Actividades
Ben, pois agora, toca ir á práctica: Para aprender a ler a prensa, imos ler a prensa. Imos comprobar algún dos aspectos que estivemos comentando.
-
De verdade criches que os xornais non contan as noticias segundo lles interesa aos seus donos? Non ho!!! Comproba as portadas de todos os xornais galegos do día de hoxe e decide por ti mesmo/a. Tranquilo/a non tes que ir de compras, abonda con que entres neste quiosco: http://kiosko.net/
Toma nota de que novas destaca cada xornal na súa portada, a cales se lles dá maior importancia e entre todos e todas extraede conclusións...
- Agora imos co tema da lingua... debedes intentar conseguir unha mostra de cada un dos xornais tradicionais de Galicia, dá igual a data (La Voz, El Correo, Faro de Vigo, Atlántico, Diario de Pontevedra, El Progreso, La Región...). Por grupos dividirédesvos de maneira que revisedes a totalidade deses periódicos en busca das noticias que atopedes en galego. Facede unha posta en común dos datos que conseguistes e intentade sacar algunha conclusión.
- Agora toca empregar os medios que usan a nosa lingua. Que hai que facer? Realizar un percorrido polos xornais de información xeral (Praza, Sermos Galiza, Galicia Confidencial) e anotar as noticias que vos resultan máis interesantes. Logo facede unha posta en común: todos coincidistes na vosa selección ou hai tantas lecturas como alumnos/as?
- Botádelle agora un ollo ao xornal en galego que fala da zona máis próxima a vós (Compostela, Val Miñor, A Terra Cha... a que sexa...) sabiades da súa existencia? Recolle as mesmas noticias que os outros de información xeral? Por que?
- Isto é máis prolongado no tempo, é unha actividade para facer no resto dos vosos días: lede a prensa e... sede críticos/as!!