Os substantivos son palabras que se refiren a seres animados ou inanimados; con eles noméanse persoas, animais, cousas, plantas, ideas... Morfoloxicamente caracterízanse porque presentan variacións dependendo do xénero e do número e sintacticamente recoñécense porque adoitan ir acompañados dalgún artigo ou adxectivo, sexa este determinativo ou cualificativo
O significado dos substantivos
Os substantivos poden facer referencia a individuos (persoas, animais ou cousas) que comparten características con outros da mesma clase ou especie (substantivos comúns) ou poden usarse para referirse de maneira particular a cada un dos individuos diferenciándoo dos demais da mesma clase (substantivos propios). Son substantivos comúns: cabalo, xente, herba... Son substantivos propios: Xoán, Umia, Rexurdimento... Os substantivos propios escríbense sempre con letra maiúscula.
Por outra banda, temos uns substantivos que se refiren a entidades que se poden percibir cos sentidos, son os chamados concretos (caixa, peixe, vento...), e outros que se refiren a realidades que non son perceptibles de xeito directo, son os chamados abstractos (amor, xentileza, ilusión...).
Dende outra perspectiva, os substantivos poden ser contables, cando indican entes que se poden contar (nenos, árbores, galiñas...) ou incontables, se sinalan realidades que non se poden contar (leite, humor, aire, lixo...)
Finalmente consideramos substantivos individuais aqueles que na súa forma singular nomean un só ser, admitindo tamén unha forma plural para designar a máis de un (pluma, nécora, rosa, avó...), e substantivos colectivos os que en singular designan un conxunto de seres ou cousas (xentío, bandada, bosque, niñada...)
O-
- Signficado: 'Sexo masculino'.
- Morfema flexivo de xénero: Elemento intercambiable por -a ('Sexo feminino').
NEN-
- Signficado: 'Persoa de pouca idade'.
- Lexema: Elemento fixo.
-S
- Signficado: 'Número plural'.
- Morfema flexivo de número: Elemento intercambiable por
-Ø
('Número singular.
A forma dos substantivos
Segundo explicamos máis arriba, os substantivos caracterízanse porque poden variar a súa forma. Isto é debido ao feito de que a un lexema (parte da palabra onde se encontra o significado que se pode atopar no dicionario) se engaden morfemas (que se poden substituír uns por outros) para cambiar o seu xénero ou o seu número. Así en nenos temos un lexema e dous morfemas flexivos, tal e como se pode ver no esquema da dereita.
En realidade, non todos os substantivos poden variar os seus morfemas de xénero e número, hai algúns que só poden modificar un deles (o leite) e incluso algúns que son totalmente invariables (os lentes).
O xénero dos substantivos
Todos os substantivos galegos teñen xénero (masculino ou feminino), aínda que non sempre a diferenza de xénero leva implícita unha diferenza de sexo. A gran maioría dos substantivos que hai na lingua só admiten un xénero, é dicir, son invariables en xénero. Tendo isto en conta podemos facer a seguinte clasificación:
1: Substantivos que se refiren a seres inanimados:

Preme para ver
- Son xeralmente MASCULINOS os seguintes substantivos:
- Os rematados en –O: o aparello.(Pero a foto)
- Os nomes das letras: o a, o xe...
- Os rematados en –UME: o lume.
- Tamén:
o cárcere, o arume, o berce, o cal, o costume, o couce, o cume, o cuspe, o diadema, o dote, o fel, o friame, o labor, os legumes, o leite, o lume, o mel, o nariz, o pelame, o riso, o sal, o sangue, o sinal, o sorriso, o til, o ubre.
- Son xeralmente FEMININOS os seguintes substantivos:
- Os rematados en –A: a aba. (Pero o día).
- Os rematados en –AXE (agás traxe, paxe, garaxe, personaxe, salvaxe): a viaxe.
- Os rematados en –ADE e en –CIÓN: a liberdade, a ficción.
- Os rematados en –SE: a paréntese. (Pero: o interese.)
- Os rematados en –ITE: a hepatite. (Pero: o satélite).
