Os elementos da comunicación oral: aspectos vocais

 

Para que a comunicación oral sexa o máis eficaz posible, debemos tamén coidar os aspectos que nos permiten canalizar a información, tanto os que van asociados á verbalización das ideas (aspectos vocais) como aqueloutros que teñen máis que ver coa presentación que facemos cando falamos (aspectos visuais). Resulta fácil de entender que cando usamos a lingua a nivel escrito nos valemos dun sistema de signos que nos permiten achegarlle ao interlocutor o que nós pensamos; ese sistema é a ortografía; pois, cando falamos, a ferramenta que nos serve para vehiculizar o pensamento é a voz. Pero a voz é moito máis que un sistema de transmisión, o seu papel é clave para conectar co auditorio xa que, empregada correctamente, axúdanos a manter a atención do público, a transmitirlle emocións e a destacar aquilo que queremos comunicar.

 

As calidades da voz

A voz está formada por unha serie de elementos (volume, ton, timbre…)  que, como dixemos,  non teñen relación coa lingua pero que son o vehículo para que esta chegue a nós e percibamos de maneira, máis ou menos clara, a mensaxe do emisor. Vexamos en detalle cales son estes aspectos vocais presentes na comunicación oral:


  • Ton: O ton é a entoación coa que pronunciamos cando falamos; pode ser enunciativo, interrogativo, imperativo, exclamativo ou dubitativo. Loxicamente, está relacionado coa intención que teñamos en cada caso: convencer,  ironizar, preguntar, exemplificar... É evidente que se a entoación non é adecuada a mensaxe non se entende, pois non é o mesmo afirmar que interrogar, por exemplo.


  • Ritmo: O ritmo vén marcado pola cantidade de palabras que dicimos por minuto e polas pausas que facemos. En certo modo está determinado polas características físicas (pois aínda que todas as persoas precisamos facer pausas para respirar, unhas aguantan máis tempo ca outras entre pausa e pausa), pero a maior ou menor cantidade de palabras e de pausas depende tamén doutros factores, como por exemplo, de que queiramos destacar certas partes do discurso.
    O ritmo debe de ser axeitado, xa que se é demasiado rápido dificulta a comprensión porque fatiga (tanto a quen emite coma a quen recibe) e ademais non permite que se comprenda a totalidade da mensaxe. Pola contra, se o ritmo é demasiado lento tamén dificulta a comprensión porque fai que o receptor se evada ou se durma.


  • Volume: Refírese á maior ou menor intensidade coa que falamos e, á súa vez, depende da maior ou menor cantidade de aire que expulsemos ao falar. Se falamos cun volume moi alto precisamos máis aire e, polo tanto, cansamos antes.  Pero para elixir o volume que debemos utilizar fixarémonos en aspectos como o tamaño da sala na que esteamos, o número de interlocutores aos que nos dirixamos ou o ambiente e a relación que queiramos establecer con eles. Ademais,  se falamos moi baixiño, pode producir a impresión de que somos persoas moi tímidas ou inseguras e se falamos excesivamente alto podemos molestar aos interlocutores e ofrecer a sensación de que nos comportamos de xeito autoritario e fachendoso.


  • Vocalización: É a correcta pronunciación de cada un dos sons que compoñen unha lingua. Para que exista unha boa comunicación é imprescindible que a persoa que emite vocalice perfectamente, é dicir, que fale con claridade, que se lle entenda ben todo o que di, que non coma sílabas, que articule ben os distintos sons…


  • Timbre: É a “personalidade” de cada voz, o conxunto de características que fai que cada voz sexa diferente das demais e que recoñezamos a alguén pola súa maneira de falar aínda que non o/a vexamos. Obviamente o timbre é unha característica natural e hai persoas que teñen un timbre que fai a súa voz máis agradable e outras que non teñen a mesma sorte: hai voces que resultan cálidas e outras frías, unhas son máis claras e outras máis escuras, hainas máis suxestivas  e máis distantes, unhas son graves e outras agudas…

Un aspecto moi importante dentro da comunicación oral é o silencio. Como o seu nome indica, o silencio consiste en deixar de emitir sons. Isto prodúcese cando realizamos unha pausa, ben porque rematamos unha idea e comezamos outra, ben porque imos comezar unha explicación... Outras veces, o silencio, emprégase como un elemento que comunica por si mesmo, e adoita producir sensacións de intriga, espera... Ten unha relación moi directa co ritmo, pois valémonos das pausas para destacar determinadas palabras ou frases e deste xeito determinamos a velocidade coa que emitimos as mensaxes.

Debemos de ter consciencia da importancia de todos estes elementos. É certo que algúns deles, como o timbre por exemplo, son calidades coas que se nace e que adornan ás persoas que as posúen e ademais pode facilitarlles unha saída profesional en campos como a locución xornalística, a música, a dramaturxia… pero a correcta utilización dos outros (como o volume, o ritmo, a vocalización…) conséguese traballándoos. Cando preparamos unha exposición pública debemos valorar o uso que imos facer destes elementos e empregalos debidamente, pois o seu papel é fundamental para conseguir que calquera charla resulte exitosa ou, pola contra, se convirta nalgo pesado, por moi interesante que sexa o contido e ben organizado que estea.