Xa sabes que para leres en alto debes practicar as calidades que teñen que ver coa voz. Así pois, ofrecémosche algunhas ideas para que mellores a túa dicción. Non esquezas que todas estas son lecturas para faceres en voz alta:
1.-Practicamos o volume:Estamos afeitos a falar sempre cun mesmo volume de voz e iso dificúltanos cambialo para falar en público, non obstante, é necesario. Para exercitarte, propoñémosche que leas o seguinte texto adecuando o volume ao tamaño das letras:
2.-Practicamos a vocalización:
Proba a ler o máis rapidamente que poidas, pero que se entenda o que dis, os seguintes trabalinguas:
Agora podes ler os mesmos trabalinguas pero apertando os dentes de arriba contra os de abaixo. Procura mover moito os labios mentres les.
Logo proba a lelos abrindo moito a boca.
A continuación ofrecémosche un fragmento da novela O corazón da Branca de Neve de Francisco Castro, debes ler só as vogais pero mantendo o ritmo do texto.
Despois de non pegar ollo en toda a noite, o último que lle apetecía a Hermida era chegar á comisaría e atopar que a cambiaran de sitio e que agora a situaran no mesmísimo inferno. Porque máis ou menos iso era o que alí o esperaba: o inferno.
Nas escaleiras de entrada xa o atacaron directamente os xornalistas. Preguntábanlle sobre o asunto do camión, sobre as mulleres mortas (...)
Falou con Leila e a sensación que quedou como única conclusión despois da conversa é a peor que lle pode quedar a un policía que teña interese real en solucionar un caso: impotencia, incomprensión, baleiro (...)
Agora debes ler só as consoantes, pero non o seu nome senón o son que producen.
3.-Practicamos o ritmo:
Xa dixemos que na lectura, igual que no falar, é moi importante respectar as pausas que marca o texto. Para que te fagas máis consciente imos probar o seguinte: un/unha de vós le en voz alta mentres os demais axudan así:
Deste xeito, souben unha segunda cousa moi importante. O seu planeta de orixe era pouco máis grande ca unha casa!
Isto non me podía sorprender moito. Sabía moi ben que á parte dos grandes planetas como a Terra, Xúpiter, Marte, Venus, aos que se lles puxo nome, hai centos doutros que, ás veces, son tan pequenos que non se poden distinguir nin coa axuda do telescopio. Cando un astrónomo descobre un destes planetas, ponlle un número por nome. Chámalle, por exemplo: “O asteroide 325”.
Teño razóns ben serias para crer que o planeta de onde viña o principiño é o asteroide B 612. Este asteroide non foi visto máis que unha vez, coa axuda do telescopio, por un astrónomo turco, no ano 1909.
O dito astrónomo fixera entón unha gran demostración do seu descubrimento nun Congreso Internacional de Astronomía. Pero ninguén lle creu por culpa do seu vestido. As persoas maiores son así.
Felizmente para o asteroide B 612, un ditador turco impuxo ao seu pobo, baixo pena de morte, a obrigación de se vestir á europea. O astrónomo informou de novo sobre o seu descubrimento, no ano 1920. Ía vestido dun xeito moi elegante e todo o mundo aceptou a súa demostración.
Se vos conto estes detalles sobre o asteroide B 612, e se vos digo o seu número, é por causa das persoas maiores. Ás persoas maiores gústanlles as cifras. Cando lles falades dun novo amigo, nunca vos preguntan nada esencial del. Non vos din: “Como é a súa voz? Que xogos lle gustan máis? Colecciona bolboretas?” Non, as persoas maiores preguntan: “Cal é a súa idade? Cantos irmáns ten? Canto pesa? Canto gaña o seu pai?” Pensan que soamente así o poden coñecer. Se lles dicides: “Vin unha fermosa casa chea de ladrillos de cor rosa, con xeranios nas fiestras e con pombas no tellado...”, non chegan a imaxinar como é esa casa. Hailles que dicir: “Vin unha casa que vale cen mil pesos”. Entón exclaman: “Ah, que fermosa é!”
Así, se lles dicides: “A proba de que o principiño existiu é que se trataba dun ser engaiolante, que ría e que quería un año; e o feito de querer un año é unha proba de que existe”, encollerán o lombo e dirán que sodes uns nenos. Pero se lles dicides: “O planeta de onde viña é o asteroide B 612”, entón quedarán convencidos e deixaranvos en paz coas súas preguntas. Son así. Non se lles pode ter isto en conta. Os nenos teñen que ser moi indulxentes coas persoas maiores.
Pero nós, que comprendemos a vida, burlámonos dos números. A min gustaríame comezar esta historia á maneira dos contos de fadas. Gustaríame dicir: “Era unha vez un principiño que vivía nun planeta pouco máis grande ca el, e que tiña necesidade dun amigo...” para os que comprenden a vida, isto tería máis aire de verdade.
Non me gusta que o meu libro sexa lido con lixeireza. Sinto unha pena fonda ao contar estas lembranzas. Ha xa seis anos que o meu amigo marchou co seu año. Se intento describilo aquí é só coa intención de non me esquecer del, porque é triste esquecerse dun amigo. Non todo o mundo gozou da sorte de ter un amigo. E eu podo chegar a ser como as persoas maiores, que soamente senten interese polas cifras. Por iso merquei unha caixa de lapis de cores.
