Como sabes, nun acto de comunicación, quen le ou escoita non descifra por separado o significado de cada unha das palabras que percibe, se fose así poderiamos dicir, por exemplo, cadela deitar sofá pode non a no e calquera entendería perfectamente, pero na realidade non ocorre así. Saber unha lingua é moito máis que coñecer o significado das palabras que a compoñen, é tamén saber como se establecen as relacións necesarias entre esas palabras para dotalas de sentido.
As palabras relaciónanse entre elas a través dunhas regras como, por exemplo, que con determinados verbos precisamos un complemento porque eles por si non teñen sentido completo. Dependendo desas regras cada palabra ou conxunto de palabras cumpre un determinado papel dentro dunha unidade (por exemplo: serve para dicir de quen falamos, indica en que circunstancia se encontra algo, úsase para completar o significado do verbo...). Son esas regras as que nos din como debemos empregar as palabras para que se transmitan os contidos.
Xa sabes que a
parte da Lingua que se encarga de analizar a maneira en que se organizan as
unidades é a sintaxe, e que dependendo
dos constituíntes que teña cada unidade e das relacións que manteñan eses
constituíntes entre eles diferenciamos
as seguintes unidades:
Noutro lugar xa nos encargamos do estudo da frase (unidade 1), agora veremos algo sobre a cláusula.
Normalmente cando falamos (ou escribimos) facémolo para contar algo sobre algunha persoa ou algunha cousa (explicar os nosos sentimentos, relatar algún feito, dar algunha indicación...) e para isto emitimos estruturas, máis ou menos complexas, que podemos enlazar entre si para construírmos unidades maiores coas que transmitir unha información máis detallada. Á unidade mínima da que dispoñemos para dar unha información completa chamámoslle cláusula, esa é precisamente a diferenza que existe entre unha cláusula e unha frase: mentres que a frase por si soa non achega información completa a cláusula si o fai; deste xeito a secuencia “a súa filla” se non está inserida nunha unidade superior non di nada, mentres que “a súa filla chegou” si que o fai.
Por suposto, as cláusulas (igual ca as outras unidades) poden estar formadas por uns poucos ou por moitos elementos; o feito de que sexa máis ou menos elaborada sérvenos para ofrecer máis ou menos información. En realidade, para que haxa unha cláusula abonda unicamente cun verbo, pero existen cláusulas nas que podemos atopar moitos elementos e incluso máis de un verbo, porque tamén poden ter outras cláusulas dentro. Fíxate:
Todas as estruturas anteriores teñen en común que nos achegan unha información e que en todas elas se constata a presenza de, cando menos, un verbo. Todas elas son cláusulas e, a pesar de que aparentemente semellan estruturas diferentes, en realidade a diferenza é que unhas ofrecen unha información máis detallada, e por iso presentan máis elementos.
A cláusula é a unidade básica de comunicación pero, dependendo das circunstancias comunicativas, farémolas máis ou menos sinxelas. Mais o noso desexo de sermos precisos non é o único requisito que hai que ter en conta, pois hai condicionamentos internos (sintácticos) que obrigan, por exemplo, a que se escollemos usar algúns elementos necesariamente teñamos que usar outros aos que van asociados.
Xa dixemos que o único elemento indispensable para que exista unha cláusula é o verbo, mais o habitual é que unha cláusula estea formada por múltiples elementos que desempeñan funcións como suxeito, complemento directo, suplemento, complemento circunstancial...
É a parte da cláusula que serve para indicar que sucede, é dicir, a acción ou o proceso sobre o que imos falar, polo tanto sempre está desempeñada por un verbo. Como dixemos, é a función fundamental da cláusula, se non hai verbo non hai cláusula e viceversa: se existe un verbo significa que hai unha cláusula.
Dependendo do tipo de predicado que atopemos diferenciamos os seguintes tipos de cláusulas:
É a parte da cláusula que nos serve para indicar a persoa ou o asunto sobre o que imos dar algunha información:
Aínda que podemos colocalo en calquera lugar da cláusula, é aconsellable colocalo ao comezo porque isto permítelle a quen recibe a mensaxe saber dende o principio de que se lle está a falar (por suposto na linguaxe literaria hai máis liberdade).
Sempre debe haber concordancia entre o suxeito e o verbo que funciona como predicado:
Outro caso distinto é o das denominadas cláusulas impersoais, que son as que non teñen suxeito; estas cláusulas constrúense co verbo haber (Hai moito tempo que non o vexo), con verbos unipersoais (Chove arreo!) ou con “se” (Dise por aí que botaches mozo...).
O suxeito e o predicado son as funcións que, tendo en conta o dito sobre as cláusulas impersoais e de suxeito elidido, son necesarias para podermos elaborar calquera enunciado pois, como dixemos, sempre que falamos facémolo para enunciar algo sobre algunha realidade ou algún ser. Máis adiante estudaremos as outras funcións que podemos atopar nunha cláusula.