Galicia Confidencial: Entrevista de Úrsula Neilson a Cándido Pazó (Adaptación)

 


Cómico é o apelativo que máis lle gusta a Cándido Pazó para englobar todas as súas facetas profesionais: escritor, actor e tamén narrador.

Como pode o teatro salvarnos desta “peste económica”?

O teatro non nos salva, o teatro fai que vivas en comuñón con outra xente un momento ameno, un momento divertido. Pero non é unicamente provocar a risa, é provocar que ti busques camiños, que ti te diversifiques, diver-tirse, que ti te abras. Ese é o concepto de diversión que a min me interesa. Salvarse? Non, eu non son ningún soberbio que pense que no teatro teñamos unha capacidade maior que a que teñen moitísimos colectivos sociais.

Cando menos axúdanos un pouco…

Esa é un pouquiño a intención. Eu penso que o teatro por definición no ten que ter ningún obxectivo político, pero os que facemos teatro podemos ter unha ideoloxía; eu téñoa. Eu cando digo cousas teatralmente digo cousas dende quen son, dende a miña maneira de pensar. Pero para min o imprescindible do teatro é crear empatía, crear unha comunicación intensa entre dous seres vivos: entre un actor e un espectador que están nun mesmo espazo e nun mesmo tempo. Se non é así, algo está fracasando.

Cal é a diferenza entre narración e interpretación?

Os narradores son actores. En Galicia a maioría dos narradores son actores de teatro, pero non ten porque ser así. É máis, hai países como por exemplo Colombia onde, non sei porque, están constantemente recordando que unha cousa e a outra non son o mesmo. Pero o teatro e a narración son mundos con tantas interseccións que non vale a pena intentar separalos. É verdade que hai actores que non saben contar, falarlle ao público, narrar en pasado. O teatro sempre é presente. Non son capaces de falar sen que haxa unha personaxe polo medio; traballan indirectamente co público. O narrador en xeneral non ten unha personaxe, fálalle directamente ao público, e o que conta está mediatizado pola palabra, non tanto polos actos. Pero despois hai un inmenso campo de hibridación de técnicas, que algunhas veces é realmente difícil dicir onde acaba unha cousa e empeza outra. Por iso eu sempre falo de artes escénicas, e así non hai confusión. Decamerón por exemplo é un espectáculo de teatro cun pé no narrativo, que vive da miña faceta de contador de historias.

Como gozas máis, no escenario ou escribindo?

No escenario. No escenario todo está vivo, falas… Eu son un home moi oral; escribir non me gusta. Toda a miña obra foi filla da angustia, é como estar rascando, concretando; eu son máis analítico, máis disperso. Oralmente síntome moito mellor, a miña mente funciona máis rápido. Podes estar mal, enfermo ou canso, e ao subir ao escenario a enerxía venche, no sabes de onde. De feito, para min a narración oral foi una táboa de salvación. Por unha serie de razóns eu levaba moitos anos sen subir aos escenarios, só escribindo, dirixindo e con algún papel pequeno como actor, pero faltábame ese chute de comunicación directa co público.

Cando empezaches a narrar, entón?

Comecei a contar historias a partir do ano 96 ou 97, a partir das indicacións de Quico Cadaval. Entón comprendín o que Quico me dicía, que todo un mundo de imaxinación, de historias que eu contaba entre amigos, podía ser en si material para transformar nun espectáculo. Esa foi unha descuberta que me achegou moita felicidade no meu oficio, moita, moita, moita felicidade, moita liberdade, porque eu para completar as miñas necesidades de supervivencia económica tiña que facer guións para televisión, e non me gustaba para nada. En televisión ti es unha peza dunha maquinaria e hai que moverse segundo a maquinaria manda. Non me estou a queixar, é así, e admiro e respecto a quen traballa na televisión, pero eu non quería ser peza desa maquinaria. E de repente, bumba!, encontro isto, gústame, dáme diñeiro, permíteme traballar para outros públicos… Así que eu estoulle moi agradecido ao mundo da narración oral, porque me permite botar para fóra todo un mundo que estaba dentro de min e ter, sobre todo nestes tempos de crise, unha táboa á que agarrarme. Ten en conta que os espectáculos de narración oral non son caros, son dunha soa persoa, sen escenografía… Moitas entidades non teñen diñeiro para contratar a unha compañía teatral, pero si a un narrador, por tanto poder dedicarme a isto é unha bendición.


Pregúntolle se precisamente por esa sinxeleza da narración, teme aburrir a un público da era dixital, quizais acostumado a espectáculos máis visuais, ao que Cándido responde rapidamente cunha negativa. Xustamente polas características da industria cultural actual, el pode facer o que fai; ofrece a orixinalidade da palabra, o entretemento diversificado.