Os signos de puntuación

Para que puntuar?


Hai persoas que cando falan aburren ata as ovellas e isto non é porque o que nos conten non teña interese, ás veces tamén pasa iso pero outras veces é, simplemente, porque non entoan. Isto provoca un esforzo extra para quen escoita porque non se sabe cando rematan unha idea e comezan outra, se o que din é un exemplo ou é a explicación, se están preguntando ou afirmando... é dicir,  que non se lles entende o que queren dicir e ademais resulta canso escoitar.

Isto é do que estamos a falar...




Para comunicarnos cos demais é fundamental dominar a entoación dunha lingua (non todas as linguas teñen a mesma entoación) pero non é algo que adoitemos estudar na escola porque aprendemos de maneira natural escoitando e falando coas persoas coas que convivimos. A ninguén lle explicamos se ten que subir ou baixar o ton cando fai unha pregunta ou como debe facer para deixar un enunciado en suspensión, por exemplo (aínda que hai persoas que si estudan isto, así as que se dedican ao comercio, á política... aprenden como mellorar o efecto das súas palabras facendo uso correcto da entoación.)

Tamén na escrita precisamos marcar os cambios de entoación pero, a diferenza da lingua oral, isto si que o temos que estudar porque existen unhas regras que fan corresponder os signos de puntuación coas distintas pausas e cambios de entoación que marcamos ao falar. Se non fose polos signos de puntuación non se entendería o que está escrito porque hai expresións que aínda que estean formadas polas mesmas palabras e colocadas na mesma orde, teñen distintos significados cando a súa puntuación é diferente. Por exemplo, unha coma pode variar totalmente o sentido dunha frase, pois non é o mesmo escribir: Perdón, imposible expulsalo, ca  Perdón imposible, expulsalo.

Así pois, repasemos as regras que marcan como debemos utilizar os signos de puntuación na escrita para que sexa correcta a interpretación cando se faga a lectura.

 

A coma (,)

Representa na escrita a pausa breve que facemos cando falamos. Utilízase nos casos seguintes:

  • Para separar os elementos dunha enumeración. Ex: Mercou unha bolsa de patacas, un quilo de feixóns, dúas bolas de pan e medio quilo de cenorias.

  • Para indicar que se chama directamente por alguén. Os substantivos que funcionan como vocativos (serven para chamar ao interlocutor) van seguidos de coma se están en principio de frase. Ex: Antón, dime a onde vas // Antía, que queres facer agora?

  • Nos incisos que interrompen un enunciado, para aclarar ou ampliar o que se di, ou para mencionar o autor ou obra citados. Ex: A autora de Cantares Gallegos, Rosalía de Castro, viviu no século XIX. // Todos os seus amigos, incluídos os da infancia, acudiron ao seu aniversario.

  • Cando primeiro vai unha unha oración subordinada e despois a principal da que depende. Ex: Cando o saibas, dimo.

 

O punto (.)

Úsase para sinalar unha pausa longa, que marca o final dunha idea. Despois de punto utilízase maiúscula.

Hai tres tipos de punto:

  • Punto e seguido: Separa enunciados dentro do mesmo parágrafo, indicando que se vai introducir un novo aspecto relacionado co anterior. Despois del continúase escribindo na mesma liña. Ex:
  • O primeiro día de escola, Andrea, que non coñecía a ninguén, sentou no último pupitre. Pretendía pasar desapercibida e pensaba que dese xeito os compañeiros non poderían mirar para ela porque non podían estar na clase coa cabeza revirada.

  • Punto e á parte: Separa dous parágrafos distintos que desenvolven contidos diferentes. Ex:

    O primeiro día de escola, Andrea, que non coñecía a ninguén, sentou no último pupitre. Pretendía pasar desapercibida e pensaba que dese xeito os compañeiros non poderían mirar para ela porque non podían estar na clase coa cabeza revirada.

