Moitos dos nosos nomes de lugar veñen de moi antigo, foron postos ao longo da historia polos diferentes poboadores destas terras; a maior parte proceden do latín pero tamén temos bastantes de orixe prerrománica ou xermánica e, por suposto, algúns tamén foron postos, xa en galego, en tempos máis recentes.
No que respecta ao significado, moitas veces fan referencia a determinadas características xeográficas ou paisaxísticas que nese lugar houbo antigamente ou que segue a haber na actualidade (fauna, vías de comunicación, construcións, flora...), outras teñen que ver con nomes de persoas ou gardan relación con aspectos relixiosos (nomes de santos, construcións para o culto...).
Galicia é un país especialmente rico en toponimia: nomes de bisbarras, de concellos, de vilas, de parroquias, de aldeas, de lugares, de barrios, de montes, de leiras, de estradas, de corredoiras..., de feito, segundo se di no PTG “vivimos nun país que ten un terzo dos nomes de lugar de toda España”. Cada un deses nomes fálanos da historia dese lugar: a que se dedican as súas xentes, como é a súa xeografía, que animais ou que especies vexetais abundan (abundaban) nunha determinada zona... Por iso é tan importante o estudo e a preservación dos topónimos.
Mais neste momento a toponimia galega ten dous problemas:
Os nomes dos lugares nunca se poden traducir dunha lingua para outra porque se se fai estase inventando un nome que non existe (se ao falar castelán se traduce, por exemplo, O Carballiño por *El roblecito ninguén podería recoñecer ese lugar, e dende logo un carteiro nunca podería entregar unha carta nese lugar porque non sabería onde está...). Imaxinade que ao estarmos falando en galego se nos ocorre traducir os nomes españois *Torre de cadeiras (Tordesillas), *Madride, Sevila... , non sería unha barbaridade?, pois tamén o é á inversa. Por iso a lei garante que os topónimos galegos só poden estar na forma galega.
A Lei de Normalización Linguística (Lei 3/1983, do 15 de xuño) di: “ Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega”. Por iso cando algunhas persoas (e tamén algunhas institucións que non teñen reparo en colocar carteis que incumpren a Lei) escriben ou din mal reiteradamente os nomes dos nosos lugares están cometendo unha ilegalidade.
Os xentilicios son os adxectivos que nos serven para indicar a procedencia xeográfica de alguén.
Para formarmos os xentilicios galegos os sufixos máis usados son:
Nalgúns casos algúns topónimos aceptan dous xentilicios diferentes: viveiresa/viveirense, carballinés/carballinense, alaricana/alaricense... e no caso de que o topónimo estea formado por un nome composto pódese facer o xentilicio sobre os dous lexemas (santiaguesa/compostelá, baldeorrés/barquense...).
No que respecta aos xentilicios foráneos a lista de sufixos é moitísimo máis extensa:
Non existe ningunha regra que explique cando debemos escoller un ou outro sufixo, por iso resulta difícil saber cal é a forma correcta. O único xeito de aprendelos é practicando e é ben seguro que, no caso daqueles topónimos que non usemos habitualmente, habemos ter que consultar para escoller a forma adecuada.
Para practicares os xentilicios e reparares na forma correcta dos topónimos galegos podes consultar este mapa:
E para ir máis lonxe...