"Xan de Outeiro", conto popular

 

Xan de Outeiro

Érase Xan do Outeiro un rapaz moi espelido. Casou e marchou para a vila. Alí puxo un negocio cos cartiños do dote que lle deron á rapaza e todo marchou moi ben mentres duraron os cartiños. Pero un día acabáronse, porque había que ir ao mercado todos os días e os ingresos eran pequenos e, sobre todo, porque non lle acordaban as contas xa que non fora á escola, claro,  como non había apuntamentos falláballe o acordo a el e aos que lle debían.

Así foi o modo que tivo que volver para a casiña dos seus pais e coller de novo o legón, cousa que non lle sentaba moito. Pero un día, mentres facía un pito nun descanso e botaba un grolo de auga para axudar á suor, acordoulle que na vila moitos xogaban á lotería e así facían un capital e, ao dereito, escribiulle a un amigo que lle mandase un recibiño daqueles para probar.

Foise o domingo á misa e rogoulle ao Santo Antonio, que tanto lle axudara en buscar rapaza boa e resignada , que lle dese boa sorte na lotería para facer algún cartiño, que se lle tocaba había dar uns bos pesos para axuda da festa de San Xoán.

Pero coñécese que ou non o oíu ou non lle era conveniente, o caso foi que perdeu os cartos.

Foi de novo rezar ao santiño, pero ese día estaba detrás o sancristán, que era pillo redomado, e sentiulle dicir:

- Santiño bendito fai que me toque a lotería que xa xoguei os cartos que necesitaba para viño e perdinos. Ti, meu santo, que sempre me axudaches en todo, que fixeches que casara ben, que con dicirche o responso me traes as ovelliñas á corte sen que mas coma o lobo ou mas coman os rapaces nunha enchedela botándolle a culpa aos cans, axúdame na lotería que che hei dar uns bos pesos!

E o sancristán, que non podía resistir coa risa, díxolle:

- Dobra, Xan! Dobra!

Así o fixo Xan pero co mesmo resultado.

Volveu de novo rezar e, coma da outra vez, volveulle o santo dicir por medio do sancristán que dobrase.

Repetíronse novas xogadas, novos desenganos e novas súplicas ao santo, pero todo para perder.

Xa empeñara un leiro na condenada lotería cando volveu xunto Santo Antón suplicar de novo:

- Santo bendito, non ves que vou para a ruína? Xa empeñei un leiro. Xa non hai paz coa miña Manuela. Ti xa ves que me fai moita falta, que se meu pai se dá conta do empeño vaime botar da casa e hei ter que ir pedir pola portas. Axúdame santiño, que eu heiche ser ramista para o ano!

Volveulle dicir o santo:

- Dobra, Xan! Dobra!

- Pero como vou dobrar, santiño, se non me queda máis cá vaca marela?

- Pois dobra, Xan! Dobra os cadrís e traballa, loubán!


Antoloxía do conto popular galego, Henrique Harguindey-Maruxa Barrio, ed. Galaxia