Cero en expresión oral

 


Raquel Vidales | 13 SET 2013 (Adaptación)

Cero en expresión oral

O tropezo olímpico reaviva o debate sobre as dotes dos españois para expoñeren público.
A oratoria non é un don, é unha arte que se aprende.

 

O 7 de xullo de 2005, o día despois de que Londres fose elixida sede dos Xogos Olímpicos de 2012, a prensa internacional só falaba dunha cousa: a brillante presentación da candidatura británica, que culminou cun emocionante discurso do atleta  Sebastian Coe ovacionado polos membros do Comité Olímpico Internacional (COI). O día que Coe  gañou o ouro, titulaba o diario The Guardian. "Poderoso", "memorable", "de ton perfecto, coa paixón dun deportista e a exactitude dun político”, escribían os cronistas. Algúns mesmo aseguraban que foi ese discurso o que deu a vitoria final á capital inglesa sobre París, tendo en conta que esta partía como favorita e que Londres estivera a punto de retirarse uns meses antes pola súa mala imaxe. Madrid, naquela ocasión, quedou eliminada na terceira votación, tras Moscova  e Nova York.


Hai xusto unha semana, Madrid volveu presentarse ante os membros do  COI  coa esperanza de organizar os Xogos de 2020. E ao día seguinte a prensa e as redes sociais só falaban dunha cousa: a deslucida presentación da candidatura, especialmente a intervención en inglés da alcaldesa  Ana Botella. Os analistas atribuíron esta nova derrota de Madrid a outros factores, como a economía e a dopaxe, pero algunhas preguntas quedaron no aire. Canto contribuíu a fanada presentación final a que Madrid non pasase nin sequera á segunda votación? Teñen os españois menos habilidades que outros países para falar en público?


"Non somos nin mellores nin peores. Pero temos un déficit estrutural, orixinado pola escasa importancia que dá o noso sistema educativo á oratoria ou a dialéctica, que se reflicte especialmente nos nosos líderes políticos e institucionais", opina  Antoni Gutierrez-Rubí, asesor de comunicación e consultor político. "Pode haber individuos con máis habilidade ou carisma ca outros, mais ninguén nace con dotes de oratoria. Iso hai que aprendelo. Así como en Francia, Reino Unido, Alemaña e EUA, por exemplo, os exames orais son fundamentais, a tradición educativa española nunca puxo o acento nas exposicións faladas", explica.


O déficit educativo en expresión oral preocupa non só no ámbito político. Tamén no ámbito universitario. "Os alumnos chegan cun nivel moi baixo porque non fixeron exames orais nin practicaron nunca. A maioría non saben expoñer as súas ideas e algúns nin sequera poderían superar unha entrevista de traballo", asegura Adolfo Lucas, profesor de oratoria en varias universidades e autor do libro  El  poder da palabra.

Practicar, practicar e practicar. É o único truco que ofrecen todos os asesores e expertos en comunicación oral. "O ser humano non está preparado naturalmente para falar en público. É un feito atípico, traumático. Por iso xorde o medo. Pero se practicas e adestras moito, cando chegue o momento de enfrontarte a un auditorio a mente estará preparada para recoñecer esa situación. Recordas que xa o fixeches antes e sabes que podes facelo. Quizais nunca te afagas de todo e sempre quede algo de medo, pero poderás afrontalo sen bloquearte. E co tempo, mesmo como din os actores, empezas a gozar do contacto co público", explica  Antonella Broglia,organizadora de TEDxMadrid, unha xornada de conferencias que se celebra en Madrid a imaxe da que se desenvolve dende hai anos en California, coa participación dalgúns dos oradores e emprendedores máis importantes do mundo.