As palabras son as unidades básicas da comunicación, con elas podemos artellar unidades máis grandes, como frases ou cláusulas, que nos permiten expresar calquera cousa que queiramos dicir. Pero á súa vez as palabras poden estar formadas por unidades menores: unhas que achegan o significado léxico (lexemas) e outras que engaden nocións gramaticais como xénero, número, tempo... (morfemas). Así, dependendo de se as palabras incorporan ou non diversos morfemas, podémolas clasificar en:
- Variables: Son as que cambian de forma mediante morfemas de xénero, número... Incluímos neste grupo o substantivo, o adxectivo, o artigo, os pronomes e o verbo.
- Invariables: Son as que non poden variar a súa forma mediante a unión ou o troco de morfemas. Pertencen a este grupo os adverbios, as preposicións, as conxuncións e as interxeccións.
Pero ademais deste criterio morfolóxico, para caracterizar as palabras debemos ter en conta un criterio semántico, que nos permite diferencialas en función do seu significado, e un criterio sintáctico, que nos indica a súa función en relación ás outras palabras (determinar, modificar, unir...). Desta maneira podemos diferenciar os seguintes tipos:

-
Os substantivos son tipos de palabras variables en xénero e número que serven para nomear as cousas. Adoitan ir precedidos de artigos ou adxectivos determinativos.
- Os adxectivos son clases de palabras variables que acompañan a un substantivo adoptando o seu xénero e o seu número. Distinguimos dous tipos:
- Adxectivos cualificativos: acompañan o substantivo indicando unha calidade.
- Adxectivos determinativos: acompañan un substantivo concretándoo e achegando algún dos seguintes significados:
-
Situación (demostrativos): Este libro é o meu
-
Pertenza (posesivos): O meu libro está roto
-
Cantidade precisa (numerais): Teño tres libros
-
Cantidade ou identidade imprecisa (indefinidos cuantificadores e indefinidos identificadores, respectivamente): Viñeron moitas persoas, Alguén o diría.
-
Segunda mención (relativos): A novela cuxo argumento resumiches é de Rosa Aneiros.
-
Entoación especial (interrogativos e exclamativos): Cantos libros hai aquí!
- Os pronomes son tipos de palabras variables que se empregan para substituír os substantivos. Contamos con dous tipos diferentes:
-
Pronomes persoais: son os que serven para substituír as persoas que interveñen no discurso (quen fala, quen escoita ou aquilo do que ou de quen se fala): Ti non o dixeches, fun eu.
-
Pronomes non persoais: son os que serven para substituír un substantivo pero engadindo ademais outros significados, que coinciden cos dos adxectivos determinativos:
-
Situación (demostrativos): Este libro é o meu pero este non sei de quen é.
-
Pertenza (posesivos): O meu libro está roto pero o teu parece do trinque.
-
Cantidade precisa (numerais): Teño tres libros pero quería ter catro.
-
Cantidade ou identidade imprecisa (indefinidos cuantificadores e indefinidos identificadores, respectivamente): Viñeron moitas persoas, pero algunhas non puideron entrar. Alguén o diría.
-
Segunda mención (relativos): Xa lin a novela de Rosa Aneiros que me deixaches.
-
Entoación especial (interrogativos e exclamativos): Cantos libros hai aquí! Ti cantos liches?
- Os artigos son clases de palabras variables, que acompañan o substantivo para concretalo adoptando o seu xénero e o seu número. Diferéncianse dos adxectivos determinativos porque carecen de significado: O libro está onde o deixaches.
- Os verbos son clases de palabras variables en tempo, modo, número e persoa que serven para referirse a accións, estados ou procesos. María dorme coma un leirón.

- Os adverbios son clases de palabras invariables que acompañan a verbos, adxectivos ou adverbios achegándolles significados de lugar, tempo, modo, afirmación, dúbida... (A nai vive lonxe. A nai vive moi lonxe. A nai vive ben feliz.
- As preposicións son clases de palabras invariables que serven para unir dous elementos establecendo entre eles unha relación de subordinación ou dependencia: Vente canda teus irmáns. É un moble de madeira.
- As conxuncións son clases de palabras invariables, carentes de significado léxico, que serven para unir dous elementos podendo establecer entre eles relacións de coordinación ou de subordinación: Dixo que non viña. Díxoo e fíxoo.
- As interxeccións son clases de palabras invariables que se caracterizan porque teñen significado completo e porque se pronuncian cunha entoación exclamativa. Adoitan ser onomatopeas ou palabras que noutras ocasións son substantivos ou verbos: Ai!, Mér (cores)!

Ir ao
Chanzo 7