Os medios de comunicación

 


 

Verbos relacionados cos medios de comunicación:


abouxar: Bombardear a alguén con preguntas, atordándoo.
acenar: Facer xestos para advertir dalgunha cousa.
acirrar: Incitar os participantes nun debate para que discutan. SIN. encirrar.
adiar v.t. Pospoñer para outro día unha emisión ou unha actividade prevista. SIN. aprazar.
apupar: Berrar en sinal de desaprobación.
atuar: Tratar por ti un convidado, un compañeiro, etc.
bater as mans: Chocar as mans en sinal de aprobación ou seguindo o ritmo da música.
cativar: Encantar, seducir, engaiolar.
contrastar: Comprobar que a información que ofrece unha fonte non está manipulada e comparala coas versións doutras fontes implicadas.
debater: Discutir os diferentes puntos de vista sobre un tema.
desinformar: Presentar os feitos de maneira parcial ou tendenciosa co fin de influír na opinión do público.
dramatizar: 1.- Representar en escena unha situación ou un texto. 2.- Esaxerar o carácter tráxico dun feito.
esbardallar: Falar seguido sen dicir nada interesante.
espallar: Pór(se) unha noticia en circulación. SIN. difundir, estender, facer público.
gravar: Rexistrar imaxes e/ou son sobre un soporte coa finalidade de conservalas e emitilas posteriormente.
infamar: Manifestar algo que lle quita o creto ou a boa sona a alguén.
leriar: Falar de maneira distendida. SIN. charlar, parolar.
peneirar: Seleccionar (o xornalista) os aspectos da actualidade que considera de interese. SIN. filtrar.
plaxiar: Copiar unha obra allea, ou parte dela, e presentala como propia.
retrucar: Responder cun argumento en contra a unha pregunta ou a un comentario.
silenciar: Ocultar, non facer pública unha información deliberadamente.


Fraseoloxía




Facerse un de novas: Aparentar que non se coñece algo que xa se sabía.

Traballar para a galería: Traballar para agradar, para quedar ben co público.

Estar no aire: Estar emitindo en directo.

Estar en antena: Dise cando un programa forma parte da programación dunha canle.

Estalo petando: Ter moito éxito.

Crer a pés xuntos: Non facer unha lectura crítica das noticias.

Contar punto por punto: Contar de maneira moi minuciosa.

Ir ao conto: Tratar directamente un asunto.

Virar as tornas: Producirse un cambio de situación.

Volver as noces ao cesto: Mudar de opinión sobre algún tema.

Comungar con rodas de muíño: Aceptar todo,  sen dubidar da súa veracidade.

Non lle chistar algo: Desagradar.

Unha ola de grilos: Lugar onde hai moito barullo e resulta difícil entenderse.

Atopar o cabo do fío: Encontrar a orixe da noticia.