Actividades
1. Esta vez ides facer unha banda deseñada un tanto especial.
Debedes organizarvos en grupos de tres ou catro persoas. Logo leredes o relato "Uf" de Séchu Sende e comezaredes coa elaboración dun guión gráfico a partir do mesmo.
Uf
A Celso F. Sanmartín
Entrou na cafetería, prendeuse naqueles ollos, asombrouse e soubo que atopara algo... Fixo uf e comezou a..., mirouna outra vez e comezou a amala, a querela, pensou, e sentou á mesa, máis achegada á cafeteira e sentiu..., uf, que comezaba a...
— Ola —dixo ela—, que queres?
—Quero... macela.
Ao día seguinte entrou á mesma hora e ela seguía alí e sentiu que, uf, que a quería, en serio, pensou.
— Ola —dixo ela—, que queres?
— Quero... tila.
Ao terceiro día continuaba queréndoa e comezou a imaxinar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estaba, que ela estivese, comezando a sentir iso tamén, uf.
— Ola, que queres?
— Quero... menta.
Ao cuarto día sentiu que xa non podía máis, que tiña que dicirllo. teño que dicirllo, pensou, uf.
— Ola, que queres? —dixo ela.
— Quero... te —dixo el.
Ela abriu os ollos preguntando Como? e el dixo outra vez en baixiño Quero...te. E dixo Quero...te ao día seguinte e Quero te ao seguinte e ao cuarto día tamén dixo Quero te e entón ela díxolle cos ollos Eu tamén.
“Uf”, Made in Galiza, Séchu Sende
Por tanto xa tendes a historia, o espazo, o tempo e os personaxes. O que tendes que facer vósé dividir a historia en secuencias e planificar cada viñeta escribindo o guión. Anotaredes:
- O argumento da viñeta.
- O espazo que vai aparecer.
- Os personaxes que se mostran.
- O plano elixido para esa escena.
- O ángulo de visión.
- Os textos.
- O formato da viñeta.
Unha vez redactado este guión podedes plasmar nun papel como se van distribuír as viñetas na páxina e o espazo que van ocupar; tamén podedes trazar o espazo da viñeta, o lugar onde van ir os personaxes e os globos para o texto.
O seguinte será coller unha cámara (serve perfectamente a do móbil) e facer as fotos de tal xeito que se poña en escena todo o previamente planificado no guión.
Finalmente utilizaredes as fotos para crear o cómic; utilizaredes para iso un programa de edición de texto (Libre Office ou Word), un programa para a realización de presentacións (Libre Office ou PowerPoint) ou outro similar. Montaredes as imaxes e logo debuxaredes as cartelas e os globos sobre elas, engadindo os textos.
O formato final debe gardarse nun arquivo pdf, que logo podedes publicar, pero que tamén entregaredes ao profesor/a para que o corrixa.