O verbo (III)

Uso das formas verbais

Xa dixemos antes que os verbos son un dos tipos de palabras que máis uso teñen na lingua pois, cada vez que contamos algo ou manifestamos os nosos sentimentos, cada vez que explicamos como funciona algo... precisamos os verbos. Mais a escolla das formas verbais non depende só do que teñamos que contar senón tamén do tipo de texto que esteamos a construír ou incluso de que usemos un rexistro máis ou menos formal.

Deste xeito, como xa vimos noutro lugar, nos textos descritivos empregamos sobre todo verbos atributivos que normalmente están en presente ou en copretérito (O souto está sementado de follas secas na chegada do outono), igual que nos textos expositivos, como o que estás a ler, onde tamén se empregan o presente (porque nos estamos a referir a accións permanentes) ou o copretérito (cando nos referimos a accións en proceso). Nesta unidade imos centrarnos no uso das formas verbais nos textos narrativos.

 

Os verbos da narración


Na narración os verbos que se empregan son basicamente predicativos porque do que se trata é de contar cousas que sucederon e para iso precisamos verbos que transmitan información; loxicamente tamén ha de haber algún verbo atributivo, entre outras razóns porque é frecuente nas narracións que se insiran fragmentos descritivos e neles empréganse este tipo de verbos.

En canto aos tempos verbais, os que se empregan con máis frecuencia son os tempos de pasado, pois é frecuente contarmos cousas que sucederon con anterioridade ao momento en que falamos. No que respecta aos tempos concretos, os máis habituais son o pretérito e o copretérito e, en menor medida o antepretérito. Lembra que o pretérito empregámolo cando nos referimos a unha acción que xa pasou e que o antepretérito refírese tamén a unha acción acabada pero anterior, mentres que co copretérito estamos asistindo a un feito que, aínda que tamén se produciu no pasado, é coma se o vísemos mentres aínda se está producindo.

Compróbao no seguinte fragmento:

Mais tamén é habitual que nas narracións se empregue o presente. Entre outras razóns, porque é normal que no medio dunha narración insiramos fragmentos con diálogo e, neses casos, o presente coincide co momento no que están ocorrendo os feitos que se contan:

Pero ademais o presente adoita, con frecuencia, adquirir unha serie de valores diferentes ao de referirse a algo que acontece no mesmo momento no que se está falando. Fíxate:

No texto anterior vemos como o presente se emprega basicamente de dous xeitos: para referirse a unha acción que se realiza de maneira habitual: “ponse coma un tolo cando me enchoupo de lama cazando ras, ou cando fago un sete no pantalón mentres constrúo unha cabana nunha árbore” (semella que o protagonista é un pouco grileiro e debe meterse en máis dun lío habitualmente) e para referirse a unha acción permanente: “Meu pai non é mal tipo” ou “O que non sabe é coma o que non ve”.

Mais tamén podemos usar o presente con outros valores como o presente histórico que é a forma que empregamos  para referirnos a unha acción que, aínda que sucedeu no pasado, deixou unha pegada permanente. Fíxate:

 

O que acontece co presente, é dicir, que adquira valores temporais diferentes ao que lle é propio, tamén acontece cos outros tempos, así, por exemplo, é moi frecuente o uso do copretérito con valor de presente nos casos nos que se refire a unha situación imaxinaria (é o que fan os nenos cando inventan os seus xogos:“ Ti estabas na casa e eu era o bombeiro que viña apagar o lume e rescatarte, vale?) ou o uso do antepretérito para expresar un desexo (oxalá chovera!). En moitos casos estas transposicións empréganse na linguaxe coloquial pero débense evitar nun rexistro máis formal. 

Por suposto, ademais dos tempos xa vistos, tamén podemos atopar na narración outros tempos verbais como o pospretérito,  pois serve para incluír nela os pensamentos dos protagonistas sobre o que cren que vai pasar máis tarde ou incluso para expresar  os seus desexos. Con esta mesma intención se emprega o pretérito de subxuntivo :

Polo demais, loxicamente, se o que se está contando é algo que pasou faise dende a perspectiva de que é real, por iso os tempos empregados son os do modo indicativo e só se usa o subxuntivo nos casos de que os personaxes formulen hipóteses ou desexos, como acabamos de ver no exemplo.

 

 

O uso das formas nominais


Como xa adiantamos no tema anterior,  existen unhas formas verbais que non teñen significado modal nin temporal e que ademais, fronte ás outras formas verbais, alén de funcionar como verbos tamén o poden facer como outro tipo de palabras. A este tipo de formas chámaselles formas nominais. Son o infinitivo, o participio e o xerundio que poden funcionar como substantivo, adxectivo ou adverbio, respectivamente.

 

Moitas veces estas formas empréganse como verbos auxiliados nas perífrases verbais (que xa vimos no tema anterior) e como tales forman parte indisoluble do conxunto verbal polo que perden esta dobre capacidade e pasan simplemente a achegar o significado léxico, aínda que o conxunto adquire valores aspectuais que doutro xeito non poderiamos expresar coas formas verbais. Por esta razón é importante habituarse ao emprego de perífrases nos nosos actos comunicativos habituais xa que o seu uso achega ao noso discurso moitos matices expresivos.

 

O uso do infinitivo conxugado

Das tres formas nominais, só o infinitivo admite morfemas que expresen o número e a persoa (antigamente o xerundio tamén tiña esta posibilidade pero hoxe apenas se pode ver en textos literarios). Esta é unha característica propia do galego e tamén do portugués que non posúen as outras linguas románicas e que, como tal, debemos preservar xa que é unha riqueza a maiores que temos na nosa lingua.

O infinitivo conxugado sérvenos para indicar quen é a persoa á que se refire a acción que indica o verbo. Cando o verbo en infinitivo ten o mesmo suxeito que o verbo principal xa se sabe quen realiza a acción pero... e cando se refire a outra persoa, como o sabemos?, pois... poñéndolle ao infinitivo a desinencia igual que se fai con calquera outro verbo. Se non tivésemos esta posibilidade teriamos que engadir unha explicación que aclarase a situación que, deste xeito, xa evitamos. Fíxate:

 

Se escoito isto, interpreto que cando chegues ti debes vir a dicirmo pero, e se quen chega son eles?, por exemplo.

 

Aínda que resulta un pouco complicado o emprego do infinitivo conxugado para quen non está afeito a el (sobre todo para os castelanfalantes), debemos usalo, como mínimo, sempre que vaia precedido de preposición; ademais existen outros casos en que tamén é recomendable, porque deste xeito queda moito máis claro o que queremos expresar.

O único caso no que non é posible conxugar o infinitivo é cando forma parte dunha perífrase verbal ou dun complexo verbal no que o verbo en infinitivo depende directamente do verbo principal e ten o mesmo suxeito (Queremos comer un bocadillo de tortilla,  Están a chegar meus irmáns...).

 

Como vimos, a escolla das formas verbais vai ter importancia nos nosos actos comunicativos, por iso é importante reparar nos distintos usos que fagamos delas e espremer ao máximo todas as posibilidades expresivas que nos ofrecen. Non se trata só de conxugar ben (que tamén) os verbos regulares e os irregulares senón de saber empregalos tendo moito tino de que se entenda ben o que queremos dicir e fixándonos en que as formas que empregamos sexan as adecuadas para as referencias temporais que queremos facer.