- Os nomes das árbores froiteiras: a cerdeira, a nogueira, a pereira, a maceira, a oliveira, a laranxeira... (Pero o piñeiro, o castiñeiro, o limoeiro, o pexegueiro)
- Tamén:
a alma, a árbore, a arte, a auga, a cal, a canle, a calor, a cor/a color, a dor/a dolor, a febre, a fronte, a marxe, a orde, a orixe, a ponte, a sebe, a sede, a sentinela, a síndrome, a suor, a viruxe.
Hai que ter en conta que nunca se varía o xénero dos determinantes ou artigos por motivos de fonética sintáctica ou cacofónicos: a auga, a alma, a aguia, a arte.
2: Substantivos que se refiren a seres animados:
Nos substantivos que fan referencia a seres animados, é dicir, aqueles que na realidade designan seres nos que hai distinción de sexo, existe unha dobre posibilidade, pois hai substantivos cunha única forma e outros que varían:
A) Substantivos que presentan a mesma forma para o masculino e para o feminino.
- Substantivos que marcan o xénero a través do artigo: o atleta / a atleta.
- Substantivos que marcan o xénero matizándoo con palabras como "macho" ou "femia": tartaruga.
B) Substantivos cunha forma para o masculino e outra distinta para o feminino.
Nestes casos o masculino asóciase co sexo macho e o feminino coa femia. Os procedementos para manifestar esta diferenza son diversos:
- Mediante morfemas de xénero diferentes:
- Substantivos que en masculino rematan en –O OU –E ÁTONOS e en feminino en –A ÁTONO: fillo-filla.
- Substantivos que en masculino REMATAN EN VOGAL TÓNICA OU DITONGO TÓNICO e que en feminino engaden –A (avó-avoa). Porén, moitos destes substantivos teñen a mesma forma para os dous xéneros: israelí. Casos especiais son grou-grúa, xudeu-xudía e sandeu-sandía.
- Substantivos que en masculino REMATAN EN CONSOANTE (distinta de –n) e que en feminino engaden un –A: deus-deusa, doutor-doutora.
- Substantivos que en masculino REMATAN EN –N e en feminino en –A pero:
- Se fan o masculino en –ÁN, fan o feminino en –Á: irmán-irmá.
- Porén se se trata de substantivos despectivos e pexorativos fan o feminino en -ana: papán-papana, charlatán-charlatana.
- Se fan o masculino en –ON, fan o feminino en –OA (león-leoa), agás os aumentativos e pexorativos que o fan en -ona (cabezón-cabezona).
- Se fan o masculino en – ÍN, fan o feminino engadindo –A (bailarín-bailarina), excepto ruín, que é invariable.
- Se fan o masculino en –ÚN, forman o feminino en –ÚA (excepción: euscaldún-euscalduna).
- Coa incorporación dun sufixo no feminino: heroe-heroína, rei-raíña.
- Con palabras diferentes en masculino e feminino: cabalo-egua, pai-nai.
En ocasións hai substantivos que presentan distinción de xénero pero masculino e feminino non fan referencia a sexos senón que expresar outros valores:
- Designación de obxectos distintos: o zapato-a zapata, o caldeiro-a caldeira.
- Diferenciación de formas ou tamaños (o feminino soe designar o obxecto maior): o carballo-a carballa.
- Uso do feminino para indicar valor colectivo: o leño-a leña, o froito-a froita.

Preme para ver
O número dos substantivos.
Os substantivos, ademais de teren xénero tamén presentan flexión de número: o singular úsase para referirse a un só ser e o plural para referirse a máis de un.
A maioría dos substantivos poden aparecer en singular ou en plural, pero hai que ter en conta as seguintes consideracións:
- Algúns substantivos só se empregan en singular: norte, sur, leste, oeste, babor, estribor, maio, xuño, balor...
- Outros só se usan en plural: cartos, cóxegas, folgos, exequias, andas...
- Outros, rematados en –s ou –x, teñen a mesma forma para o singular e o plural: o luns-os luns, o martes-os martes, o oasis-os oasis, o paraugas-os paraugas, o fax-os fax.
- Hai substantivos que teñen significado diferente en singular e plural: o miolo -os miolos...
No que respecta á formación do plural, esta segue as seguintes pautas:
- As palabras rematadas en vogal ou en ditongo forman o plural engadindo -s: mesa-mesas, irmá-irmás, lei-leis, rei-reis... Os estranxeirismos engaden -s ou respectan a forma de plural da lingua de orixe: spray-sprays, hippy-hippys ou hippies.
