Fonética: as vogais

 

As vogais da lingua galega


Fonema, son e grafía

Os seres humanos cando nos comunicamos de maneira oral facémolo a través dos sons que pronunciamos co noso aparello fonador. En realidade somos capaces de realizar moitos sons diferentes pero non todos eles os empregamos para comunicarnos lingüisticamente, cada lingua selecciona uns poucos,  de feito unhas linguas seleccionan uns e outras outros. Aos sons que selecciona cada lingua chámanselle fonemas. Cando unimos varios fonemas pronunciamos unha sílaba e ao unirmos sílabas temos as palabras.

Todas estas letras son distintas entre si, porén calquera de nós é capaz de interpretalas como a mesma unidade, o fonema /b/.
Cando se inventou a lingua escrita fíxose necesario plasmar eses fonemas en algo que se puidese ver e así naceron as letras. Polo tanto, cando falamos e cando escribimos estamos a usar a mesma lingua, pero nun caso empregamos os sons e no outro as letras. Deste xeito, resulta evidente a diferenza entre o son (onda que se emite cos órganos fonadores e que o receptor percibe polo oído) e a letra (marca gráfica que representa na escrita o son).

Con todo, na lingua non hai unha correspondencia directa entre as letras e os fonemas. Compróbao:

  • Aínda que escribimos b e v como letras diferentes, lemos estas letras do mesmo xeito [b].

  • Hai letras que non se pronuncian (o h, ou o u nos dígrafos, por exemplo).

  • Hai letras que se corresponden con dúas pronuncias diferentes (por exemplo o c lese distinto dependendo da vogal que vaia a continuación e as letras o e e  teñen cada unha delas dúas pronunciacións diferentes).

Así pois, cada lingua está constituída por un grupo de fonemas (en galego son 27) que se distinguen uns dos outros dependendo de que órganos interveñen na pronunciación e tamén de como expulsemos o aire cando pronunciamos. O primeiro subgrupo que se pode establecer é o que diferenza entre vogais e consoantes.

 

Os fonemas vocálicos do galego

Os fonemas vocálicos son os que pronunciamos cando deixamos que o aire saia pola boca libremente, sen poñerlle ningún obstáculo; pola contra, se poñemos algún obstáculo (os labios, os dentes, a lingua…) pronunciaremos unha consoante. Fíxate nas seguintes imaxes, que mostran a pronuncia dun /a/ e dun /p/:


Á súa vez, as vogais diferéncianse unhas das outras por dous aspectos: a abertura e a posición da lingua. Así temos que, en canto á abertura, distinguimos:

  • Unha vogal que pronunciamos coa boca moi aberta /a/.

  • Dúas vogais que pronunciamos coa boca case pechada /i/ /u/.

  • Dúas  vogais que pronunciamos coa boca medio aberta /ɛ/ /ɔ/.

  • Dúas vogais que pronunciamos coa boca medio pechada /e/ /o/.

E en canto á posición da lingua facemos tres grupos:

  • As que se pronuncian coa lingua no centro: /a/.

  • As que se pronuncian na parte de atrás da boca: /u/ /o/ /ɔ/.

  • As que se pronuncian na parte de diante da boca: /i/ / e/ /ɛ/.

 

Vexamos como se pronuncian as sete vogais do galego:

a
adiar
aire
amarela

O a é a vogal máis aberta de todas. A súa pronuncia realízase abrindo totalmente a boca e deixando a lingua no centro da mesma.


Estas vogais diferéncianse na pronuncia, pero non na escritura, xa que o galego só ten cinco letras para representar as vogais (i, e, a, o, u); deste xeito a letra e representa tanto ao e aberto /ɛ/ coma ao e pechado /e/, e o mesmo ocorre co o, que pode ser aberto /ɔ/ ou pechado /o/.

Como vimos, isto non é unha situación anómala pois sucede tamén con outros fonemas, pero para algúns falantes semella que supón un problema á hora de diferenciar se están pronunciando un o ou un e abertos ou pechados, e incluso hai quen di que non é quen de pronuncialos. É moi importante que unha persoa saiba pronunciar ben os fonemas da súa lingua e tamén recoñecelos cando os escoita porque un erro na pronuncia dun único fonema pode dar lugar a que interpretemos palabras diferentes xa que hai moitas palabras que se diferencian precisamente pola pronuncia dun único son, fíxate: /’bala/ / ’bɛla/ / ‘bela/ /‘bila/ /’bɔla/ /‘bola/ /’bula/.

Pero podes estar tranquilo/a, todas as persoas galegas, sexan ou non galegofalantes (e incluso as que non son galegas) saben pronunciar e, de feito, pronuncian constantemente tanto as vogais abertas como as pechadas. Só tes que comprobalo: non coñeces a ninguén que se chame Pepe? pois, se te fixas, cada vez que chamas por el xa pronuncias na mesma palabra un e aberto e un e pechado. Daquela, se se saben pronunciar, como non se van distinguir?, só é cuestión de pór a orella…