Sintaxe: a modalidade dos enunciados


Tal e como vimos noutro momento, a linguaxe humana caracterízase porque cando nos comunicamos emitimos as palabras non de forma illada senón inseridas en estruturas lingüísticas. Deste xeito, o que dicimos non é a suma do significado das palabras, senón que ademais interveñen outros factores relacionados coas regras que rexen a unión desas palabras. Grazas a esas regras, coas palabras creamos frases e coas frases creamos estruturas superiores coas que elaborar mensaxes que xa poidan soportar unha idea completa. Esa estrutura superior á frase é a cláusula e caracterízase porque necesariamente ten que estar  construída cun verbo.

Así, cada vez que un individuo verbaliza ou expón unha idea, xeralmente faino empregando unha cláusula (Teño fame) ou incluso estruturas aínda máis complexas (Teño fame porque xa hai cinco horas que comín). Pero resulta que algunhas veces podemos enunciar unha idea completa condensada nunha frase ou mesmo nunha soa palabra, sen que haxa verbo  (Grazas!). Por iso cando falamos de unidades que teñen sentido completo non falamos de cláusulas nin de oracións, senón de enunciados.

 

O enunciado

O enunciado é unha unidade lingüística, frecuentemente constituída por un conxunto de palabras, que se caracteriza por ter sentido completo e unha determinada entoación.


Cando falamos de enunciados non estamos atendendo á estrutura interna da unidade pois, como dixemos máis arriba, os enunciados poden estar desempeñados por distintas unidades sintácticas (palabras, frases, cláusulas ou oracións).

Cando analizamos os enunciados o que nos interesa é abordar o estudo desa unidade atendendo á intención comunicativa, é dicir, a cal é o obxectivo do emisor cando se comunica co receptor. A isto chámaselle ás veces modalidade oracional.

En efecto, cando se produce unha comunicación o interese do emisor pode ser diverso: ofrecer unha información, preguntar, mostrar a súa sorpresa, intentar convencer o interlocutor... Precisamente esta diversidade é a que permite falar de enunciados interrogativos, enunciativos, exclamativos e  imperativos.

 

Tipos de enunciados segundo a modalidade

Enunciados con modalidade enunciativa

A atención do falante céntrase en transmitir un pensamento ou unha información de maneira obxectiva, o importante é a mensaxe que se transmite.

A enunciación pode facerse en modo positivo ou en modo negativo; desta maneira, os enunciados enunciativos poden ser:

  • Afirmativos:  Suspendeuse o exame convocado para a próxima semana.

  • Negativos: Non se suspendeu o exame convocado para a próxima semana.

Nos enunciados enunciativos empréganse os verbos en modo indicativo e na entoación hai un ascenso inicial para comezar a falar, logo mantense mentres se fala e finalmente descende. Este sería o seu esquema:

Na escrita non hai ningunha marca que as identifique.

 

Enunciados con modalidade interrogativa

As respostas afirmativas a unha interrogativa total poden facerse de varias maneiras. Fíxate como podemos responder á pregunta: “Vés ao cine?”
  • Coa repetición do verbo: Vou
  • Facendo outra pregunta: Queres que vaia?
  • Con reticencia: Irei...
  • Utilizando expresións  que reforzan: Xaora! Abofé que vou!
  • Nun modo máis neutro: Si

A atención do falante tamén se centra na mensaxe pero ademais interesa a actitude do receptor, de quen se demanda unha resposta.

Os enunciados interrogativos poden ser de tres tipos:

Interrogativos totais: A interrogación recae sobre a totalidade do enunciado e, loxicamente, a resposta tamén: Tes fame?

 Interrogativos parciais: A interrogación recae só sobre unha das partes que constitúen o enunciado, e a resposta tamén: Que hora tes?, Prefires té ou café?

Interrogativos retóricos: A interrogación faise sen esperar unha resposta por parte de ninguén: Por que non virán as vacacións dunha vez?

Pero ademais aínda  podemos establecer unha segunda clasificación deste tipo de enunciados:

Interrogativos directos: Formúlase directamente unha pregunta: Vés ao cine?

Interrogativos indirectos: Trátase dunha pregunta enmascarada pois aínda que a actitude é interrogativa (quérese saber a resposta),  a formulación é enunciativa: Pregúntome se che gustaría vir comigo ao cine.

Nos enunciados interrogativos tamén se adoitan empregar os verbos en modo indicativo. En canto á entoación, depende de se a interrogación é total ou parcial; en todo caso diferénciase da entoación enunciativa en que o ton é máis alto e cunha brusca caída ao final. Fíxate:

Na escrita a entoación márcase cun signo de interrogación ao final do enunciado que, en casos ambiguos, pode tamén poñerse ao principio.

 

Enunciados con modalidade exclamativa

A intención do falante é expresar os seus propios sentimentos (dor, alegría, decepción...) ante un determinado feito ou resaltar algunha idea :  A ver se chega xa o bo tempo!

Nos enunciados exclamativos poden usarse os verbos en indicativo ou en subxuntivo. Moitas veces os enunciados exclamativos son iguais que os enunciativos pero pronunciados cunha entoación diferente. O esquema da súa entoación varía porque depende da emoción que se exprese; en xeral ten unha subida inicial e logo vai baixando pouco a pouco, algo así:

 

Na escrita a entoación márcase cun signo de exclamación ao final do enunciado que, en casos ambiguos pode tamén poñerse ao principio.

Dentro da modalidade exclamativa inclúense tamén os enunciados nos que o falante expresa un desexo (desiderativos) e que moitas veces van introcidos por marcas como oxalá, espero que....

 

Enunciados con modalidade imperativa

A intención do falante é ordenar, prohibir ou dar consellos ao receptor: Apura!,  Tes que chegar antes das dez!

Os verbos utilízanse xeralmente en imperativo, aínda que tamén poden estar en subxuntivo ou en infinitivo. En canto á entoación, tamén depende de se é unha orde, un consello …

Pode levar ou non signo de exclamación, depende de como estea formulada (Apura! A ver se apuras un pouco…)


Enunciados con modalidade dubitativa


J.Enrique Peraza

O falante expresa unha dúbida ou fala da probabilidade de que suceda algunha cousa: Quizais non estea na casa, Se cadra non o deixan vir, Se viñese xa estaría aquí...

Utilizan o modo subxuntivo pero tamén é frecuente que se empregue o futuro de indicativo  ou perífrases verbais (Ha de vir mañá!). O esquema de entoación é similar ao dos enunciados exclamativos. Tamén neste caso se acostuman usar partículas que marcan a dúbida do tipo se cadra, pode ser, quizais…


Como ves, tal como che diciamos ao principio,  o feito de que cando nos comunicamos poidamos expresar distintas actitudes e dar conta de varias situacións emocionais non só ten relación co que significan as palabras senón que son as estruturas lingüísticas que utilizamos as que nolo facilitan. Por iso convén coñecer moi ben estes recursos,  pois grazas ao seu dominio melloraremos a nosa capacidade expresiva. Non esquezas que unha persoa que non entoa correctamente non transmite e resulta aburrida.