igual que o CD emprégase para completar o significado dos verbos de significado incompleto.  Mais, a diferenza daquel, vai sempre precedido de preposición, pois é un complemento propio dos verbos que rexen preposición (esquecerse de, lembrarse de, animar a, falar de...).

Sempre está desempeñado por unha frase preposicional.


Nin todos os verbos poden levar suplemento nin os que o levan poden construírse con calquera preposición, trátase sempre de estruturas que xa están fixadas na lingua e que só teñen sentido cunha preposición determinada e non con outra (darse de conta de..., enfrontarse a..., lembrarse de..., dirixirse a..., concordar con...).

 

 

 

COMPLEMEMENTO INDIRECTO (CI)

O CI sérvenos para indicar se existe alguén ou algo que resulte beneficiado ou prexudicado pola acción que enuncia o verbo.

Para cumprir esta función empregamos unha frase preposicional introducida por “a” ou un pronome persoal átono (me, che, lle, nos, vos, lles).


Ás veces reduplicamos o CI; o que facemos é usar o pronome átono para reforzar o significado da frase preposicional:


COMPLEMENTO CIRCUNSTANCIAL (CC)


Son as unidades que nos serven para ofrecer información detallada sobre as circunstancias nas que se produce a acción: cando, onde, como, para que, con quen, canto, por que motivo ou con quen.

Unha mesma cláusula pode ter varios complementos circunstanciais, pois así ofrécese máis información sobre o feito do que se está falando.

Para desempeñar esta función podemos empregar adverbios, frases preposicionais, frases nominais ou outras unidades maiores.


A orde
na que se colocan os distintos complementos circunstanciais é libre; poden ir antes ou despois do verbo, dependendo de cal sexa a información que queiramos resaltar (compara: A próxima semana saio de viaxe / Saio de viaxe a próxima semana).

 

ATRIBUTO (ATR)

É un elemento que empregamos para referirnos a unha calidade ou característica non do verbo senón do suxeito. Só se produce cando o verbo é copulativo (ser, estar, semellar, parecer).  Como xa se indicou, eses verbos carecen de significado, serven simplemente para permitir establecer a equivalencia entre o suxeito e o que se di del.

Na maioría dos casos empregamos para esta función adxectivos ou frases substantivas ou nominais, aínda que tamén podemos empregar frases preposicionais ou unidades maiores.


Ás veces tamén indicamos características que posúe o suxeito pero usando verbos non copulativos, nestes casos non lle chamamos atributo senón predicativo de suxeito: Iria vive soa en Santiago. Nestes casos tamén hai dobre concordancia co suxeito e mais co verbo.

 


COMPLEMENTO AXENTE (C AX)


O complemento axente aparece só nas estruturas pasivas (verbo ser máis participio) e serve para indicar quen é o axente da acción á que se refire o verbo.

A unidade que o desempeña é sempre unha frase preposicional introducida por “por”:

O seu uso limítase á linguaxe culta xa que o habitual na linguaxe menos formal é empregar estruturas activas nas que o suxeito é normalmente o axente: O presidente da Academia recibiu a gañadora do concurso.

 

 

 

A análise sintáctica


Normalmente cando falamos non reparamos  en que tipo de complementos estamos utilizando ou en se unha cláusula ten ou non suxeito,  mais cando estudamos gramática facémolo para reflexionar  sobre o uso da lingua de cara a despois poder empregala de forma máis correcta, por iso debemos aprender a descompoñer a analizar as estruturas lingüísticas e iso é o que facemos cando realizamos análises sintácticas.

Así pois, facer unha análise sintáctica non é máis que realizar un esquema para entender mellor como está composta unha determinada unidade. Existen moitas formas de realizar unha análise sintáctica pero nós recomendámosche unha análise de tipo arbóreo porque che axuda a visualizar mellor e ademais resulta máis cómoda cando a estrutura que debes analizar é extensa.

Para realizarmos unha análise arbórea debemos partir sempre da unidade e indicar as funcións que se dan no seu interior, a continuación indicaremos que tipo de unidade menor desempeña cada función e seguiremos analizando nesta orde (unidade-función-unidade-función-unidade-función-unidade...) ata que cheguemos ao nivel máis pequeno, que é o da palabra. Vémolo no seguinte exemplo:

 

Aínda que todos os elementos estudados os empregamos acotío cando falamos ou escribimos, facémolo de xeito inconsciente, sen parármonos a reflexionar sobre eles; mais cando elaboramos textos debemos procurar que a información que ofrecemos sexa precisa e fácil de asimilar polo receptor, por iso é importante coñecer as regras sintácticas que nos axudan a ordenar a información e a comprobar, por exemplo, se algo é prescindible ou necesario para que a secuencia teña sentido.