    A profesora, que xa levaba moitos días de escola, entendeu perfectamente a situación de Andrea. A súa intención era que a rapaza se sentise integrada desde o primeiro momento, por iso decidiu que aquel día mudarían a disposición dos espazos na aula: tocaba sentar en círculo.

  • Punto e final: Pecha o texto, ben para finalizar un apartado, un capítulo ou o texto na súa totalidade. Ex:

    O primeiro día de escola, Andrea, que non coñecía a ninguén, sentou no último pupitre. Pretendía pasar desapercibida e pensaba que dese xeito os compañeiros non poderían mirar para ela porque non podían estar na clase coa cabeza revirada.

    A profesora, que xa levaba moitos días de escola, entendeu perfectamente a situación de Andrea. A súa intención era que a moza se sentise integrada desde o primeiro momento, por iso decidiu que aquel día mudarían a disposición dos espazos na aula: tocaba sentar en círculo.

    Sen querelo (ou queréndoo...) Andrea estaba sentada ao lado de Carlos e Ada. Os tres ían compartir algo máis que un círculo naquel curso.

 

O punto e coma (;)

O punto e coma sinala unha pausa maior ca a da coma pero menor ca a indicada polo punto. A palabra seguinte debe escribirse sempre en minúscula. De todos os signos de puntuación é o que presenta un maior grao de subxectividade no seu uso, posto que se pode substituír en moitos casos polo punto e seguido ou a coma. Úsase nos seguintes casos:

  • Para separar dous ou máis elementos dunha enumeración cando no interior de cada elemento xa se inclúen comas. Ex: A camisa é amarela; o pantalón, branco; o xersei, azul; e os zapatos, negros.

  • Para separar oracións cando estas teñen no seu interior elementos separados por comas. Ex: Se o queres facer de verdade, non haberá quen cho impida; se non o queres de verdade, non se vai dar feito.

 

Os dous puntos (:)

Os dous puntos serven para indicar unha pausa que chama a atención sobre o que vai vir a continuación. Despois deles a palabra seguinte adóitase escribir con minúscula. Úsanse os dous puntos nos casos seguintes:

  • Diante dunha enumeración anunciada cun verbo. Ex: As cores que me gustan son: verde, azul, vermello... // E non *Gústanme as cores como: azul, verde, vermello...

  • Para introducir citas textuais. Ex: Agardou un pouco e logo berrou: “Axudádeme!”.

  • Despois das fórmulas de saúdo nas cartas e documentos. Ex: Querido amigo: Hai moito que non sei nada de ti...

  • Antes dun texto que sirva de exemplificación do que se está a dicir. Ex: O guión serve para: dividir unha palabra, separar palabras compostas...

 

Os puntos suspensivos (...)

Os puntos suspensivos supoñen a interrupción do que se di ou un final impreciso. Detrás deles escríbese maiúscula cando pechan un enunciado (Non chegou a tempo... Ben, xa se sabe que nunca chega a tempo.) e minúscula se o enunciado continúa (Dubidaba se... facer o que lle pedían). Úsanse nos seguintes casos:

  • Ao final dunha enumeración que queda aberta. Ex: Aínda ían pasar moitas cousas máis: a chegada do irmán, o divorcio da súa muller, a morte do pai...

  • Para expresar un momento de dúbida. Ex: O rapaz debía ter... dezaseis ou dezasete anos.
  • Para deixar un enunciado incompleto e en suspenso. Ex: O que me dixeches onte foi moi desagradable...
  • Cando se omite unha parte dunha cita textual. Ex: Lembro un poema de Rosalía: “Adiós ríos, adiós fontes...”.

 

A paréntese (())

As parénteses son signos que encerran elementos non necesarios ou aclaratorios intercalados nun enunciado. Utilízanse nos casos seguintes:

  • Cando se interrompe o que se di cunha aclaración ou dato, sobre todo se non ten moita relación co anterior. Ex: Antón (o pai do futbolista) tiña trinta anos.

