Instrucións para tomar café, Manuel Núñez Singala (Ed. Galaxia)



INSTRUCIÓNS PARA PARECER GALEGO

I

Aprenda a avergonzarse. Desprécese. Menoscábese. Desdéñese. Maltrátese. Vilipéndiese. Humíllese con frecuencia. Non perda a práctica, menosprécese.
Polo clima.
Polas curvas.
Polas vacas.
Polo acento.
Polas árbores.
Pola lingua.
Por Galicia.
Por todo.

Cuspa para arriba.

No caso de que alguén lle sinale algún aspecto salientable do seu país, practique o “si, pero”, e rebaixe o que poida.

  • - Pois en Lugo tedes unha muralla romana
  • - Si, pero é moi vella,

Ou:

  • - Pois nas Rías Baixas os solpores son marabillosos
  • - Si, pero despois faise noite.

Se algunha vez, se cadra nun momento de debilidade, atopa algo destacable en Galicia, non se deixe levar pola euforia, e antes de que o interlocutor poida facerse unha idea positiva, búsquelle ou invéntelle un defecto, verá que sempre atopa un pero:

  • - As praias galegas son formidables, pero a auga está moi fría.
  • - A paisaxe é vizosa e dun verdor impresionante, pero chove moito.

 

INSTRUCIÓNS PARA PARECER GALEGO

II

Fale galego, pero en español

 

INSTRUCIÓNS PARA PARECER GALEGO

III

Vale. Se se empreña, fale galego.
Pero procure que non se lle note.

Manuel Núñez Singala, Instrucións para tomar café, ed. Galaxia