Os xéneros literarios

Que é a literatura?

Como xa comentamos noutra ocasión, a linguaxe literaria caracterízase porque cando se usa a lingua con esta finalidade, ademais de transmitir un contido, poñemos especial coidado na forma e incluso empregamos xogos lingüísticos (que chamamos figuras retóricas ou literarias) para aumentar a estética do texto. Así pois, a intención  dun texto literario non é informar de nada (aínda que tamén pode facelo) senón que o que se pretende é entreter, facer pensar ou transmitir sentimentos  á persoa que o le.


www.milaulas.com

Na maioría dos  casos a literatura ten carácter ficcional, ou sexa, cóntanse feitos que non son reais senón que están inventados por un autor (aínda que estean baseados en feitos reais ou transcritos en primeira persoa) e o lector é consciente desta “mentira” e acéptaa,  sempre e cando o texto resulte verosímil, é dicir, sexa crible. O autor ou autora é unha persoa que traballa imaxinando vivencias que lle ocorren a outras e que logo plasma en contos, poemas, obras de teatro...

Mais en determinados casos o que se nos achega nun texto literario non é ficción, o autor cóntanos o que sabe ou pensa (non é inventado) e faino preocupándose por utilizar a linguaxe de maneira que o que nos di resulte entretido e ademais o texto teña calidade literaria, polo tanto estes textos tamén son literatura. Da mesma maneira tamén pode haber literatura nalgúns textos publicitarios, en bandas deseñadas ou en determinados textos de tipo xornalístico...

Daquela, que é a literatura?

A literatura é unha arte, como a música, a pintura, a escultura, o cine... na que se utilizan as palabras para emocionar e conmover.

 

Os xéneros literarios

Como  os textos que caben dentro da etiqueta “literatura” teñen un carácter tan diverso, fíxose necesario xa dende a antigüidade clásica establecer unha serie de “etiquetas” coas que clasificar os textos que tivesen certas características comúns. A estas etiquetas chámaselles xéneros literarios.

Adóitanse establecer dúas grandes categorías atendendo a se se conta algo inventado coa intención de entreter ou se é un texto con finalidade de ensinar, convencer... Os primeiros serían os xéneros de ficción e os segundos os xéneros de non ficción.

 

Os xéneros de ficción

Son os chamados xéneros maiores  e neles encontramos tres ben coñecidos:

A Narrativa: É a forma adecuada para que un narrador transmita acontecementos alleos. Inclúense neste xénero os contos e as novelas. Caracterízase polos seguintes trazos:

  • Cóntanse uns feitos que lle ocorren a uns personaxes nun determinado lugar e tempo.
  • O narrador é un ser de ficción inventado polo/a autor/a.
  • Alternan a voz do narrador e a dos personaxes.
  • Antigamente era habitual que fose en verso, hoxe normalmente é en prosa.

A Lírica: É o xénero adecuado para a expresión dos sentimentos do eu poético. É o que coñecemos normalmente co nome de poesía. Presenta as seguintes características:

  • Discurso subxectivo.
  • Provoca emoción no receptor, xa que se pretende que se identifique cos sentimentos do emisor.
  • Está escrita en verso (agás o poema en prosa).
  • Presenta ritmo e musicalidade.
  • Polo xeral é breve.

A dramática: Nela son os propios personaxes os que viven de forma directa os seus conflitos. Adoitamos chamarlle teatro. As súas características son as seguintes:

  • Está dirixida á representación
  • Ademais do código verbal interveñen a mímica, a iluminación, a escenografía...
  • O texto está constituído esencialmente en diálogo.



Os xéneros de non ficción:

A didáctica: é o xénero que se emprega cando ademais da finalidade artística, está presente tamén un interese pedagóxico. Isto pódese facer a través dunha fábula, dunha epístola ou dun ensaio. Na actualidade o xénero didáctico que máis vixencia ten é o ensaio.

O ensaio é un escrito en prosa, de non excesiva extensión, onde desde unha interpretación persoal se tratan diferentes temas ( políticos, científicos, artísticos... ). As súas características son as seguintes:

  • Subxectividade: o/a autor/a intenta explicar a súa visión persoal sobre un determinado tema.
  • Diversidade temática: dende o máis cotián ao tema de máxima transcendencia.
  • Ausencia de estrutura determinada: son as reflexións e  a creatividade as que guían a estrutura do texto que non se constrinxe baixo as regras da tipoloxía textual.
  • As formas discursivas que predominan son a exposición e a argumentación.

A oratoria: é un xénero literario de transmisión oral que ten como obxectivo expor unhas ideas sobre un determinado tema coa finalidade de persuadir ou convencer o auditorio. Neste xénero literario inclúense o discurso e a conferencia, entre outros.

A conferencia é un xénero a medio camiño entre o literario e o informativo no que podemos atopar as seguintes características:

  • Perséguese convencer, por iso predomina a claridade expositiva.
  • Trátase dun discurso pretendidamente obxectivo no que se achegan datos e demostracións, aínda que sempre se parte dun posicionamento persoal ante algún feito.
  • Estrutura organizada en tres partes: introdución, corpo e conclusión.
  • Diversidade temática: calquera tema pode ser obxecto dunha conferencia ou dunha charla pois é o enfoque o que define o xénero, non o tema.
  • As formas discursivas que predominan son a exposición e a argumentación.
  • Ademais da forma e do contido do texto, ten especial relevancia a elocuencia do/a conferenciante, é dicir, o dominio da comunicación tanto nos aspectos verbais como nos orais e visuais.

Sexa cal sexa o xénero ao que pertence un determinado texto, só ten a categoría de “literario” se ademais de transmitir ideas (do tipo que sexan) tamén se utiliza a linguaxe dunha maneira especial, se se coida a lingua, se se “xoga” con ela para transmitir sensacións. Se non se cumpre este requisito entón non hai literatura. Deste xeito, non todos os ensaios son literarios (hai ensaios científicos) e tampouco todas as conferencias o son.

Mais se se trata dun texto literario si existe esa preocupación que se plasma, entre outras cousas, no uso dalgunhas figuras literarias.


Figuras literarias máis comúns nos textos de non ficción

Aínda que son moitas as figuras que se poden empregar neste tipo de textos, ímosche explicar agora algunhas das máis habituais.

Preguntas retóricas: son preguntas que o autor/orador realiza para conseguir maior proximidade co público pero sen intención de que sexan contestadas por ninguén. Así cando un conferenciante di, por exemplo, “Quen non oíu falar algunha vez de...?” non espera en ningún momento que alguén do público levante a man e conteste “Eu”, de feito, se tal situación se producise sería unha situación incómoda e podería interpretarse como unha falta de respecto por parte da persoa que contesta.

Amplificacións:  son repeticións do que xa se dixo pero empregando outras palabras diferentes.

Digresións:  Sáese do tema que se está explicando para pasar a explicar algún outro aspecto co que este garda relación e logo vólvese de novo a retomalo.

Enumeracións: Acumúlanse palabras que significan máis ou menos o mesmo para resaltar e reforzar unha idea:

Paralelismos: Repítese a mesma estrutura sintáctica, e incluso as mesmas palabras, coa intención de destacar o contido:

Ironía:  Dise xusto o contrario do que se quere dar a entender, o obxectivo é entreter, facer sorrir ao público ao tempo que se busca a súa complicidade.


Como ves, independentemente do tema que se trate e por moi “serio” que este sexa, sempre ten cabida o adorno na linguaxe, o mimo das palabras, o procurar que quen te le ou quen te escoita aprenda contigo e goce coa maneira en que llo contes. Iso é a literatura: a arte de facer sentir a través das palabras.