Fonética: as consoantes do galego

 

Introdución


Ao longo do tema verás estes botóns, que permiten actuar sobre as animacións.

Xa vimos na unidade dúas que os seres humanos cando nos comunicamos de maneira oral facémolo a través dos sons que pronunciamos co noso aparello fonador, pero que non utilizamos todos os sons que somos quen de facer senón que cada idioma selecciona uns cantos que constitúen o seu sistema fonolóxico.

Tamén na mesma unidade falamos de que do total dos 27 fonemas dos que dispón o galego, 7 son de tipo vocálico e 20 de tipo consonántico. Das vogais xa falamos daquela, agora centrarémonos nas consoantes.

Por oposición ao sistema vocálico, o consonántico caracterízase porque na pronuncia de cada consoante poñemos un obstáculo cando soltamos o aire e ademais porque as consoantes son fonemas asilábicos, é dicir, para formaren unha sílaba precisan dunha vogal.


O aparello fonador

 

Os sistema consonántico galego

Loxicamente, se temos 20 fonemas consonánticos iso significa que cando os pronunciamos prodúcense 20 variacións diferentes no noso aparello fonador mais... cales? Estas diferenzas afectan basicamente a tres aspectos:

  • Ao lugar da cavidade bucal onde o pronunciamos: punto de articulación.
  • Á maneira en que poñemos o obstáculo á saída do aire: modo de articulación.
  • A se vibran ou non vibran as cordas vocais cando o pronunciamos: sonoridade.

Fíxate nas seguintes imaxes:


Pronuncia do z

Pronuncia do l


Mentres na primeira se coloca a lingua entre as dúas fileiras de dentes, na segunda colocamos a punta da lingua na parte do padal que está próxima aos dentes, os alvéolos. Por isto dicimos que en canto ao punto de articulación o “z” /θ/ é unha consoante interdental mentres que o “l” /l/ é unha consoante alveolar. Outras maneiras de pronunciar son xuntando os dous labios, apoiando os dentes superiores no labio inferior, apoiando a lingua no veo ou no padal da boca (igual que as vogais velares e palatais)... e segundo iso dise que as consoantes son bilabiais, labiodentais...

Agora observa estoutras:


Pronuncia do p

Pronuncia do f


Mentres para pronunciar a primeira ao principio pechamos a boca e logo abrímola de golpe deixando que o aire saia todo xunto, na segunda deixamos a boca medio aberta permitindo que o aire vaia saíndo devagariño. Por iso dicimos que en canto ao modo de articulacióno “p” /p/ é un fonema oclusivo (porque se produce unha oclusión ao pechar a boca) mentres que o “f” / f / é un fonema fricativo.

Tamén se poden poñer os obstáculos doutros xeitos, así podemos obrigar o aire a saír polas fosas nasais, soltalo aos poucos producindo unha vibración... e entón diremos que as consoantes son nasais, vibrantes...

Para comprobar a sonoridade non che podemos poñer foto, porque non é algo que se note a simple vista, pero fíxate nos gráficos:

A diferenza entre as dúas é que na primeira non se aprecia o movemento de vibración das cordas vocais que si vemos na segunda. Daquela dicimos que o “t” /t/ é un fonema xordo en canto que o “d” /d/ é un fonema sonoro. Proba a colocares os teus dedos nas cordas vocais mentres pronuncias estes sons e verás que si se nota perfectamente.

Ao combinarmos estes tres aspectos que acabamos de ver temos como resultado que cada un dos 20 fonemas se diferencia dos demais cando menos en canto a un destes trazos: ou ben teñen un punto de articulación diferente, ou ben difiren no modo de articulación ou un é xordo mentres que o outro é sonoro. Por exemplo, o /p/ e o /b/ son os dous bilabiais oclusivos pero o /p/ é xordo mentres que o /b/ é sonoro; se non houbese un trazo diferencial entrambos serían un único fonema (aínda que se escribisen dúas letras, como ocorre co b e co v).

Non imos entrar agora nun estudo exhaustivo das características de cada unha das consoantes (iso terás que facelo en cursos superiores), só nos imos fixar na pronuncia dalgúns fonemas con certas particularidades que, ou ben porque non existen en linguas próximas ou ben porque se pronuncian de xeito diferente en distintas partes de Galicia, provocan unha dificultade na súa pronuncia para algunhas persoas.

 

O “n” velar /ŋ /


O “n” é unha consoante que atendendo ao modo de articulación é nasal, é dicir, cando a pronunciamos o aire non é expulsado pola boca senón polo nariz (se probas a pechar cos dedos as túas fosas nasais ao tempo que o pronuncias verás como o aire fai que se che inche o nariz porque quere saír por aí). Pero consoantes nasais hai varias: o eme /m/, o eñe  /ɲ/, o ene de “neno” /n / e o ene de “un” /ŋ/. O que diferencia unhas das outras é o punto de articulación, é dicir, o lugar onde se pronuncia: o /m/ é bilabial, o /ɲ/ é palatal e os enes un é alveolar /n/  (o de “neno”) e o outro velar /ŋ/ (o de “un”).

Fíxate na posición da lingua nas seguintes imaxes e comprobaralo:


algunha

neno

Preme nos botóns verdes para escoitares os sons.

