Comparación, metáfora, personificación e hipérbole

Adornando as palabras

Cando nos comunicamos non sempre o facemos para informar a alguén de algo ou para informarnos nós dalgunha cousa. Moitas veces falamos por falar, porque precisamos contar o que nos pasa; outras buscamos pasar o tempo entreténdonos coas palabras: lendo ou escoitando historias inventadas ou textos nos que alguén expresa os seus sentimentos e a nós tamén nolos fai sentir. Esta necesidade é inherente ao ser humano porque está documentada a existencia de historias contadas moito antes de inventarse a escrita e ademais en todos os pobos e culturas sucede isto.

Nestes casos, é dicir, cando a linguaxe non se utiliza con finalidade informativa senón lúdica, estamos diante de textos literarios. Mais este requisito, sendo imprescindible, non é o único. Para que exista un texto literario a linguaxe ten que ser empregada dun xeito especial, creando no lector/oínte un pracer estético que poida percibir polos sentidos, é dicir, que o pasemos ben (ou mal) non só co que se nos conta senón tamén tamén coas sensacións que nos producen a escolla das palabras, a súa colocación, os sons coas que as pronunciamos...

Con esta finalidade os escritores botan man, entre outras cousas, das figuras literarias. Isto é máis habitual na poesía pero non é exclusivo deste xénero literario, tamén na prosa se poden empregar moitas figuras, depende do tipo de texto que teñamos diante. Incluso moitas veces, aínda sen nos darmos de conta, utilizamos determinados recursos expresivos no noso día a día.  Agora imos falar dalgúns destes recursos, en concreto dos que son máis necesarios cando elaboramos descricións:

COMPARACIÓN
METÁFORA
PERSONIFICACIÓN
HIPÉRBOLE