Os elementos da comunicación oral: aspectos visuais

 

Cando falamos de aspectos visuais na comunicación estámonos a referir a todos aqueles elementos non relacionados coa lingua que nos axudan a transmitir a mensaxe: acenos, miradas, posturas...

A diferenza do que ocorre coa linguaxe verbal, os aspectos visuais comunican ata sen nós querelo; de feito, non sempre podemos evitar que as nosas reaccións “delaten” o que pensamos ante algo que oímos. Por iso debemos ser conscientes do significado e da importancia destes elementos para asegurar que non se produzan interferencias indesexables na comunicación; esta consciencia axudaranos, como falantes, a transmitir a información con máis seguridade e confianza e, como oíntes, a non producir en quen está falando unha sensación de incomodidade.

 

Tipos e significado dos elementos visuais: os xestos

Na meirande parte das ocasións, os acenos son uns elementos moi valiosos que nos axudan  para complementar o contido da información cando nos comunicamos de xeito oral. En realidade, segundo o uso que fagamos deles,  diferenciamos distintos tipos de xestos:

  • Os que están asociados a un significado concreto e son independentes da linguaxe oral, pois non necesitan formar parte dunha conversación para poderen ser interpretados: levantar ou baixar o polgar, facer un “V” cos dedos, axitar a man para despedirse...

  • Os que nos serven para reforzar o que estamos dicindo, por exemplo, os movementos das mans cando estamos falando.

  • Os que empregamos para organizar a conversa, como por exemplo:  asentir ou negar cando nos falan en sinal de aprobación ou rexeitamento, engurrar o cello para que quen nos fala perciba que non entendemos e repita o que dixo...

  • Os que usamos para expresar, na maior parte dos casos de maneira inconsciente, estados de ánimo ou sentimentos (ansiedade, desinterese...), así, por exemplo: tocar o pelo cando falamos, cruzar os brazos...

Moitos dos acenos que fai o ser humano para se comunicar son innatos e por iso teñen o mesmo significado en calquera lugar do planeta (por exemplo, abrazar a alguén para mostrarlle cariño) pero hai outros que, igual que os idiomas, teñen carácter social, é dicir, apréndense no seo dunha determinada comunidade. É por iso que algúns teñen un significado dentro dunha cultura mentres que noutra teñen unha interpretación diferente, ou mesmo carecen de significado (por exemplo: aplaudir, saudar con bicos, afirmar ou negar coa cabeza...).

En todos os actos de comunicación (incluso nos involuntarios) empregamos acenos, mais non deben ser interpretados sempre da mesma maneira. En realidade, cando nos atopamos nunha situación comunicativa informal (coas amizades, coa familia...) podemos facer un uso máis libre deles, pero cando estamos nunha situación formal (na clase, nunha exposición ante un público, nun exame, nunha entrevista de traballo...) debemos ser conscientes do significado e do uso dos movementos que facemos co noso corpo.

 

A xestualidade nas exposicións públicas


Entre os movementos cos que apoiamos a comunicación ao falarmos podemos destacar  os seguintes:
  • A expresión facial: Son os movementos que facemos coa cara; con eles podemos expresar alegría, tristeza, enfado, noxo, emoción, sorpresa ou interese. Facémolos tanto cando falamos como cando escoitamos, e condicionan o comportamento do noso interlocutor porque reacciona ante eles. Cando falamos en público debemos ter moito coidado coa excesiva xestualización, pois pode producir unha mala impresión en quen nos escoita.

  • A mirada: É un dos indicadores que lle serven á outra persoa para saber se estamos escoitando. Debemos atender ao seu uso correcto, pois se mantemos a mirada fixamente transmitimos a sensación de hostilidade e, pola contra, se a baixamos transmitimos submisión, inseguridade... O ideal é mirar a quen nos fala pero non directamente aos ollos de maneira continuada e, se somos nós os emisores faremos o mesmo, no caso de que se fale para varias persoas haberá que dirixir a mirada de maneira alterna a todas elas e se é unha sala grande procurarase chegar a todos os espazos. Mirar a audiencia é un modo de manter a atención, a persoa que recibe a nosa mirada sente que se fala para ela; aqueles/as que non reciben a nosa mirada van ter a sensación de que non os/as temos en conta.