- As palabras rematadas en -N tamén forman o plural engadindo -s: camión-camións, tren-trens, irmán-irmáns...
- As palabras rematadas en -R, ou -Z forman o plural engadindo -es: calor-calores, luz-luces...
- As palabras rematadas en –S poden manterse invariables no plural (as graves e esdrúxulas) ou engadir – ES (as graves): siamés-siameses pero mércores- os mércores.
- As palabras rematadas noutras consoantes (estranxeirismos ou cultimos) forman o plural engadindo –S: álbum- álbums, sándwich- sándwichs...
- As palabras que rematan en -l forman o plural de acordo coas seguintes regras:
- Os monosílabos rematados en -l fan o plural engadindo -es: cal-cales, tal-tales, el-eles, gol-goles, mal-males, sal-sales, pel-peles, val-vales... Excepción: fiel-fieis, cruel-crueis.
- As palabras agudas rematadas en -l forman o plural engadindo -is: animal-animais, papel-papeis, cruel-crueis, civil-civís, español-españois, azul-azuis...
- As palabras graves rematadas en -l forman o plural engadindo -es: túnel-túneles, fácil-fáciles, útil-útiles, mísil-mísiles, réptil-réptiles, téxtil-téxtiles... (Como excepción a esta regra hai que citar o sufixo -bel, que fai o plural en -beis: amábel-amábeis...
- As palabras compostas en que o segundo elemento é un monosílabo rematado en -l forman o plural como os monosílabos, engadindo -es: chuchamel-chuchameles, xirasol-xirasoles, ollomol-ollomoles...
- As palabras que rematan en grupo consonántico (incluídas as acabadas en -x) non varían: luns, fax, unisex...
- Nos nomes compostos caben tres posibilidades:
- Cando os compoñentes se escriben separados, o morfema de plural deben levalo ambos os dous: garda civil-gardas civís, gato montés-gatos monteses...
- Se o segundo elemento vai introducido coa preposición “de”, o morfema de número engádese só ó primeiro elemento: pita do monte-pitas do monte, cabalo do demo-cabalos do demo...
- Cando os dous elementos forman unha soa palabra o número engádese ó segundo elemento: vacaloura-vacalouras, vagalume-vagalumes, paporrubio-paporrubios...

Preme para ver

Ir ao
Chanzo 9
Actividades
1: Le con atención o seguinte texto e logo de explicares onde está a orixe da confusión de Laura elabora un pequeno escrito onde expliques como se pode solucionar este problema:
Un día de clase, pouco antes de tocar o timbre de saída, di o profesor:
-Atención, para o próximo día de clase, todos os alumnos tedes que traer feito un resumo escrito sobre o que se explicou hoxe na aula.
Cando o seguinte día comeza a clase, o profesor quere, antes de nada, comprobar se todo o que se explicara o día anterior fora comprendido de maneira correcta e, polo tanto, pide que se lean en voz alta os resumos feitos:
-A ver, Laura, le ti primeiro. Imos comprobar se melloraches con respecto á última vez.
-Pero profesor, eu non tiña que facer o resumo -contesta a alumna, un pouco preocupada.
-Como que non? A ver, Laura, díxeno moi clariño: “todos os alumnos tedes que traer feito un resumo”
-Pois por iso, eu non tiña que facelo.
2: Para practicares, aquí tes unhas secuencias onde de novo se utiliza o xénero masculino para referirse a un grupo no que se inclúen homes e mulleres, cando o máis lóxico sería utilizar termos que xa posúe a lingua para referirse a colectivos. Cambia ti o xénero dos substantivos de maneira que se faga un correcto uso da linguaxe e se evite o sexismo.
O home sempre escolleu para vivir lugares que estivesen próximos á auga.
Prohibido beber ou inxerir calquera alimento ata ser vistos polo médico.
Os alumnos atenden as explicacións dadas na aula.
Os adolescentes son decote rebeldes.
Convócase reunión de veciños para o mércores.
Os profesores manifestábanse en defensa do ensino público.
Os directores dos institutos teñen que coñecer moi ben o centro.
O home é o único animal que tropeza dúas veces na mesma pedra.
Unha actividade dirixida a profesores, pais e alumnos.
Os habitantes de Caldas poden gozar dos seus fermosos espazos naturais.