A estrutura das palabras variables

Introdución

Até o de agora estivemos estudando de maneira separada os distintos tipos de palabras variables atendendo ás regras que rexen o seu uso e aos morfemas que poden admitir; agora, antes de pasarmos ao estudo das palabras invariables, imos dedicarnos a unha serie de constituíntes das palabras variables que poden sumarse, intercambiarse, substituírse... e, deste xeito, permítennos crear palabras novas a partir doutras existentes na lingua. Isto é moi importante porque grazas a estes constituíntes dos que falamos podemos referirnos a realidades novas sen ter que “inventar” palabras nin tomalas prestadas doutras linguas.

 

Os constituíntes das palabras variables

Convén recordarmos que as palabras variables están formadas por unha serie de elementos de distinta natureza. Fíxate no seguinte esquema:

Como xa vimos no seu momento, nos compoñentes das palabras variables cabe facer unha primeira distinción segundo se trate de elementos fixos ou variables:

  • Os lexemas:  son a parte invariable da palabra e achegan o significado léxico (o que podemos atopar no dicionario). Todas as palabras teñen sempre lexema.

    Así, nunha palabra como brazos o lexema encargaríase de transmitirnos o significado “cada unha das extremidades superiores do corpo humano” e estaría representado pola parte da palabra que non cambia cando formamos a súa familia léxica: brazo, brazada, antebrazo, braza... é dicir, braz-.

  • Os morfemas: son a parte variable de palabra  (o que non é o lexema) e achegan outro tipo de significado  (que non se pode atopar no dicionario), máis reducido  pero que tamén contribúe ao significado conxunto da palabra.

    Pola súa parte,  diferéncianse dous tipos de morfemas:

    • Morfemas flexivos (ou desinenciais): son os que expresan as categorías gramaticais (xénero, número, persoa, tempo...) e sempre van colocados ao final da palabra.

      O seu significado é moi limitado e defínese por oposición, así, por exemplo, o xénero ou é masculino ou é feminino.

      Todas as palabras variables teñen sempre morfemas flexivos aínda que na palabra non haxa ningunha marca para identificalos.

      Na palabra brazo o –o indícanos que é masculino e a ausencia de –s que só é un e, polo tanto, que é singular.

    • Morfemas derivativos ou afixos: son os que se engaden ao lexema para formar unha palabra nova ou para matizar o seu significado.  

      Teñen significado léxico (coma os lexemas) pero diferéncianse daqueles en que por si mesmos non poden constituíren palabras, precisan sempre unírense a un lexema.  Dependendo da súa colocación con respecto ao lexema distinguimos:

      • Prefixos: antes do lexema (des-facer)

      • Sufixos: despois do lexema (zapat- eiro)

Así, unha palabra variable podería constar de todos estes elementos:


Os afixos

Como xa dixemos, os afixos poden ir colocados antes ou despois do lexema e, segundo isto, reciben o nome de prefixos ou sufixos. Non obstante, o único que cambia non é a colocación,  pois os prefixos e os sufixos presentan moitas diferenzas entre eles. Ímolas ver:


Os prefixos

Son morfemas léxicos que ao colocalos diante dun lexema dan lugar a unha palabra nova na que se complementan os dous significados (o do lexema e o do prefixo).

Deste xeito, se á palabra círculo (forma redonda) lle engadimos o  prefixo semi, que significa “metade de”,  temos unha nova palabra co significado de “metade dun círculo”.  

Os prefixos proveñen de palabras que existían en latín e en grego e que hoxe só se conservan deste xeito. Algúns deles son de uso habitual e outros están restrinxidos a ámbitos máis cultos.

A continuación ofrecémosche un listado dos máis habituais:
Fai clic nun prefixo para ver o seu significado e un exemplo

 

A-, AN-
ANFI-
ANTI-
ARCE-, ARQUI
AUTO-
CIRCUN-
CO-, CON-, COM-
CONTRA-
HELIO-
HEMI-
HEMO-
HIPER-
HIPO-
ISO-
MONO-
MINUS-
MULTI-
OMNI-
PLURI-
PLUS-
POS-
PRE-
PRO-
RE-
RETRO-
SEMI-
SUB-, SO-
SUPER-
TRANS-, TRAS-
ULTRA-
VICE-


Os sufixos

Os sufixos son morfemas léxicos que ao colocalos despois do lexema dan lugar a unha palabra nova.