As persoas que non son de orixe galega poden ter dificultade se no sistema fonolóxico das súas linguas iniciais non existe o ene velar, que é o que ocorre nas nosas linguas veciñas. Por iso esas persoas cando teñen que dicir palabras como “unha” tenden a pronunciar o fonema que lles parece máis próximo e din cousas como “*uma, *uña ou *una. De todos xeitos, aínda que estas linguas non teñen ese fonema si que pronuncian ese son, o que sucede é que só o pronuncian en posición final de sílaba. De seres ti unha desas persoas que ten dificultades para pronuncialo, ou de coñeceres alguén nesa situación, o consello para aprender é ben fácil: pronuncia a palabra en masculino e seguidamente pronuncia un “a”: /uŋ–a/, faino rápido e verás como sae.

 

O xe /ʃ/

 

O xe é a letra que se corresponde co fonema /ʃ/, un fonema que pronunciamos apoiando a lingua no padal da boca (no mesmo lugar onde pronunciamos o eñe, por exemplo) mentres deixamos que o aire vaia saíndo pouco a pouco. Fíxate no debuxo:


xouba

Hai algunhas persoas de fóra ou que non falaron galego de pequenas ás que lles custa pronunciar este fonema e no seu lugar pronuncian un che ou un ese. Este fonema supón un problema para as persoas que proveñen do sistema fonolóxico do castelán pero non doutras linguas como o portugués, inglés, francés... porque nesas linguas tamén existe. Por iso a quen non o pronuncie ben págalle a pena aprender a facelo, dado que cun único esforzo apréndese un fonema que serve para falar moitos idiomas.

 

A gheada

 

A gheada é un fenómeno dialectal propio de toda a provincia da Coruña, da de Pontevedra e das partes occidentais das de Lugo e Ourense. As zonas onde a gheada non existe pronuncian nestes casos /g/.


grella

guerra


Hai quen pronuncia a gheada coma se se tratase de pronunciar o iota do castelán pero non se trata realmente do mesmo fonema; o fonema da gheada é o mesmo que pronunciades cando falades en inglés e dicides, por exemplo, “house”. Polo tanto, non é un fonema estraño, aínda que as nosas linguas veciñas tampouco o coñezan. Precisamente porque no castelán non se coñece este fonema e durante moito tempo o castelán era a única lingua que estaba permitida usar no ensino, estendeuse a idea de que a pronuncia con gheada resultaba bruta e isto fixo que moitos falantes intentaran agochala ou cando menos non utilizala nun rexistro formal. Pero isto é ridículo, de igual maneira que cando un inglés pronuncia /:haʊs/ ninguén pensa que sexa un pailán, o mesmo acontece cando un galego/a pronuncia /:háto/; tan culto é facer un discurso ou pronunciar unha conferencia con gheada como sen ela, tan sedutor pode resultar quen fala con gheada como quen non a usa. 

De todos os xeitos, proveñamos dunha zona onde haxa a gheada ou dunha onde non exista, todos os falantes transcribimos este fonema coa mesma grafía, co dígrafo “gu” ou coa letra “g” (dependendo de cal sexa a vogal que vaia despois), aínda que á hora de lermos farémolo pronunciando /h/ ou /g/ segundo prefiramos. Mais se queremos indicar expresamente que a persoa que está falando se expresa con gheada podemos utilizar o dígrafo “gh”, isto só en casos excepcionais.

 

O seseo

 

O seseo é outro fenómeno con distribución dialectal que consiste en que nos falares onde se produce non existe diferenza entre o son do “s”  /s/ e o do “z” /θ/ de maneira que pronuncian todas as palabras con “s”.

En realidade existen dous tipos de seseo, o das zonas onde sempre pronuncian /s/ (seseo total ou explosivo) e o das zonas onde se pronuncia /s/ ao final de sílaba pero /θ/ ao principio de sílaba (seseo parcial ou implosivo).  O seseo total (cabesa, lus...) dáse en case todas as zonas costeiras das provincias de Coruña e Pontevedra mentres que o seseo parcial (cabeza, lus...) afecta á zona central destas mesmas provincias. A zona non seseante inclúe Lugo, Ourense e a zona oriental de Coruña e Pontevedra.

 


paz

decencia

Igual ca no caso da gheada, aínda que na fala se distingan os dous sons, na lingua escrita utilizamos unha única grafía, que neste caso se corresponde coas letras “s” e “c"/"z” e que representa a diferenciación que fai a maioría da poboación entre os dous fonemas. Non obstante, a lectura desas grafías o falante pode realizala segundo a súa pronuncia habitual.

Tamén igual ca no caso da gheada, o seseo é unha pronuncia perfectamente correcta e que, polo tanto, pode usarse (e debe facerse para así preservar a súa existencia) tanto nun rexistro coloquial como no rexistro formal; así o fan linguas da nosa contorna coma o portugués, o francés, catalán... nas que o uso do seseo é a norma e non presupón ningunha idea previa sobre a orixe de quen o fala.

Unha correcta pronuncia é tan importante coma unha correcta ortografía porque é un dos aspectos que serve para mostrar o coñecemento da lingua que posuímos e, polo tanto, o noso nivel lingüístico e cultural. Por iso debemos esforzarnos por pronunciar a nosa lingua de forma correcta; non se trata de saber cales son as características dos fonemas, de se son bilabiais,  palatais, fricativos, velares... trátase, claro está,  de saber pronuncialos. Se cadra, nalgúns casos para isto fará falta certa reflexión sobre estes aspectos lingüísticos pero o que non falla nunca é aquilo de que a falar apréndese falando.