  • Para indicar que se omitiu unha parte do texto póñense tres puntos entre parénteses. Ex: “Todos os días visitaba á súa irmá (...) na súa casa de campo”.

 

O signo de interrogación (?) e de exclamación (!)

Estes signos adoitan colocarse ao final dos enunciados que, respectivamente, interrogan ou exclaman. O signo de interrogación úsase cando se fai unha pregunta, e o de exclamación en oracións coas que se quere chamar a atención, mostrar sorpresa, dor ou entusiasmo, ou dar unha orde.

Nunca se escribe punto detrás destes signos porque xa funcionan como punto, por iso logo deles hai que escribir maiúscula; mais se continúa o mesmo enunciado pódese anular o punto escribindo unha coma detrás e logo séguese con minúsculas. Ex: Onde escoitaches esa noticia? // Ai! Mancáchesme coa pelota. Pero: Non entendo nada: por que o fixo?, que lle pasaba?, ata cando estivo alí?

 

O signo de comiñas (“”)

Emprégase ao principio e ao final do enunciado para indicar que na fala dicimos esa parte cunha entoación especial que a destaca do resto.  Utilízanse nos seguintes casos:

  • Para reproducir citas textuais. Ex: Díxome: “Non quero que volvas por aquí”.

  • Para reproducir os pensamentos dos personaxes nos textos narrativos. Ex: Eu non atendía ao que dicía o profesor, só pensaba: “Xa podía tocar o timbre dunha vez!”.

  • Para indicar que unha palabra ou expresión non é apropiada, que é vulgar, que é doutra lingua ou que ten un sentido especial ou irónico. Ex: Os seus “negocios” non me parecen nada claros.

  • Para indicar o título dunha conferencia, dun artigo dunha revista, dun poema ou dun capítulo dunha obra, pero non de libro. Ex.: O poema de Rosalía que máis me gusta é “A xustiza pola man”.

     

A diérese (¨)

A diérese é un signo que se coloca sobre as vogais i,u nas seguintes ocasions:

  • Para indicar que se debe pronunciar a vogal u nas combinacións gue e gui. Ex: argüir, pingüín...

  • Para indicar que un i forma hiato coas demais vogais. Ex:  Con aquel ruído non oïamos nada // Espero que oiamos o tren cando chegue.

 

A raia (—)

A raia é un signo representado por un trazo horizontal de maior lonxitude ca o que corresponde ao guión (-).

  • Úsase para marcar que o texto é dito por distintas persoas (o que na fala xa sería evidente polas voces diferentes).Ex:
           —Que dis?
           —Que te achegues un pouco máis.

  • Tamén se pode empregar para facer aclaración. Neste caso son equivalentes ás parénteses:   Ex: Estiven agardando a Brais —un bo amigo meu— toda a tarde.

 

O guión (-)

O guión é un trazo curto de menor lonxitude ca a raia. Úsase nos seguintes casos:

  • Para dividir unha palabra ao final da liña cando non cabe nela completa. En ningún caso se poden separar os elementos dun dígrafo: ce-/rra-/lleiro, nin-/gu-/nha...

  • Para separar certas palabras compostas: Zona de non-fumadores // Dicionario galego-alemán // nor-nordeste // strip-tease.

 

Cando puntuar?


Depende. Cando escribimos, realmente o que facemos é transcribir o que pensamos, por iso hai signos de puntuación como as interrogacións, os guións... que é doado ilos poñendo ao tempo que escribimos, pois sabemos nese momento que é o que temos que poñer; mais hai outros casos nos que non é tan fácil acertar se o que temos que marcar é unha coma, un punto e coma ou un punto seguido.

Deste xeito, o que debemos facer é, unha vez que temos unha primeira versión do texto coa puntuación inicial, reler o escrito en voz alta procurando que o ton e as pausas sexan as mesmas que se estivésemos falando ou contándollo a alguén. Seguindo estas pausas que facemos no oral, repasaremos a puntuación do texto para que quen o lea poida facelo tamén coma se estivese falando.