As relacións semánticas


O vocabulario das linguas, igual que o resto dos elementos que as compoñen, non ten un comportamento illado, pois cada termo relaciónase con outros a través dunha serie de relacións que se denominan relacións semánticas, é dicir, relacións de significado. Esas relacións son as que nos permiten organizar o estudo dos significados das palabras.
É habitual en case todas as linguas que unha palabra teña varios significados ou que haxa máis dunha palabra que sirva para referirse a unha mesma idea, tamén que haxa palabras con significados contrarios e outras con significados máis ou menos próximos, palabras que se refiran a conceptos máis xerais e outras que permitan concretar máis... todo isto é o que imos ver neste tema.

A polisemia

Na lingua existen palabras monosémicas, é dicir, que teñen un único significado (por exemplo, oficina) pero tamén hai moitas que encerran dous ou máis significados, é dicir, son palabras polisémicas.  

A polisemia é a situación que se produce cando unha palabra posúe varios significados.

Esta situación débese principalmente a que unha palabra foi ampliando o seu significado ao longo do tempo. É o que sucede, por exemplo, coa palabra sol que inicialmente se refería ao astro do noso sistema planetario e logo pasou a referirse, entre outras cousas, á calor e luz que procede desa estrela (vai moito sol) ou a ser unha  maneira cariñosa de chamarlle a alguén (ven aquí, meu sol).
Boa parte das palabras da lingua son polisémicas e é o contexto no que están inseridas o que permite comprender cal é o significado a que se refire, así se dicimos que  a alguén o colleu o sol calquera comprende que ese alguén non foi agarrado por un raio solar senón que estivo exposto á súa calor.
Cada un dos significados dunha palabra polisémica denomínase acepción. No dicionario recoñecemos que unha palabra é polisémica porque no seu interior figuran, numeradas,  as distintas acepcións. 

A homonimia

Ás veces sucede que hai palabras que semellan polisémicas pero en realidade non o son porque non se trata dunha palabra con varias acepcións senón de palabras diferentes que, por diversas circunstancias, coinciden na maneira de escribirse e/ou pronunciarse.

A homonimia é a relación que se establece entre dúas ou máis palabras diferentes que coinciden na forma.


Esta situación prodúcese basicamente porque dúas palabras diferentes evolucionaron foneticamente de maneira que confluíron na mesma forma aínda que cada unha delas mantivo o seu significado, ou tamén pode darse cando tomamos un préstamo doutra lingua que coincide na forma con palabras propias. Isto foi o que pasou, por exemplo, coa nota musical sol que, igual que o resto das notas musicais,  é a primeira sílaba dun grupo de palabras dun himno.
A coincidencia entre dúas palabras pode ser total (na pronuncia e na escrita) e entón diremos que hai homonimia total, é o que sucede con palabras como sol (astro) e sol (nota). Mais na maior parte dos casos o que temos é unha homonimia parcial (só hai coincidencia na pronuncia ou só na escrita). Cando a homonimia é parcial podemos distinguir:

  • Homofonía: Dáse cando dúas palabras se pronuncian igual pero escríbense de forma diferente:  baca/vaca, balor/valor...

  • Homografía: Dáse cando a identidade entre as dúas palabras é só a nivel gráfico:  vela (dun barco) / vela (ver+a).  


Ás veces resulta dificultoso diferenciar os casos de homonimia dos casos de polisemia, é dicir, saber se é unha soa palabra con varios significados ou se son palabras diferentes que coinciden no significante. Nalgúns casos pódenos axudar a lóxica pero para asegurarnos debemos recorrer ao dicionario onde aparecen como unha única entrada coas correspondentes acepcións no interior, no caso da polisemia; ou como entradas diferenciadas (que á súa vez tamén poden ter acepcións), no caso da homonimia

 

A sinonimia

A sinonimia é a relación que se produce entre varias palabras que comparten o mesmo significado.

Existen dous tipos de termos sinónimos:

  • Sinónimos totais: Son os que teñen exactamente o mesmo significado e son totalmente intercambiables en calquera contexto. Existen moi poucos casos:  cerca e preto, raposo e golpe, bicos e beixos...

  • Sinónimos parciais: Son termos que teñen un significado común pero que só son intercambiables en determinadas circunstancias, ben porque o significado dos termos é moi amplo e só coincide nunha das súas acepcións (mirar, observar), ben porque un termo é máis coloquial ca outro (chapar, memorizar) ou   porque un é un termo común e o outro un tecnicismo (cefalea, dor de cabeza)...

 

Termos opostos ou contrarios

Igual que existen palabras que teñen o mesmo ou similar significado, tamén hai outras que teñen significados opostos, o que ocorre é que a relación de oposición establécese de tres formas diferentes:

  • Termos complementarios: son aqueles que se exclúen mutuamente, é dicir, a afirmación dun implica a negación do outro: vivo/morto, aberto/pechado...
    Ver detalles
  • Termos antónimos: son termos que, xunto con outros, forman parte dunha gradación, daquela a alternancia non é a única posibilidade entre eles porque hai outros termos que tamén poderían aparecer. É o que sucede entre, por exemplo, branco e negro pois tamén cabe a posibilidade do gris, azul...

  • Termos recíprocos: son aqueles termos que se afirman mutuamente porque son dúas caras da mesma moeda, afirmar un implica  simultaneamente a afirmación do outro. Dáse esta relación en parellas como: alumno/profesor, preguntar/responder...

 

Os campos semánticos

Todas as palabras da lingua, dunha ou doutra maneira, gardan relacións semánticas con outras palabras, de xeito que todas poden caber nalgún grupo de palabras con parte do seu significado común. Cada un deses grupos denomínase campo semántico.

O campo semántico é o conxunto de todas as palabras que teñen parte do seu significado en común.

Cómpre termos en conta que os campos semánticos son innumerables e que a súa extensión dependerá de se o significado común é máis xenérico ou máis concreto. Por exemplo, o campo semántico dos animais estaría formado por todas as palabras que significan “ser vivo non humano nin planta” e resulta  inmenso, mais se só buscamos as palabras que teñen en común referirse a “animais mamíferos” o campo redúcese moito.
As relacións que gardan entre si os elementos que constitúen un campo semántico son as seguintes:

  • Hiperónimo: é o termo que serve para dar nome ao campo semántico:  animal.

  • Hipónimos: este termo serve para designar cada unha das palabras que forman o campo: can, gato, cebra...

  • Cohipónimos: Reciben este nome os elementos que compoñen o campo tendo en conta a relación que teñen cos outros compoñentes:  can é un cohipónimo de gato, e viceversa. 

Na nosa condición de falantes, é importante termos un vocabulario cada vez máis completo para podermos empregar termos sen repetirnos e referirnos da maneira máis precisa aos distintos conceptos e ideas. Isto, loxicamente, conséguese con abondosas lecturas e experiencias vitais pero non está de máis o estudo sistemático do léxico,  é dicir, poñendo as palabras en relación con outras coas que gardan semellanzas, porque deste xeito aprenderemos moito mellor o seu significado e tamén o seu uso.