É moi duro poñerse de novo a debuxar á miña idade, cando soamente tiña intentado pintar, á idade de seis anos, unha boa aberta ou unha boa pechada. Tratarei de facer uns retratos o máis parecidos que poida, pero non estou seguro de conseguilo. Un debuxo parecerase, e outro non se parecerá nada. Trabucareime tamén un pouco ao reproducir o tamaño. Unhas veces o principiño ha ser demasiado grande e outras, demasiado pequeno. Tamén hei ter dúbidas sobre a cor do seu vestido. Andarei como ás atoutiñadas sobre isto e aquilo. En fin, heime trabucar nalgúns detalles importantes. Pero teredes que me perdoar. O meu amigo non me daba nunca explicacións. Quizais pensaba que eu era semellante a el. E eu, por desgraza, non son capaz de ver os años a través das caixas. Talvez eu sexa un pouco como as persoas maiores. Ao mellor envellecín xa.
(Antoine de Saint- Exupéry, O principiño)
4.-Practicamos a entoación:
A continuación transcribimos uns fragmentos da obra teatral Madeira de gañador, de Teresa González; debes lelos procurando que a situación resulte crible. Recorda que antes de leres en voz alta debes facer unha primeira lectura para entender a situación que se vive e practicar a entoación adecuada.
Texto 1:
PEDRO (Ao teléfono) Si? Si, ola, Martina. Son Pedro, de Renar. Podes poñerme con Claudio? (...) Si, é serio. Moi serio e urxente. (...) Si, agardo ( Mentres agarda a súa interlocutora, Pedro observa a Xiao con desconfianza. Pedro colle un cigarro, pero vaino manter na man, sen acendelo. De novo ao teléfono) Si. Si, Martina, sigo aquí. (...) Si, estou ben. Polo de agora. (...) Que? Non? Está na casa dun paciente... Vaia. E tardará moito? (...) Entendo. (...) Que me chame en canto poida. Canto antes, si. É moi urxente, de verdade. (Tenta ser gracioso) Xa sabes, cousas dos empresarios. (...) Eh? Si. Grazas. Veña, ata logo. (Pedro colga. Para si mesmo, fumando o cigarro apagado) E a quen podo chamar? A quen? ( A Xiao, que segue coa mesma postura) Xiao, pódese saber que fas? Xiao!
Texto 2:
XIAO. (Á mesa) Sabes, querido pedazo de cereixo salvaxe, agardo a metamorfose con impaciencia. Que emoción! Que éxtase! Os paxaros aniñarán nas miñas pólas... Os esquíos gabearán polo meu tronco... As bolboretas acariciarán os meus cabelos, digo follas. Non vexo o momento de participar plenamente co Cosmos, de seguir o seu ciclo coherente. Natureza, penétrame! Fai brotar o zume por cada conduto do meu novo ser! Fai funcionar a miña fotosíntese! Nútreme de clorofila!
Texto 3:
ESTELA: Isto é de tolos! (A Xiao, anoxada) Sabes o que levo gastado na voda? Sábelo? Pero iso non é nada co ridículo que vou facer diante de todo o mundo. E pensar que aínda onte era a envexa da miña oficina. “Estela, que sorte tes”, dicíanme as miñas compañeiras á hora do café, “Tes a vida arranxada! Casar con alguén tan guapo e importante! Iso si que é asegurar o porvir...”
Texto 4:
ESTELA: E agora como explico eu isto? “Rapazas, lembrades a Xiao, aquel mozo tan guapo e prometedor con que ía casar? Pois nada, que dixo que prefería converterse en árbore antes que casar comigo. Que vos parece? Pero, por que vos botades a rir desa maneira...? Deixade de rir... Por favor... Deixade de rir...” (Chorando) Non sigades... Non ten ningunha graza que o meu prometido faga o tolo porque non quere confesar que xa non me ama... Que non me ama...”
5.-Practicamos a lectura expresiva:
Logo de leres varias veces este poema para entender ben o seu contido (tamén podes memorizalo) , terás que recitalo na clase. Na túa lectura terás que conseguir que quen escoita sinta o mesmo que ti sentiches (rabia, sorpresa, decepción, ánimo...). Algunhas suxestións: fai eco na palabra “si”, pronuncia “calar” moi baixiño, pronuncia con máis volume palabras que consideres fundamentais, pronuncia algunhas palabras expresando o mesmo que significan...).
Gravade os recitados e logo escoitádeos e comentade as impresións que vos producen.
Se dixese que si,
que todo está moi ben,
que o mundo está moi bon,
que cada quen é cada quen...
Conformidade.
Admiración...
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Se dixese que acaso
as cousas son así
porque si,
velaí,
e non lle deamos voltas.
(Se aquel está enriba
e aquel outro debaixo
é por culpa da vida.
Se algúns van de porta en porta
cun saco de cinza ás costas
é porque son uns docas.)
Se dixera que si...
Entón sería o intre
de falar seriamente
da batalla de flores
nas festas do patrón.
Pero non.
(Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra)