A literatura popular

Introdución

Xa dixemos noutro lugar que os textos literarios teñen como finalidade entreter e isto, o entretemento, é unha das necesidades básicas do ser humano; se cadra non é tan básico como alimentarse, pero tamén cómpre...

Esta é a razón pola cal a literatura é universal e antiquísima, e todas as persoas, sexa cal sexa a procedencia xeográfica e a época histórica na que pensemos, criámonos escoitando historias que explican os feitos que os nosos antepasados non eran quen de comprender (dende os fenómenos meteorolóxicos até a morte) ou, simplemente, que nos axudaban a facer máis relaxados certos momentos.

Moitas desas historias foron creadas de xeito anónimo e logo transmitíronse de maneira oral (tamén de forma anónima) dende hai moitísimas xeracións. Ás veces chegaron a nós en forma de cancións, outras de lendas, de adiviñas, de xogos de lingua... A iso é ao que nos referimos cando falamos de literatura popular.

A literatura popular é un conxunto de manifestacións literarias sobre temas moi variados e con distintas formas que foron creadas de maneira anónima e transmitidas de forma oral a través de varias xeracións.

Antigamente case toda a poboación era analfabeta (incluso as clases altas) e aínda que alguén tivese talento para crear non podía escribir o que inventaba; a maneira de transmitir esas obras era memorizándoas previamente, e a súa transmisión oral permitiu que eses textos chegasen ata os nosos días.

Hoxe en día aínda sobreviven moitos deses textos na memoria colectiva e seguen a ser transmitidos de maneira oral ás novas xeracións, mais a maioría deles chegaron a nós (e seguiranse transmitindo) grazas ás recollidas que especialistas en etnografía e antropoloxía levan realizando xa dende o século XIX e que nos permiten ler eses contos, adiviñas... ou escoitar as cancións, é dicir, gozar da nosa tradición.

 

Características da literatura popular


O conxunto de textos que denominamos literatura popular é moi diverso en canto a forma e contido, non obstante todo este acervo presenta unhas características comúns que son as seguintes:

"Josephine Wall   
  • Os textos foron creados e transmitidos de maneira oral.
  • Descoñécese a autoría, pódese dicir que o autor é o pobo porque todo el no seu conxunto contribúe, dunha ou doutra maneira, na súa creación e difusión.
  • A súa maneira de transmisión implica continuos cambios, debidos a fallos memorísticos do transmisor ou á súa vontade de mellorar os textos. Destas alteracións resulta o feito de que coexistan varias versións do mesmo texto.
  • Adoitan ser textos breves (pois se fosen demasiado longos non se recordarían) e elaborados con fórmulas que facilitan a súa memorización (estruturas reiterativas, retrousos, xogos de palabras...).
  •  A linguaxe empregada é sinxela en canto ao léxico e ás estruturas sintácticas e, ademais,  empréganse fórmulas propias da lingua oral para captar a atención dos oíntes.

 

Os xéneros


O conxunto de obras que conservamos podemos agrupalas atendendo aos xéneros aos que pertencen. Aínda que temos representacións dos tres xéneros é moitísimo maior o número de textos pertencentes á lírica e á narrativa,  pois do xénero dramático apenas se conservan algúns textos.

O home do saco


Textos do xénero narrativo:

 Case todo o conxunto de obras do xénero narrativo está escrito en prosa (agás algúns romances en verso) e dentro deles é posible establecer dous grupos: os contos e as lendas.

Os contos son textos narrativos que teñen unha finalidade lúdica, é dicir, están creados coa pretensión de entreter,  mentes que as lendas posúen unha intención didáctica e, polo tanto, foron creados coa intención de transmitir algún tipo de coñecemento. Disto derivan as diferenzas que se aprecian entre ambos:

Contos

Lendas

Non hai intención de presentar os feitos como se fosen reais

Os feitos preséntanse como verídicos

Localización espazo-temporal indefinida
Había unha vez nun lugar moi afastado...”

Localizacións en espazos reais e tempos exactos

Os personaxes adoitan ser seres anónimos, persoas ou animais.

Os personaxes poden seres fantásticos ou humanos, adoitan ter poderes sobrenaturais

Vexamos uns exemplos:

Agora si que te collín!

Un pequeno máis listo ca Benito sabía o catecismo do dereito e do revés. Tan ben, que el mesmo lle dicía ao señor abade que non tiña por onde collelo. Un día, o señor abade empezoulle a preguntar polo máis difícil. Pero o rapaz non fallaba unha. Seguiulle preguntando e, por fin, dunha vez o pequeno non soubo responder. Entón o crego empezoulle a dicir:

- Logo caíches, rapaz. Logo caíches.

