O verbo (I)

Introdución

Un dos tipos de palabras que máis rendibilidade ofrece á hora de construírmos os textos é o verbo. O verbo é a palabra que empregamos para contar as cousas que suceden ou que imaxinamos e tamén para falar dos nosos sentimentos ou das nosas necesidades e iso é, en definitiva, o que facemos cando falamos de nós ou cando relatamos algún feito propio ou alleo.

Por suposto, o que expresemos co verbo depende do significado que ese verbo teña, pero máis alá do seu significado particular (andar, beber, decidir, rabear...) todos teñen en común o feito de que se refiren a unha acción, a un estado ou a un proceso e que ademais achegan outros significados, como o tempo no que transcorre ese feito (Canto moi ben/ Cantei moi ben onte no festival) ou se é unha realidade ou é un desexo (Cantarei moi ben/ Oxalá cante ben no festival), por exemplo.

O verbo é un tipo de palabra variable que serve para expresar accións, estados ou procesos.
 

 

Os compoñentes das formas verbais.

Como palabra variable que é, o verbo está formado por varios constituíntes, cada un deles achégalle ao conxunto un significado particular. Vexámolos:

Efectivamente, o verbo está composto, como todas as palabras variables, por un lexema e varios morfemas:

  • Lexema: É a parte do verbo onde se nos transmite o seu significado, o que quere dicir esa palabra.
    Para recoñecermos o lexema dun verbo non temos máis que poñelo en infinitivo e subtraerlle a marca de infinitivo: rexoub- ar, adormec- er, recib- ir...)
    Sempre é invariable nos verbos regulares (camiñ-ei, camiñ-amos, camiñ-arades...) mais nos irregulares pode cambiar un pouco na forma (así no verbo facer o lexema pode presentarse como fac-, fag-, fix- , por exemplo).

  • Morfemas:
    • A vogal temática: É a parte do verbo que permite clasificalo dentro dun determinado grupo chamado conxugación. Recoñecémola porque é a vogal que acompaña o –R no infinitivo.
      Existen 3 vogais temáticas:

      1ª conxugación 2ª conxugación 3ª conxugación
      -A- : Cantar -E-: Beber -I-: Partir

    • As desinencias: é o nome que reciben o resto dos morfemas verbais. Son as seguintes:

      • 1: O modo: é a parte do verbo coa que se indica se unha acción é real ou se se trata dun desexo, unha probabilidade ou unha orde. Deste xeito distinguimos tres modos verbais:

        • Indicativo: serve para expoñer as cousas que pasaron, están pasando ou van pasar (lembro, lembraba, lembrarei...).

        • Subxuntivo: usámolo para mostrar dúbidas ou desexos (Oxalá se lembre, Gustaríame que se lembrase).

        • Imperativo: serve para expresar ordes (Lembrade o que falamos).


        O bichero IV, Davila.
      • 2: O tempo: é a parte do verbo coa que facemos referencia ao momento en que sucede o que contamos.
        Existen tres referencias básicas que son o presente, o pasado e o futuro, mais é posible detallar aínda máis, sobre todo no pasado. Os tempos que temos son os seguintes:

        • Presente: Refírese a algo que sucede no mesmo momento en que se fala (agora). Existe o presente tanto no modo indicativo ( Vou ir á túa casa), como no subxuntivo (Pode que estea na túa casa).

        • Futuro: Refírese a algo que vai suceder con posterioridade (Irei á túa casa despois). Tamén hai unha forma para o futuro no subxuntivo mais case non se emprega.

        • Pasado: Refírese a algo que sucedeu nun momento anterior. Distinguimos varios tempos diferentes:

          • Pretérito: cóntase algo que xa rematou no momento en que se está a falar diso: Durmín moito esta noite.

          • Antepretérito: tamén se conta algo que xa rematou pero, a diferenza do pretérito, sucedeu nun momento que xa era anterior ao do propio pretérito: Cando ti chegaches (pretérito) eu xa espertara ,ou sexa, cando ti chegaches a acción de espertar xa se tiña producido con anterioridade.

          • Copretérito: refírese a unha acción que é simultánea a outra pero ambas sucederon no pasado: Espertei cando chegabas (é dicir, nun momento pasado ocorreron dúas cousas: ti chegaches e eu espertei; usar o copretérito permíteme dicir que sucederon as dúas cousas a un tempo pero usando só unha palabra).

          • Pospretérito: Refírese a unha acción que pode ocorrer en calquera momento (ímolo saber polo contexto) sempre e cando ese momento sexa posterior a un momento do pasado: Díxome que iría mañá ao cine ou Díxome que iría hoxe ao cine.

          Todos estes tempos de pasado existen só no modo indicativo, pois no subxuntivo temos unicamente unha forma que se chama pretérito: Se viñese (agora, mañá, onte) explicaríalle o que entra no exame.

      • 3: O número:  Serve para indicar se a acción é realizada por unha única persoa ou por un grupo. Segundo isto distinguimos:

        • Singular: refírese a unha única persoa (Erraches ao pensar así).

        • Plural: refírese a un grupo de persoas (Erramos ao pensar así).

      • 4: A persoa: Serve para indicar quen realiza a acción. Distinguimos:

        • 1ª persoa: a acción é realizada polo emisor (Chorei coma unha madalena).

        • 2ª persoa: a acción é realizada polo receptor (Choraches coma unha madalena).

        • 3ª persoa: o axente é alguén alleo á conversa (Chorou coma unha madalena).

      • 5: O aspecto: É un morfema que serve para indicar se unha acción xa está acabada, se vai iniciarse, se está en proceso... Só as formas nominais (infinitivo, xerundio e participio) posúen unha desinencia para expresar este significado pero non posúen o morfema modo-temporal.

      Estas desinencias que acabamos de ver aparecen no verbo emparelladas, de maneira que hai unha única desinencia para indicar  o tempo e o modo (MMT) e outra que indica á vez o número e a persoa (MNP) e, no caso das formas nominais, un morfema que indica o aspecto (MA). De todos os xeitos, non en todas as formas verbais aparecen expresos todos os morfemas, aínda que iso non significa que carezan deles; así por exemplo na forma canto non aparece o “a” da primeira conxugación pero todos sabemos que pertence a ese grupo.

      O verbo ao posuír tantos morfemas é, sen dúbida, o tipo de palabra máis complexo pero tamén é certo que, precisamente pola cantidade de morfemas que combinamos co lexema, podemos expresar nunha única palabra moitas nocións que, doutro xeito, veriámonos na obriga de ter que matizar mediante outro tipo de expresións.