Os modificadores do substantivo: as frases e os seus subtipos

Introdución

Cando nos comunicamos facémolo a través das palabras, pero estas non se emiten de maneira illada senón que se insiren en cadeas que, á súa vez, poden formar parte doutras cadeas e así constituír grandes textos cos  que podemos informar de calquera cousa: pasada, futura, real ou inventada.

Evidentemente, estas unidades non se poden inserir de calquera xeito senón que existen unhas regras que nos indican como debemos unir uns elementos cos outros e que “función”, é dicir, que papel desempeñan cada un deles dentro da unidade superior na que se integran.

Coñecer os mecanismos que nos permiten inserir unhas unidades noutras é o obxectivo da SINTAXE. Segundo a composición interna de cada elemento falamos de que existen diferentes unidades sintácticas:

 

As frases

Daquela, as frases son unidades sintácticas formadas por palabras que se comportan de maneira conxunta dentro doutra unidade superior (chamada cláusula). Así na secuencia A miña gata pariu onte pola tarde tres gatos brancos e un marrón enriba do sofá da sala, podemos diferenciar os seguintes grupos de palabras: A miña gata / onte pola tarde / tres gatos brancos e un marrón / enriba do sofá da sala, cada un destes grupos é unha frase.

Para que nos serven as frases? Loxicamente, para ofrecer unha información máis ampla que a que poderiamos ofrecer cunha única palabra. Fixate:
Vin pombas / Vin pombas brancas / Vin pombas de cor branca / Vin pombas de cor lixeiramente branca / Vin pombas de cor entre branca e gris e cun aire lixeiramente azulado...  As posibilidades que temos para modificar e ampliar o significado do substantivo “pombas” son moitísimas.

Como construírmos as frases? A través dunha serie de procedementos sintácticos segundo os cales cada elemento cumpre unha función, é dicir, serve para unha cousa diferente.

En realidade, debemos aclarar que existen dous tipos de frases:

  • Aquelas nas que hai un elemento máis importante e outro que se emprega para ampliar a información (pero que é prescindible): frases substantivas, frases adxectivas e frases adverbiais
  • Aquelas que están formadas por dous elementos que teñen igual importancia e que non poden existir se se prescinde dun deles: frases nominais e frases preposicionais .

 

Frases formadas a partir dun elemento nuclear



As frases substantivas

Como sabemos, cando queremos falar das cousas precisamos nomealas e para iso utilizamos os  substantivos mais, dependendo da información que queiramos ofrecer, achegamos outros elementos que nos serven para modificar ou matizar o significado do dito substantivo. Así, se nos referimos á expresión Vin pombas brancas vemos que o elemento que nos serve para falar do que vimos é o substantivo pombas pero brancas permítenos ampliar a información. Esta información, en todo caso, é prescindible pois se a retiramos non pasa nada: a construción resultante (Vin pombas) segue sendo correcta, a diferenza é que ofrecemos menos detalles.

A estrutura que utilizamos cando usamos substantivos é a FRASE SUBSTANTIVA. Para que exista unha frase substantiva abonda con que haxa só un substantivo pero pode haber moitas máis palabras. En calquera caso, todo o que non sexa o substantivo está aí unicamente coa función de modificar a este.

Daquela, dicimos que nunha frase substantiva sempre hai dúas funcións: o NÚCLEO  e o MODIFICADOR;  O NÚCLEO sempre está desempeñado polo substantivo e todo o que non é núcleo chámase MODIFICADOR. Fíxate nos cadros laterais.

Por suposto, a orde das funcións pode cambiar e aparecer primeiro o modificador e a continuación o núcleo, así en permanente conflito ou en conflito permanente, o núcleo sempre é o substantivo, independentemente do lugar onde estea.

 

 

As frases adxectivas

Tal como pasa cos substantivos, pode darse o caso de que queiramos ampliar tamén a información que ofrecemos sobre un adxectivo. Neste caso estamos diante dunha construción moi similar á anterior pero na que o elemento máis importante é un adxectivo.  Este tipo de estrutura denomínase FRASE ADXECTIVA e, coma a anterior, está constituída por dúas funcións: o NÚCLEO (o adxectivo) e o MODIFICADOR (todo o demais). Para que exista frase adxectiva unicamente é necesaria a presenza dun adxectivo. Fíxate:

As frases adxectivas, igual que os adxectivos, empregámolas as máis das veces para modificar un substantivo.


As frases adverbiais

Cando o centro da información é un adverbio estamos diante dunha FRASE ADVERBIAL. Como antes, a palabra importante, o adverbio neste caso, é o  NÚCLEO e as palabras ou frases que empreguemos para ampliar a información sobre el desempeñarán a función de MODIFICADOR:


As frases adverbiais empregámolas con frecuencia para modificar un adxectivo.


