"Falar", Made in Galiza - Séchu Sende

 

Clara

Teño un ano e poucos días e cando escoito Clara, presto atención.

Escoito ás persoas que viven nesta casa e aprendo cousas todos os días. Mamá ten outro nome que é Laura e, cando mamá chama por Tomás sei que ese é papá. De vez en cando veñen outros persoas á casa, e as que teñen engurras nos ollos e sempre están rindo son avó e avoa. Tamén está Rula, que é pequeniña e vive dentro dunha gaiola.

Sei que estou nunha idade complicada porque o día menos pensado teño que comezar a falar, que é algo que non se fai todos os días. Falar facilita moito as cousas. Cando saiba falar por fin van saber que se choro de noite non sempre é porque teña sede ou me doia a barriga, porque ás veces soño cousas que non entendo. As cousas que non entendo son moitas aínda que hai unha que me preocupa especialmente.

Nesta casa falan dunha forma moi estraña. A mamá, a papá e aos avós cando están comendo, por exemplo, escóitolles palabras como Sopa, Pásame o pan, Un pouco de sal ou Biscoito. Eu poño o oído e escoito e vou aprendendo.

Rula é unha persoa diferente, fala dunha maneira que se chama cantar ou asubiar, que llo escoito a mamá: Que ben canta Rula, ou Asubía un pouquiño, Ruliña. Antes cando estaba soa ás veces intentaba falar como Rula, pero nunca sabía o que quería dicir. Como Rula só sei dicir ffffi ou ffffu.

Aínda que ese non é o problema, porque realmente ninguén fala como Rula nesta casa. Mamá dille de cando en vez cousas lindas: A ver, bonitiña, aquí che traio alpiste; mais dillo como fala mamá, sen ruídos raros.

O problema é que de escoitar falar a mamá, papá e os avós eu xa sei polo menos cen palabras como Peido, Pis, A nena ten fame, Xa é de noite, Esta nena é moi tranquila e moi lista, Vai chover e cousas así. Eu escoito e gardo esas palabras para min e repítoas por dentro. Hai moitas palabras que escoito que aínda non comprendo como Quilómetro, Enciclopedia ou Empanada de xoubas.

O problema que teño é que, por exemplo, mamá cando fala de min con papá di A nena está esperta e de repente vén onda min e dime: Ay mi niña, que ya despertó, despertastes, Clara? E eu sei que clara son eu, mais aínda non sei por que me chama Mi niña se eu son A súa nena. Papá fai o mesmo, está falando coa avoa e di A nena debe de ter fame e vén e dime Clara, cosita, tienes hambre? E eu abro moito os ollos, intentando comprender que pasa aquí.

É unha situación estraña que se repite continuamente. Entre eles non, mais comigo cambian de forma de falar.

E agora estou nun dilema porque penso que están esperando a que eu me poña a falar un día destes. Eu xa sei dicir Ma-má en segredo. Dígoo cando estou soa porque quero practicar e teño medo de que cando o vaia dicir por primeira vez me saia mal. Mais o meu dilema é que non sei se botar a falar como falan meus pais cando falan entre eles e con meus avós ou se poñerme a falar desa outra maneira en que me falan a min.

Rula polo menos sempre fala igual.

Eu é que a meus pais non os acabo de entender. De momento vou esperar un pouco, a ver se se aclaran. Aínda que, se non queren que fale coma eles, as súas razóns terán. Digo eu...

“Falar”, Made in Galiza, Séchu Sende, ed. Galaxia