O xénero lírico I

Introdución

Xa falamos abondo noutras unidades dos textos escritos en prosa, imos falar agora de poesía. Somos conscientes de que a algúns vos asusta esta palabra, que dicides que non vos gusta ler  poesía e que ademais non a entendedes. Se cadra tedes algo de razón pero ao mellor non tanta como pensades... non vos gustan as letras das cancións?, pois poesía son...

O xénero lírico é o xénero das emocións por excelencia. Cando alguén escribe un texto poético faino para expresar os seus sentimentos (amor, rabia, desesperanza, placidez... os que sexan) e, polo tanto, resultan textos moi subxectivos o que,  certamente, dificulta a lectura porque non sempre nos é doado comprendermos as emocións dos demais...  Mais a boa poesía consegue que o lector comparta e faga seus os sentimentos que se transmiten no texto.

Por outra banda, tamén é certo que moitas veces nos textos poéticos empréganse recursos estilísticos que obrigan a unha lectura atenta para  poder comprender o sentido verdadeiro das palabras. Ademais eses recursos están moi concentrados, pois a extensión das poesías adoita ser breve e hai que utilizar as palabras dun xeito moi elaborado para condensar todo o que se quere transmitir. Isto, efectivamente, tamén dificulta a lectura.

E, por último, o texto poético moitas veces posúe unha armazón (número de sílabas, tipos de rimas, tipo de estrofas...) destinada a achegar o ritmo e a musicalidade cuxo dominio resulta  un pouco complicado chegar a manexar.   


Así pois, tendes razón: a poesía é complicada de ler. O texto poético é como un xogo de pistas onde cada elemento encerra o seu misterio, para entendelo ben temos que conseguir dar co significado de cada un pero o resultado paga a pena.


A organización externa dos poemas: a métrica


Dixémosche antes que as letras das cancións son poesías (non todas!!) e realmente a musicalidade é unha das características definitorias deste xénero (de feito os primeiros textos poéticos da nosa literatura son letras de cancións), de aí que os aspectos rítmicos sexan tan importantes.

 

Como se consegue o ritmo e a musicalidade nun poema?

O ritmo conséguese a través da repetición de determinados elementos, ímolos vendo:

  • Coa medida dos versos. Por exemplo, se todos os versos teñen a mesma medida o texto presentará un ritmo suave e melódico, mais ás veces interesa romper o ritmo para chamar a atención do lector sobre algunha palabra e iso pódese lograr, simplemente, cambiando a medida dun verso. Compróbao no seguinte
    poema
    :  

    Por outra banda, os versos formados por moitas sílabas producen  a impresión de sosego e monotonía,  mentres que os versos curtos poden transmitir a sensación de rapidez, de velocidade...

    Fíxate: Se les en voz alta estes dous fragmentos de poemas pertencentes á obra Os Eidos, O libro do Courel, de Uxío Novoneyra, verás os diferentes ritmos: suave e cadencioso no primeiro, e moito máis marcado no segundo: Poemas


    A que se tiveses que poñerlles música para facer unha canción non che valería o mesmo ritmo?, pois por iso...!

    Para medir a lonxitude dos versos debemos contar o número de sílabas que compoñen cada un, pero hai que ter en conta:

    • A acentuación da última palabra:
      • Se se trata dunha palabra grave contaremos as sílabas de xeito normal.
      • Se se trata dunha palabra aguda ou un monosílabo engadiremos unha sílaba máis.
      • Se se trata dunha palabra esdrúxula debemos restar unha sílaba.
        Exemplos

    • Algunhas licenzas: Por veces o número de sílabas reais pode alterarse se o/a autor/a decide botar man dalgún dos seguintes recursos:

      • Sinalefa: consiste en contar como unha única sílaba a última sílaba dunha palabra e o comezo doutra. Só se pode aplicar cando a última comeza por vogal e a primeira comeza tamén por vogal ou por hache.
        Exemplo

      • Sinérese: Consiste en contar como unha única sílaba dúas sílabas diferentes que forman un hiato.
        Exemplo

      • Diérese: consiste en contar como dúas sílabas diferentes as vogais que constitúen un ditongo.
        Exemplo

    Se temos en conta a medida dos versos, podemos agrupalos segundo sexan:
    • Versos de arte menor: Teñen oito sílabas ou menos (bisílabos, trisílabos, tetrasílabos, pentasílabos, hexasílabos, heptasílabos ou octosílabos).
    • Versos de arte maior: Teñen máis de oito sílabas (enneasílabos, decasílabos, hendecasílabos, dodecasílabos, tridecasílabos, alexandrinos ...).


  • Outro procedemento para conseguir a musicalidade nos poemas é a rima.
    Para marcar as rimas úsanse letras minúsculas se os versos son de arte menor e maiúsculas se son de arte maior. Repítense as letras nos versos que teñen a mesma rima e se algún non rima, que se chama verso solto, ponse un guión.

    A rima é a repetición de certos sons a partir da última vogal acentuada dun determinado verso nos versos seguintes.

    Este recurso antigamente era moi utilizado (porque axuda na memorización dos poemas) pero na actualidade hai moitos poemas nos que non está presente, o cal non quere dicir que non teñan ritmo pois, como vimos, pódese marcar doutras maneiras. Os poemas que non teñen rima chámanse poemas de verso libre. Fíxate

    Nos poemas que si teñen rima pódese distinguir dous tipos:

    • Rima consoante: repítense vogais e consoantes (sempre a partir da última vogal tónica).
      Exemplo


    • Rima asonante: repítense unicamente as vogais.
      Exemplo

 

As estrofas  

Os versos preséntanse nos poemas agrupados en estrofas,  que reciben nomes diferentes  dependendo do número de versos que as compoñan, do número de sílabas de cada un dos versos e do tipo de rima que se estableza entre eles.

Por suposto, cada autor/a é libre de cinguirse a estrofas preestablecidas e incluso de non utilizar estrofas  (nos poemas de verso libre); na actualidade é esta a tendencia máis seguida. Mais de empregar estrofas, estas son algunhas das máis habituais:

  • Estrofas de dous versos

    - O pareado:
    Son dous versos que riman entre si. Poden ser de arte maior ou menor e a rima tamén pode ser asonante o consoante. (AA, Aa, aa...)
    Exemplo


  • Estrofas de tres versos
    - Terceto: Son tres versos de arte maior que riman, con rima consonante, o primeiro co terceiro, mentres o segundo queda solto (aínda que se a estrofa continúa pode rimar co verso impar da seguinte estrofa: A - A.
    Exemplo

  • Estrofas de catro versos

    - Cuarteto: Trátase de catro versos de arte maior na que riman, con rima consonante, o primeiro co cuarto e o segundo co terceiro:
    A B B A.
    Exemplo

    - Redondilla: Ten o mesmo esquema do cuarteto pero os versos son de arte menor.
    Exemplo


    - Sirventés: Son catro versos de arte maior, tamén de rima consonántica,  pero a rima establécese entre o primeiro co terceiro e o segundo co cuarto: A B A B.
    Exemplo


    - Cuarteta: Ten o mesmo esquema có serventés pero os versos son de arte menor.
    Exemplo


    - Copla Formada por catro versos de arte menor de rima asonante, na que riman entre si o segundo co cuarto e quedan soltos o primeiro e o terceiro: - a - a.
    Exemplo

  • Poemas que combinan distintos tipos de estrofas

    -O soneto:Composto por catorce versos hendecasílabos que  se distribúen en dous cuartetos e dous tercetos:
    A B B A  A B B A  C D C  C D C  (a rima dos tercetos pode variar):
    Exemplo


    -O romance: Fórmase cun número indeterminado de versos octosílabos nos que os versos pares riman con rima asonante mentres quedan soltos os impares: - a - a ...
    Exemplo


Estas son algunhas das opcións (faltan moitas...) que máis se empregaron ao longo do tempo para conseguir os efectos rítmicos. Mais na actualidade os escritores e as escritoras non son moi amigos da rixidez das formas estróficas nin das rimas (aínda que si as usan ás veces) e procuran buscar o ritmo a través doutros recursos como a combinación de versos longos e curtos, as repeticións, as pausas ou unha moi coidada escolla das palabras baseándose na súa sonoridade e na súa acentuación. Que un poema non tiña rima ou non estea formado por estrofas non significa que a súa calidade sexa inferior porque o que realmente importa nun poema é que teña ritmo e que este estea ao servizo da transmisión das emocións.

 



* Todos os textos empregados nos exemplos están adaptados ortograficamente.