Mais convén recordar que o habitual é que unhas frases estean inseridas dentro doutras e estas á súa vez estean modificando a outras e así sucesivamente porque o que facemos cando construímos enunciados é, como dixemos máis arriba, utilizar os procedementos que nos permiten construír secuencias moi grandes coas que poder comunicar todo o que queremos. Fíxate agora na análise da secuencia : Pombas moi brancas

A mesma análise habería que facer se a secuencia fose Pombas máis  brancas que as que vimos o outro día pola tarde cando paseabamos polo parque e nos abrigamos debaixo dun carballo porque chovía. A diferenza estaría en que a frase adxectiva que funciona como modificador da frase substantiva sería moito máis complexa porque ampliamos moito a información.

 

Frases formadas por dous elementos necesarios

Mentres que nas frases que viamos arriba só había un elemento indispensable,  as frases das que imos falar a continuación fórmanse sempre con dous elementos que se necesitan mutuamente e, polo tanto, non pode existir este tipo de frases sen a presenza simultánea dos dous elementos. Polo tanto, de retirarmos un dos compoñentes a estrutura resultante non tería sentido; é o que pasa en frases do tipo este neno, de memoria... ( non podo dicir * seino de nin *seino memoria).

Estas frases poden, á súa vez, ser de dous tipos: frases nominais e frases preposicionais.

 

Frases nominais

Ao igual que as frases substantivas, as frases nominais están tamén necesariamente formadas por un substantivo (ou un pronome que o substitúe)  pero, a diferenza daquelas, necesitan ademais a presenza dun artigo ou dun adxectivo determinativo (demostrativos, posesivos, indefinidos, numerais, relativos, interrogativos ou exclamativos).

O substantivo cumpre a función de NOMINAL e o outro elemento é o DETERMINANTE.  É dicir, o substantivo usámolo para chamarlle a algunha cousa da que queremos falar e o elemento que o acompaña sérvenos para concretar a cal de todas as cousas que comparten ese nome nos estamos referindo. Fíxate:  en este neno é feliz, neno sérveme para indicar de que falo  e este sérveme para concretar, para determinar a cal neno en concreto me estou referindo.

Por suposto, ao estar o nominal desempeñado por un substantivo, este pode á súa vez ser modificado por outro tipo de frases (como vimos máis arriba) e así dentro dunha frase nominal pode haber unha frase substantiva que pode ter como modificador calquera outra unidade. Nestes casos o determinante sempre é o artigo ou adxectivo determinativo e todo o resto é o nominal, que logo teremos que examinar a ver como está formado.

 

Frases preposicionais

Como o seu nome indica, as frases preposicionais son aquelas que están formadas por unha preposición; non obstante,  este elemento indispensable non é suficiente senón que tamén é precisa a existencia dun segundo elemento, que pode ser de calquera tipo.

A preposición sempre desempeña a función de ENLACE (porque serve para unir ou enlazar o que está despois dela coa parte que a precedía) e o elemento que vén a seguir é o TERMO.
Fíxate na seguinte construción: un libro de aventuras, a preposición de serve para unir (enlazar) os elementos libro e aventuras. A análise da frase preposicional sería a que figura no esquema da dereita.

Realmente as frases preposicionais serven para o mesmo que as frases adxectivas, é dicir, para completar o significado dun substantivo. Mira: un libro divertido, un libro de aventuras. Incluso ás veces poderiamos poñer un adxectivo no seu lugar : un libro de misterioun libro misterioso. Precisamente por esta razón as frases preposicionais case sempre están funcionando como modificadores dentro dunha frase substantiva e, á súa vez, poden tamén ter no seu interior novas frases. Observa:


 

 





Frases simples, complexas e compostas

Pero ademais destas posibilidades que acabamos de ver, a lingua aínda ten outros mecanismos para que ampliemos a información todo o que precisemos, por iso as frases (como calquera dos outros tipos de unidades sintácticas)  poden unirse a outras dando como resultado frases complexas ou frases compostas.

Deste xeito, segundo non estea unida a outra ou si o estea, e segundo a maneira na que se una, diferenciamos os seguintes tipos de frases:

As frases simples son aquelas que dentro de si só teñen outras frases ou unidades superiores. Así a frase Pombas brancas é simple porque as funcións do seu interior (núcleo e modificador)  están desempeñadas por palabras, non frases ou unidades superiores.

As frases complexas caracterízanse por teren no seu interior outras frases ou unidades superiores.  A frase substantiva Pombas lixeiramente brancas é complexa porque o modificador está desempeñado por unha nova frase.

As frases compostas son aquelas que están formadas por dúas frases unidas mediante unha conxunción coordinada: copulativa (e,nin), disxuntiva (ou) ou distributiva (ora ... ora, xa ... xa...). Así a frase substantiva Eu e ti está formada por dúas frases substantivas coordinadas entre si. Calquera tipo de frase pode ser composta, e así teremos frases nominais compostas, frases adxectivas compostas...

Así pois, os recursos dos que dispoñemos para completar a información sobre os substantivos son varios, o único requisito para facelo é saber inserir uns elementos noutros. Unha persoa que é quen de construír frases de elaboración complexa con abundante adxectivación demostra un maior coñecemento da lingua que aquela que só emprega estruturas sinxelas con frases substantivas sen modificacións que axuden a dar unha información detallada.


 



Podes utilizar este espazo escribindo unha frase no cadro inferior para analizala.