Antes de empezar, temos que saber para que facemos a descrición xa que hai diferentes tipos. Dependendo do que queiras, terás que enfocala dunha forma diferente. Iso si, sen perder de vista que describimos para que os demais poidan saber como é o que vemos, sen eles téreno diante. Daquela:
Le con atención o seguinte texto:
Para que teñades unha idea do meu aspecto, tentarei describirme con sinceridade: son pequeno, chepudo e esmirrado; teño unha perna máis curta ca outra, polo que calzo no pé dereito un zapato especial cunha sola moi grosa. Que máis? Na cachola só me quedan uns cantos guechos brancos enriba das tempas, e apoio no meu nariz curvo e longo unhas lentes redondas que me resultan imprescindíbeis para traballar. Boca pequena, labios finos, sen pescozo... e coido que con isto abonda para que poidades imaxinar o bo mozo que son.
O castiñeiro de Abril, Antonio Manuel Fraga, ed. Xerais
Unha frase a modo de conclusión.
Agora imos procurar seguir o esquema da descrición anterior. Aquí vai a nosa imitación:
Xa vimos que non é difícil se imitamos os que saben, pero agora temos que facelo nós. O procedemento é o mesmo.
Ofrecémosche outro modelo; este é un chisco máis complicado porque se trata dun retrato: nel descríbense as características tanto físicas como morais dos personaxes. Proba a imitalo:
Olegaria e Berenguela asemellábanse unha á outra como dúas gotas de auga. Eran, sobre todo, dúas mulleriñas longas e fracas coma o pau de remexer as tripas. Desde meniñas foran inseparábeis, e ninguén do barrio vira xamais unha sen a outra. Adoitaban murmurar entre si moi preto da orella para manter en segredo as súas conversas, que adoito remataban cunhas gargalladas secas e molestas que lembraban dous corvos a grallar. A beleza non tiña espazo nos seus rostros. Nos queixos afiados medráballes algún que outro pelo negro, e os seus narices curvos e estreitos estaban adobiados con senllas verrugas. Tiñan boca de serpe, ollos de rato e orellas de macaco. Vestían completamente de negro, deixando só á vista, entre o final da saia e os calcetíns, unhas pernas osudas das que sobresaían os xeonllos, coma se dunhas olivas atravesadas por escarvadentes se tratase. A única diferenza entre as xemelgas atopábase no cabelo: aínda que as dúas o recollían nun moño, Olegaria tíñao negro coma o acibeche, mentres que o de Berenguela era gris.
O castiñeiro de Abril, Antonio Manuel Fraga, ed. Xerais