Quedouse o rapaz todo avergoñado pola burla e quedouse pensando como cobrarlla ao crego. Por fin ocorréuselle preguntarlle: 

- Señor abade, e Deus estará no forno do meu pai?

- Home! E logo? Ti non sabes que Deus está en todas partes?

- Agora si que tamén o collín eu a vostede, señor abade, que meu pai non ten forno.

Antoloxía do conto popular galego, Henrique Harguindey, Maruxa Barrio, ed. Galaxia

 

Lenda da Ermida de Aranga

Nunha ocasión, unhas mulleres que pasaban de noite por preto de Aranga (Betanzos, Coruña) sentiron soar unha campaíña por baixo da terra. Foron entón onda o crego que veu con elas e comezaron a cavar ata dar cunha cruz de ferro con adornos de cobre e unha coroa de prata que tiña unha campaíña, que era a que as mulleres sentiran tocar. Esta cruz parece ser que despois foi roubada ou vendidos algúns anacos.

No sitio en que estaba a cruz, comezou a manar unha fonte, de augas milagreiras. Arranxada a fonte e feita unha ermida naquel sitio, organizouse anualmente unha romaría que ten lugar o día 3 de maio.

Á dita fonte, ermida e romaría fai referencia un cantar de por alí que di:

Verdadeira cruz de Aranga

que has de dar ós teus romeiros:

auguiña da túa fonte,

sombra dos teus castiñeiros.

Lendas Galegas de Tradición Oral, X.M. González Reboredo. Ed. Galaxia

En canto aos contos, é posible facer unha clasificación segundo se trate de:

  • Contos de encantamentos (sobre personaxes mitolóxicos: mouras, a filla do demo, xigantes...)
  • Contos de animais (fábulas, por exemplo)
  • Contos de costumes: relacionados con oficios, sobre persoas aparentemente “parvas”, de tipo humorístico...

E de igual maneira tamén podemos diferenciar tipos de lendas dependendo de se se refiren a  sucesos históricos, relixiosos ou se pretendan explicar a orixe dalgún feito natural.


Textos do xénero lírico

Estes textos son os que coñecemos co nome de cantigas,  pois a súa transmisión é a través de cancións. Normalmente trátase de composicións breves que se van enlazando unhas con outras a través de procedementos de repetición. A composición estrófica predominante é a copla ( estrofas de catro versos nas que riman o segundo co cuarto en asonancia).
Seguro que vos soan algunhas destas (sobre todo aos/ás deportistas):

Éche un andar miudiño, 
miudiño, miudiño,
miudiño, miudiño,
o que eu traio.

Que eu traio unha borracheira
de viño, que auga non bebo.
Mira, mira Maruxiña;
mira, mira, como eu veño.



Ondiñas veñen,
ondiñas veñen,
ondiñas veñen e van.
Non te vaias rianxeira, 
que te vas a marear.

A Virxe de Guadalupe
cando vai pola ribeira,
descalciña pola area,
parece unha rianxeira.

A Virxe de Guadalupe
cando vai para Rianxo,
a barquiña que a leva
era de pau de laranxo.

A Virxe de Guadalupe
quen a fixo moreniña
foi un raíño de sol
que entrou pola ventaniña.


 

Estas cantigas podemos clasificalas dependendo da época do ano ou da ocasión festiva en que se cantaban. Así podemos falar de:

  • Desafíos (Parrafeos e regueifas): Composicións feitas a modo de reto nas que interviñan varias persoas que establecían unha especie de diálogo cantado no que improvisaban as letras. Cantábanse normalmente nas romarías.
  • Cantigas de pandeiro: eran as que se cantaban nas festas de ruada e fiadas (festas nas que só había pandeiretas e pandeiros) e tiñan temática moi variada: amatoria, satírica, relixiosa, de costumes, de gabanza...
  • Cantigas de Reis e Cantigas do Maio: eran cancións que, con motivo das ditas celebracións, cantaban os nenos.
  • Cantigas de berce: cantábanllelas as nais aos nenos para que durmisen.
  • Romances: normalmente cantábanas os cegos  e neles narrábanse historias.

A todo isto habería que engadir aínda unha serie de composicións como adiviñas, refráns, xogos de sortes... que completarían o panorama da nosa literatura popular; unha literatura moi importante tanto pola cantidade de textos conservados como pola información que nos ofrecen sobre feitos históricos e costumes do noso pobo.

Xa dixemos máis arriba que na actualidade temos a oportunidade de acceder a toda esta riqueza cultural a través das abundantes transcricións que se fixeron pero, ademais,  debemos ter en conta que este tipo de divertimento está na base dalgunhas das manifestacións culturais actuais que máis nos gustan. É, por exemplo, o caso do hip-hop, que poderiamos comparar coa regueifa, ou os espectáculos de contacontos, que teñen a súa inspiración nas contadas tradicionais.