Distinguimos dous tipos de sufixos:

  • Os sufixos alterativos: Non cambian o significado da palabra nova, só o modifican un pouquiño engadíndolle un matiz de tamaño ou afecto. Por exemplo, se unha festa é unha celebración, ao engadirlle  -ón non cambiamos o significado, segue sendo unha festa pero grande. Por iso non é unha palabra nova.

    Segundo o matiz que engadan poden ser: aumentativos (homazo, festón), diminutivos (gordecho, festiña...) ou valorativos: casoupa, avogaducho, toleirana…)

    Moitas veces como sufixos valorativos úsanse as mesmas formas que para os aumentativos ou diminutivos, así un homiño non é un “home pequeno” senón que pode ser, por exemplo,  alguén que non ten coraxe.

  • Sufixos derivativos: Estes si que cambian por completo o significado e, polo tanto, dan lugar a unha palabra nova. Por exemplo se á palabra  lapis “obxecto cilíndrico que envolve unha barra de grafito que se empregar para escribir” lle engadimos o sufixo -eiro, o resultado é unha palabra diferente, agora o que temos é unha “caixa onde se gardan os lapis” e, obviamente, non é o mesmo un lapis ca unha caixa, polo tanto son palabras diferentes.

    Existen diferentes tipos de sufixos derivativos, pero iso vémolo máis adiante...



Tipos de palabras segundo os seus compoñentes

Como se viu, engadindo a un lexema un prefixo ou un sufixo obtemos unha palabra nova que procede doutra palabra. Na lingua temos varios procedementos para formar palabras novas combinando os constituíntes, e en función diso falamos de varios tipos de palabras:

  • As palabras simples son as que só están formadas por un lexema e mais morfemas flexivos, por exemplo: camisa, mercar,  rápida,
    falar, falei,  lingua, patacas, auga...

  • As palabras derivadas fórmanse engadindo a unha palabra simple algún (ou varios) afixos, sexan prefixos ou sufixos. Polo tanto estas palabras están formadas por lexema, afixos e morfemas flexivos: camiseiro, supermercado, ultrarápido, faladora, pataquiña, lingüística, augado...

  • As palabras compostas son aquelas nas que se produce a unión de dous lexemas e, por suposto, os correspondentes morfemas flexivos. Por exemplo: xordomudo, malfalado, paraugas, sociolingüística...

  • As palabras parasintéticas son as que están formadas de dous xeitos diferentes:

    • Formando unha palabra a partir dunha palabra que xa era composta:

            Paraugas     paraugueiro

    • Engadindo un prefixo e un sufixo asemade a unha palabra:

            Enxordecer: á palabra xordo, engádeselle de maneira simultánea o prefixo e o sufixo.

      Non se deben confundir os casos de parasíntese con aqueloutros nos que  a unha palabra derivada se lle engade un novo afixo. Así, por exemplo, a palabra intranquilidade está formada engadindo o prefixo in- á palabra tranquilidade que, á súa vez, era unha palabra derivada que se formara engadindo o sufixo –idade ao lexema tranquil- ; polo tanto é un caso de dobre derivación, non de parasíntese porque o prefixo e o sufixo non se engadiron ao mesmo tempo.

As familias léxicas

Chámaselle familia léxica ao conxunto de palabras que comparten o mesmo lexema.

 

Deste xeito, unha familia léxica está formada polas palabras simples e todas as derivadas, compostas e parasintéticas que se formen sobre ela.

Así, a familia léxica de auga estaría formada por palabras como: auga, augamariña, augardente, paraugueiro...

Mais hai que ter en conta que o lexema refírese ao significado da palabra (non ás letras coas que está escrita) e ese significado pode atoparse en palabras que se escriben de maneira diferente, ben por cuestións ortográficas (auga, paraugueiro...) ou ben por cuestións etimolóxicas,  é dicir, porque algunhas palabras conservan a forma que tiñan na lingua de onde procede a palabra;  é, por exemplo,  o que pasa con : acuático, acuoso, acuario... Estas palabras tamén forman parte da familia léxica de auga pero é unha familia un pouco particular, é unha familia léxica irregular porque está formada por palabras nas que hai lexemas de orixe galega e outros de orixe latina.

A lingua é como unha especie de quebracabezas nas que as pezas van encaixando para que coa unión de todas poidamos conseguir comunicarnos mais, como ves, unha das características deste sistema é a economía: para que imos ter unha palabra diferente para cada cousa se coñecendo as regras para combinar uns cantos elementos podemos chegar a falar de todo sen necesidade de memorizar máis palabras? Unha boa cousa...