O adxectivo cualificativo

O adxectivo é un tipo de palabra variable que acompaña o substantivo e concorda con el en xénero e número.
Os adxectivos cualificativos  expresan calidades ou características que se lles poden atribuír aos substantivos aos que se refiren.

O significado dos adxectivos cualificativos.

Aínda que a función deste tipo de adxectivos é completar o significado do substantivo, isto pódese facer de dúas maneiras segundo sexa máis ou menos a información que acheguen, así falamos de dous tipos de adxectivos cualificativos:

  • Especificativos: limitan a extensión do substantivo seleccionándoo  pola posesión dunha calidade que non posúen os outros substantivos. Adoitan ir pospostos ao substantivo: Canción melódica (só ese tipo de canción e non outra).

  • Explicativos ou epítetos: Designan unha calidade propia do substantivo e, por tanto, non restrinxen o seu significado nin achegan información nova. Poden aparecer antepostos ou pospostos ao substantivo ( Ceo azul, clara luz)

 

A forma dos adxectivos cualificativos

No que respecta ao xénero e ao número o comportamento do adxectivo e do substantivo é idéntico, coa única diferenza de que no adxectivo o xénero e o número lle veñen dados polo substantivo ao que modifican.

Formalmente os adxectivos son variables. Igual que os substantivos, están formados por un elemento  fixo (lexema), que é o que achega o significado léxico, e outros elementos intercambiables (morfemas flexivos), que achegan un significado moito máis reducido de tipo gramatical (xénero, número); ademais tamén poden posuír morfemas derivativos (sufixos e prefixos) que poden facer variar o seu significado.

Polo que respecta aos morfemas de xénero e número, en realidade o adxectivo non ten morfemas propios senón que en cada caso toma os morfemas dos substantivos aos que acompaña.

Tamén igual que no caso do substantivo existen algúns adxectivos que non presentan formas  diferenciadas para os dous xéneros (fácil, gris, breve...), aínda que o máis habitual é que teñan flexión en xénero e número. Neste caso, para mostrar estas variacións, utilizan os mesmos procedementos que no caso dos substantivos.

 

Os graos do adxectivo

A calidade que expresa o adxectivo pódese manifestar en diversos graos: positivo, comparativo e superlativo.

  • Grao positivo. É o grao no que está un adxectivo que expresa unha calidade ou estado sen matizar ningunha intensidade do mesmo. El é unha persoa interesante.
  • Grao comparativo. Un adxectivo está en grao comparativo cando compara a intensidade coa que dous substantivos posúen a mesma calidade: Este chiste á máis divertido ca o anterior.
  • Grao superlativo.  Un adxectivo está en grao superlativo cando expresa unha calidade no seu maior grao: Estou esgotadísima.

Procedementos de formación do comparativo.

A comparación pode ser de tres tipos:

Lembra que os adxectivos grande, pequeno, bo, malo, alto e baixo presentan formas para o comparativo específicas, que son: maior, menor, mellor, peor, superior e inferior, respectivamente.

  • de igualdade: as dúas calidades posúense no mesmo grao. Os contos son tan interesantes coma as novelas.
  • de inferioridade: unha calidade posúese en menor medida ca a outra. Os contos son menos interesantes ca as novelas
  • de superioridade: unha calidade posúese en maior medida cá outra. Os contos son máis interesantes ca as novelas.

As partículas comparativas úsanse seguindo estas regras:

  • COMA e CA son obrigatorios cando segue pronome persoal tónico (min, ti, el, ela...) El é máis alto ca ti - El é tan alto coma ti.
    Tamén debemos usar COMA cando a continuación hai unha oración subordinada condicional, temporal ou de relativo: Fai coma se non a vira, É coma quen non o ten, Fíxeno coma cando mo explicaron
  • COMO e QUE (ou DO QUE) son obrigatorios cando segue un verbo en forma persoal. É menos intelixente do que pensa, É tan parvo como parece.
  • Nos demais casos pódese optar entre unha forma ou outra, aínda que é recomendable utilizar as formas en –a.
  • Convén recordar que cando a partícula comparativa CA vai seguida de artigo esta pode contraer con el ou non:
    Gústanme máis as carballeiras ca as praias/ Gústanme máis as carballeiras cás praias

  • A contracción non se pode realizar se o artigo xa forma parte doutra contracción:
    Gústalles máis ás galegas ca ás americanas.

    No caso de realizárense as contraccións, estas son as formas resultantes:

    Ca +a = cáCa +o = cóCa + as = cásCa + os = cós


Procedementos para formar o superlativo

Distínguense dous tipos de superlativo segundo comparemos a calidade con outros substantivos que tamén a teñen pero en menor grao (superlativo relativo) ou  nos centremos unicamente nun substantivo que posúe esa calidade nun grao moi alto (superlativo absoluto). Fíxate na diferenza:  É a película máis divertida da carteleira /É unha película divertidísima.

Igual ca no caso do comparativo, tamén existen no superlativo formas propias para os adxectivos grande, pequeno, bo, malo, alto e baixo, que son: máximo, mínimo, óptimo, pésimo, supremo e ínfimo, respectivamente..
  • O superlativo relativo fórmase segundo esta fórmula: artigo + máis/menos + adxectivo + de + 2º termo.
  • O superlativo absoluto pódese formar das seguintes maneiras:
    • engadíndolle ao adxectivo o sufixo –ísimo (ou –érrimo nas formas cultas): El é intelixentísimo, Libérrimo.
    • antepoñendo prefixos como super–, ultra ou hiper–. Ela é superintelixente.
    • antepoñendo o adverbio moi ó adxectivo: El é moi intelixente.
    • antepoñendo o adverbio ben: Ela é ben intelixente
    • antepoñendo adverbios rematados en –mente: El é extremadamente feliz.
    • repetindo o adxectivo: Ela é lista lista