  • O sorriso: Ademais de expresar alegría ou felicidade serve para relaxar a tensión e transmitir seguridade á persoa que nos está falando. Claro que isto só ocorre cando o sorriso é franco, porque hai sorrisos que poden expresar inseguridade, falsidade, sentimento de superioridade…

  • As posturas: Os actos que máis información ofrecen sobre a nosa maneira de ser son como camiñamos e como sentamos. Unha persoa que anda coa cabeza e os ombreiros erguidos dá a sensación de que está segura de si mesma, pola contra, se ten os ombreiros caídos ou vai moi amodo intuímos que é desleixada, insegura, preguiceira... Á hora de sentar pasa o mesmo, tanto coa postura como co lugar que escollemos: se na aula ou nunha charla sentamos atrás mostramos o noso desinterese ou o noso desexo de pasar desapercibidos e se sentamos diante é xusto ao contrario. En canto á maneira de sentar, o normal cando queremos causar boa impresión é apegar o corpo ao respaldo da cadeira e ocupar toda a base do asento; debemos tomar unha posición cómoda (nin recostados nin afundidos), manter os brazos sempre sobre a mesa, evitar movementos cos pés ou as pernas que distraian a atención do que nos ve, evitar as mans pechadas, os brazos ou pernas cruzados...
    Se temos que facer unha exposición é preferible non sentar, debemos estar de pé diante do noso auditorio, incluso podemos nalgún momento camiñar un pouco  (sen marear a quen escoita) pero sempre de xeito erguido e sen dar as costas aos interlocutores.
  • Os movementos coas mans: Como mencionamos antes, é habitual (e recomendable) acompañar os nosos actos elocutivos con movementos das mans, pero sen esaxerar. Unha das accións máis frecuentes é mostrar as palmas, o que se asocia coa verdade e a honestidade; tamén ofrecen unha imaxe positiva outros movementos  como xuntar os polgares ou xuntar os dedos das dúas mans mantendo as palmas separadas; pola contra, entrelazar as mans ou agarrar con unha o pulso da outra, tocar o pelo... deixan ver o noso nerviosismo e a inseguridade. En todo caso, as mans é preferible que estean á vista, nunca nos petos dos pantalóns; tampouco debemos cruzar os brazos mais, de non podermos disimular o nerviosismo, podemos nalgún momento da disertación colocalas nas costas, pero sempre momentaneamente.

  • Os movementos coas pernas: As pernas tamén son moi importantes: se estamos de pé debemos procurar non andar dando pasiños ou abaneándonos e, tanto que esteamos sentados como de pé, debemos evitar telas cruzadas, porque se interpreta como inseguridade no que dicimos.

  • A utilización de obxectos: Aínda que durante a nosa exposición si podemos ter un  obxecto que poder agarrar e así calmar a ansiedade, é recomendable que deamos unha xustificación a este acto. Así, por exemplo, podemos ter un bolígrafo que nun determinado momento utilicemos para sinalar algo; o que non debemos facer é “marealo”.

  • A imaxe persoal: Outro aspecto que comunica moito sobre nós é a nosa imaxe persoal; todos e todas sacamos unha primeira impresión sobre como é alguén a partir da imaxe que proxecta: como vai vestido/a, como se peitea, os accesorios que loce...  Con todo, debemos de ter moito coidado de non xulgar a ninguén só pola súa aparencia (pode que un home vestido cunha funda azul de obreiro non sexa un obreiro, se cadra é un médico que vive no campo e no seu tempo libre practica a xardinería, por exemplo), pois ás veces o aspecto físico non é máis que un disfrace e non todas as persoas aceptan a escravitude da estética podendo ocorrer que detrás dunha aparencia máis ou menos desleixada se esconda alguén realmente interesante, ou viceversa.

    De todas formas, moitas veces vémonos na obriga de vestir dunha ou doutra maneira dependendo da situación na que nos encontremos. Así nunha entrevista de traballo (dependendo de cal sexa o traballo) pode ser que teñamos que vestir dun xeito formal, e o mesmo ocorre nunha exposición pública.

    Pero isto terá que preocuparche máis adiante porque de momento as exposicións que ti farás serán principalmente na aula e, nesas circunstancias, o principal é que te mostres natural; e en canto á vestimenta, se che preocupa ter moitos ollos fixos en ti, podes vestir algo cómodo, co que te sintas  a gusto ou que saibas que che senta especialmente ben, deste xeito terás maior seguridade en ti e isto axudarache na túa exposición.